Día da Muller na Asociación Rosalía de Castro de Cornellá

O pasado día 8 de marzo conmemorouse o Día Internacional da Muller Traballadora e este ano, como ven sendo habitual desde hai moitos, a cidade de Cornellá organizou actividades de sensibilización a favor da igualdade de xénero.

Día da Muller na Asociación Rosalía de Castro de Cornellá
Un momento dos actos do Día da Muller.

O pasado día 8 de marzo conmemorouse o Día Internacional da Muller Traballadora e este ano, como ven sendo habitual desde hai moitos, a cidade de Cornellá organizou actividades de sensibilización a favor da igualdade de xénero, impulsadas polo ‘Consell Municipal de la Dona’ e coa colaboración das principais entidades socioculturais da cidade, nas que a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro ten un papel destacado, xa que ademais de organizar o seu propio acto participa activamente no resto de actividades que desde o Concello se levan a cabo.

Neste senso, o día 16 de marzo tivo lugar o acto principal da entidade galega en Cornellá, coa celebración dunha conferencia na que o teatro e a muller foron protagonistas, o actor e xornalista Joaquín Daniel (nacido en Arxentina de descendencia galega vive en Barcelona desde o ano 2002) disertou sobre unha escolma de mulleres que deixaron a súa pegada no teatro, mulleres pioneiras que van desde María Balteira, pasando polas cupletistas do Paralelo de Barcelona e as súas peripecias, María Sauderson, Eva Hibernia, Ariene Mnouchkine, Eva Perón e Margarita Xirgu ata os días actuais con actrices como Laura Muñoz, entre outras, de todas elas Joaquín Daniel fixo unha lembranza e significou a importancia de cada unha no seu tempo que lle tocou vivir.
No remate da conferencia o cantautor Alfredo González ofreceu un recital no que interpretou cancións do seu repertorio, que arranxou para musicar a obra de teatro ‘Os vellos non deben de namorarse’ de Castelao que desde hai un ano teñen en cartel o grupo teatral ‘Andoriña’ da A.C.G. Rosalía de Castro e que xa representaron e diversos escenarios de Cataluña e logo teñen previsto levar a Galicia.
A o evento que encheu as instalación da entidade asistiron diversas representantes do Concello de Cornellá como a vicepresidenta do ‘Consell Municipal de la Dona’, Judi Ibañez; a concelleira delegada de Acción Comunitaria, Juventud y Solidaridad, Nelia Martínez e Aurora Mendo, concelleira do distrito da Gabarra, no que se afinca a entidade.
Logo as mulleres da Asociación convidaron aos asistentes a una degustación de produtos típicos da repostería galega elaborados por elas mesmas para rematar estas datas coa celebración festiva dedicada a tódalas persoas que sofren a discriminación por razón de sexo.
Días antes, a entidade Rosalía de Castro participou activamente na organización do evento máis significativo que se organiza en Cornellá desde hai 16 anos cando o Concello creou o ‘Consell Municipal de la Dona’, como é a cea das mulleres que tivo lugar no Pazo de Congresos da Fira de Cornellá, máis dun milleiro de mulleres asistiron, e na que se recadaron fondos para loitar contra a desigualdade de xénero. A entidade Rosalía de Castro, ademais da participación activa das súas mulleres o seu grupo da Danza e a Banda de Gaitas foron os que lla puxeron os acordes musicais ao evento.