‘Sempre en Galiza’, da A.G. Rosalía de Castro de Cornellà, conmemora o seu 40 aniversario cun programa especial
O equipo actual do programa, dirixido polo profesor Xulio Couxil, na emisora municipal Radio Cornellà, arranxou un especial con entrevistas aos antigos directores do mesmo e colaboradores como Henrique Fernández, Manuel Rodríguez Julián, Xosefina González, Emilio L. López, Xulio Simón, Serxio Seoane, A. Díaz e Armando López entre outros, tamén contou coa participación en directo da directora de Radio Cornellà, Mireia Navarro, e a chamada de Rocío García, diputada no Parlamenteo de Catalunya, que quixeron arroupar coa súa participación a este programa, un dos máis veteranos de Radio Cornellà. Desprazáronse á sé da A.C.G. Rosalía de Castro, na rúa Garraf, os medios precisos para emitir o programa diante dos socios.
Un cuarteto de gaiteiros interviñeron para amenizar as intervencións, xunto coas ‘Rosalieiras’. Recibiunos o presidente da entidade, Oliver Fernández, e agradeceu á directora da Radio a súa acollida e colaboración por desprazar os medios precisos para esta emisión especial. Salientar unha das entrevistas e felicitacións moi destacables, a de Marisa López Teijón, doutora en medicina, xinecóloga, investigadora e divulgadora. Coñecida pola súa traxectoria no ámbito da reproducción asistida e pola súa participación en proxectos relacionados coa innovación e a vivenda colaborativa. As felicitacións recibidas fóronse escoitando entre as diferentes intervencións en directo que se foron sucedendo ao longo da emisión do programa, e pódense voltar a escoitar no blog: https://semprengalicia.blogspot.com/.
No mes de abril de 1986, desde as ondas de Radio Cornellà, emítise a primeira edición do programa, co nome ‘Sempre en Galiza’, adoitado en homenaxe ó libro de Castelao do mesmo nome, e baixo a dirección de Manuel Rodríguez Julian –presidente fundador da A. C. G. Rosalía de Castro, de quen depende o programa–. Durante os 40 anos de andadura, pasaron pola dirección do programa o xa nomeado e fundador do mesmo, Manuel Rodríguez Julián, que o dirixiu durante ano e medio; Ramón López Pérez, que foi director durante oito anos; Xosefina González González, Rosa Reboredo, Emilio Luís López Arias, Xosé Lamela, Serxio Seoane e na actualidade Xulio Couxil. Baixo a dirección destas persoas é nas que se fundamentou a permanencia do programa. Moitos foron os colaboradores que semana a semana participaron desinteresadamente na realización do mesmo como locutores, e nas tarefas de produción, nomeamos algunhas das que lembramos, comezando polos primeiros tempos: Xulio Simón, Montse, Mari Paz, Luís Bernedo, Mila Centeno, Adela Trigo, Maruxela Danoz, Xosé Manuel F. Montes, Alberte Montes, Antón Fernández, Iria Fernández, entre outros moitos, que de vez en cando pasaron polo programa, e desde Galicia Masito Beiró foi o eixe fundamental para ter ó día as noticias de interese, ós oíntes do programa, tamén subliña-la colaboración desde Lugo nos primeiros anos da emisión, do finado xornalista Manuel Rodríguez. Actualmente colaboran como corresponsais, dende Galicia Xulio Simón Rúa –dende Combarro–, Oscar Manuel Rey Calo –dende a Costa da Morte–, Xoan Arco da Vella –dende Marín–, Fernanda Follana Neira –dende os Ancares lugueses–, Luis Losada –coas “palabras voadoras, dende Pontevedra–, e algunhas colaboracións literarias do poeta Paco Ribas, dende a Mariña luguesa. Dende a dirección actual deste programa agradecen a re-emisión do mesmo en Radio Roncudo, os domingos pola mañá e en Radio Fene os luns.
Durante a súa andadura pasaron polo programa numerosas personalidades da cultura, política, comunicación etc. entre os que podemos atopar a personalidades da talla de: Anxo Carracedo, Sonia Villapol, Xosé Ramón Gaioso, Josep Ritort, Anxo Angueira, Daniel Glz. Palau, Xosé González Martínez, Xabier Díaz, Bieito Romero, Aida Tarrío... etcétera. Unha longa lista de personalidades, escritores, poetas, actores, músicos, artistas, deportistas, políticos, cineastas que, xunto coas diferentes seccións do programa configuraron a andaina dun dos programas de radio en galego máis antigos realizados hoxe en Cataluña, o que xa ten que ser mención obrigada para poder interpreta-la historia da comunidade galega en Cataluña, obxectiva e cualitativamente, sen descavo do resto dos programas que se realizaron e se están emitindo na actualidade.
Hoxe o programa ‘Sempre en Galiza’ emitise tódolos sábados de 18 a 20 horas, no 104.6 da FM e tamén a través de internet en www.cornellaweb.com/radio, o equipo esta composto por: Xulio Couxil, Armando Fernández e Antonio Díaz, esporádicamente. Dende Galicia os corresponsais xa mencionados anteriormente, Xulio Simón, Oscar Rey, Xoan Arco da Vella, Fernanda Follana, Luís Losada e Paco Rivas. O programa ben a ser unha especie de ‘magasin’ onde teñen cabida tódolos temas de interese relacionadas con Galicia, en especial temas de cultura, poesía, musica e actualidade, así como a divulgación das actividades da Comunidade Galega en Cataluña, con especial dedicación ás actividades da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, de quen depende a realización do programa.