Fundou o Laboratorio de Formas do que saíron o Complexo Industrial Salgadelos e Ediciós do Castro

En memoria dun artista polifacético que cultivou tamén o teatro, a crítica e o ensaio

Isaac Díaz Pardo veu ao mundo en Santiago de Compostela no ano 1920. A súa educación estivo marcada pola estreita relación que seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño, mantiña cos intelectuais galeguistas máis destacados da época (Otero Pedrayo, Castelao, Cabanillas, Vilar Ponte, Risco...).
En memoria dun artista polifacético que cultivou tamén o teatro, a crítica e o ensaio
O artista galego no Laboratorio de Formas, en Santiago de Compostela, no ano 2008.

Isaac Díaz Pardo veu ao mundo en Santiago de Compostela no ano 1920. A súa educación estivo marcada pola estreita relación que seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño, mantiña cos intelectuais galeguistas máis destacados da época (Otero Pedrayo, Castelao, Cabanillas, Vilar Ponte, Risco...).

Iniciou o seu compromiso activo con Galicia no ano 1936, no marco da campaña a prol do Estatuto de Autonomía para Galicia. Tres anos máis tarde accedeu a unha bolsa de Artes Plásticas na Deputación Provincial da Coruña e comezou a estudar Belas Artes na Escola madrileña de San Fernando introducíndose no deseño industrial.
Completou a súa formación cunha viaxe de final de carreira a Italia e, ao seu regreso, encetou unha etapa de dedicación plena á pintura que chegou ata o 1948, ano no que se entrega por completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e empresarial que visaba, dun lado, a modernización e internacionalización da nosa cultura e, doutro, a rexeneración da desarticulada historia de Galicia. Así e todo, a pintura seguiu presente no seu labor creativo posterior (escenografías, obra gráfica...).

Cerámicas do Castro
A pequena fábrica de cerámica do Castro de Samoedo (Sada-A Coruña) fora posta en marcha por Isaac un ano antes explotando as materias primas do primitivo complexo de Sargadelos (Cervo-Lugo) creado no século XIX por Antonio Raimundo Ibáñez.
Foi na Arxentina onde coñeceu os galeguistas exiliados, montou unha nova fábrica de cerámica e entablou amizade con Luís Seoane e a revista ‘Galicia Emigrante’, na que participou baixo o pseudónimo Ollarnovo.
Desde entón, Seoane convertiuse nun estreito colaborador nas iniciativas culturais e empresariais do compostelán e, co apoio doutros galeguistas (Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor e Laxeiro) fundou en 1963 o Laboratorio de Formas, ao que se incorporaría posteriormente o arquitecto Andrés Albalat. Desde el irían tomando forma proxectos como o Complexo Industrial Sargadelos e Ediciós do Castro (ambos en 1963), o Real Patronato de Sargadelos (encargado da protección do recinto do primitivo complexo, declarado en 1972 conxunto histórico-artístico), o Museo Carlos Maside (1970), o Instituto Galego de Información (a partir dunha idea do xornalista Lorenzo Varela) ou o novo Seminario de Estudos Galegos.
A inxente actividade rexeneradora promovida por Isaac Díaz Pardo atinxiu todo tipo de actos e iniciativas en que se plasmou a súa idea, afastada das visións folcloristas, dunha nación galega proxectada cara o futuro.
No eido literario, o labor do galeguista Díaz Pardo non se limitou a soster unha plataforma editorial: foi cultivador de varios xéneros, desde o teatro, a crítica e o ensaio ata os carteis de cego, para alén dunha continuada presenza nos medios xornalísticos.
En xaneiro de 2007 foi nomeado doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña e morreu na cidade herculina en xaneiro de 2012.