Un parque de Barcelona é bautizado co nome do ilustre galego Tiberio Ávila
Despois da publicación no ano 2007 do libro ‘Máis que nós, ninguén’, do historiador Manoel Carrete, editado polo Concello de Barcelona, no que se fai unha referencia especial ao ilustre vianés Tiberio Ávila Rodríguez –emigrante galego en Barcelona no século XIX–, o consistorio barcelonés fíxose eco da figura de Ávila e, a proposta do propio autor do libro, así como dun grupo de persoas de Viana do Bolo, residentes en Barcelona, decidiu pórlle o nome do polifacético galego a un xardín ubicado no distrito de ‘Nou Barris’.
Por tal motivo, o pasado venres día 19 de xuño, unha delegación do Concello de Viana do Bolo (Ourense), encabezada polo tenente de alcalde, Serafín Sierra Bembibre, e o concelleiro de Medio Ambiente, Licesio González, viaxou a Barcelona para coñecer de cerca o estado das obras de urbanización do parque que desde agora leva o nome de Tiberio Ávila.
Os representantes do Concello de Viana foron recibidos por Mario García Gómez, un galego que ocupa o cargo de ‘Comissinat per la Zona Nort’ de Barcelona, na rexeduria do destrito de Nou Barris, ao cal pertence o devandito parque, onde quixeron agradecer ao Concello de Barcelona esta homenaxe a un fillo de Viana.
Asemade fixeron os primeiros traballos organizativos para, cando a urbanización do parque acabe –prevista para finais de ano–, facer un acto conxunto para a súa inauguración á que asistirán o alcalde de Barcelona e o de Viana.
A comitiva foi recibida no aeroporto de Barcelona polo historiador Manoel Carrete e unha delegación de vianeses residentes en Cataluña, entre eles o profesor Xulio Couxil, desde onde se dirixiron a facerlle unha visita ao histórico edificio barcelonés ‘Casa Llotja’, sede da ‘Real Academia Catalana de Bellas Artes’, onde Tiberio Ávila foi catedrático ala pola década de 1880.
Alí puideron ollar o libro de actas da Academia firmado por Tiberio, ademais de facer un percorrido polas instalacións nas que se puido ver o incalculable patrimonio artístico e cultural que a Academia foi atesourando desde a súa creación, en 1771, e na que Tiberio deixou a súa pegada.
Despois de visitar a Academia e unha vez feitos os protocolos de rigor no Concello de Barcelona, visitaron o lugar onde se atopa xa posta a placa co nome de ‘Jardins de Tiberio Ávila Rodríguez, (Viana do Bolo 1843-Barcelona 1932) farmacéutico, pintor, xurista e político’.
O devandito Parque atopase no Barrio de Horta de Barcelona, a beira da Praza Castelao, que a ‘A.C.G. Saudade de Barcelona’ e o Concello lle dedicaron hai xa uns cantos anos; un barrio onde aínda hoxe viven a maioría de galegos residentes na cidade condal.
Pola tarde acudiron á localidade de Mollet del Vallès, unha vila preto de Barcelona e na que a Irmandade Galega ‘A Nosa Galiza’ celebra o seu 30º aniversario.
Entre os actos destacados do evento, este día inaugurouse a exposición titulada ‘Os papeis da emigración galega en Cataluña’, un legado propiedade do historiador Manoel Carrete, e na que se amosa a evolución histórica dos galegos que chegaron a Barcelona nos últimos tres séculos.
Loxicamente, Tiberio é un dos principais protagonistas, xa que el foi un dos fundadores do ‘Centro Galego de Barcelona’ o día 7 de abril de 1892, sendo Tiberio o primeiro vicepresidente e o presidente, Francisco Bastón i Cortón, outro ilustre galego en Barcelona.
Tamén visitaron as dependencias da ‘A.C.G. Alborada de La Llagosta’, onde conversaron co seu presidente, Xosé Luís Salgueiro, e algúns socios precedentes de Viana do Bolo.
Ámbalas dúas institucións comezarán a traballar nun proxecto de colaboración cultural do que seguramente máis adiante poderase concretar máis.