Tribuna abierta de Antonio Díaz Fernández

Cincuenta anos da I Mostra do Libro Galego en Cataluña

O 17 de maio de 1972 tiña lugar en Barcelona a presentación da I Mostra do Libro Galego en Catalunya. Deste xeito este ano 2022 conmemórase o seu 50º aniversario. Un feito que pasou sen ningunha dedicatoria na colectividade galega actual, xa que, eu saiba, ningunha das dúas decenas de entidades galegas existentes fixeron algunha actividade para conmemorar este evento de tal relevancia para a historia da literatura e a cultura galegas en Catalunya, e coido que é de xustiza poñer en valor o evento histórico, e tendo en conta que en 1972 este país, aínda estaba gobernado por una ditadura á que moitas das obras expostas estaban ‘exiliadas’, por ser cauto.

Cincuenta anos da I Mostra do Libro Galego en Cataluña
Antonio Diaz
Antonio Díaz.

Foi a Real Academia da Lingua Galega quen se fixo eco da efeméride dedicándolle na súa web un artigo no que se narran os feitos do evento que tivo lugar, do 17 de maio ao 17 de xuño de 1972, en Barcelona a denominada I Mostra do Libro Galego en Catalunya, patrocinada pola Galería Sargadelos que precisamente nese mesmo ano abría a súa tenda do libro e artesanía galega en Barcelona.

A afamada Galería Sargadelos de Barcelona, ademais da venda de libros en galego e as figuras e louza de Sargadelos, era un lugar onde se facían actos de promoción da cultura galega como exposicións, presentación de libros, conferencias, etcétera.  Desde a súa apertura, procurou ser unha auténtica embaixada de Galicia en Cataluña. A deriva e vaivéns da empresa fundada en 1809 polo Conde de Sargadelos, na Aldea de Sargadelos O Cervo Lugo, volvía outra vez, impulsada por Isaac Díaz Pardo na súa quinta xeración, en 1947, ata que mudou a súa estratexia, centrándose na comercial e deixando a promoción da cultura galega á marxe, coa saída e o posterior finamento do grande artista galego en 2012, entre outras cousas, o que durante tantos anos fora un referente do libro galego a as figuras de Sargadelos en Barcelona. En 2014 pechou as portas. Hoxe moitos galegos residentes aquí, votámola en falta.

Segundo recolle a Real Academia Galega, “esta exposición fíxose posible grazas á colaboración de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Penzol, o Museo Carlos Maside e a Real Academia Galega. No cincuentenario deste acontecemento, a RAG lembra a súa participación coa achega de importantes pezas. Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, membros da Academia, coa colaboración de Valentín Arias López, encargáronse da organización do evento. Dous días antes da inauguración, saía do prelo o catálogo que recollía as pezas expostas, cunha interesante cuberta deseñada polo artista Luís Seoane, que a biblioteca da RAG comparte con motivo da celebración do Día do Libro.

A exposición, que expandiu a cultura galega entre os cataláns, sensibilizados coas distintas culturas e linguas propias do Estado, ía dirixida non só a eruditos e bibliófilos, senón a un público heteroxéneo con inquedanzas culturais, e o seu fin non era outro que, mediante unha bibliografía escolleita, “dar unha imaxe da evolución histórica da cultura galega”, segundo comentan os organizadores na presentación do catálogo”.

A mostra estaba dividida, segundo a distribución das pezas expostas, en varias seccións, que incluían, ademais dos numerosos libros, algúns valiosos manuscritos e publicacións periódicas. Entre elas, as pezas que facían referencia á época medieval, con especial atención á temática dos cancioneiros comprendidos entre os séculos XII e XV, tamén as que facían referencia ao período de castelanización, e xa no século XVIII, co espertar da conciencia galega, as que daban boga ao beneditino Martín Sarmiento (1695-1772), con obras como ‘Onomástico etimológico de la lengua gallega’ (Tui, 1923) ou ‘Origen y formación de la lengua gallega’ (Buenos Aires, 1943).

Amosábase a bibliografía correspondente á época do Rexurdimento, con abundante representación de obras das figuras desta etapa da literatura galega: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal e Valentín Lamas Carvajal que tiña un apartado de seu por estar dedicado o ano 1972 a homenaxear esta figura literaria no Día das Letras Galegas.

A parte dedicada ao século XX centrábase no importante labor que desempeñaron institucións culturais como as Irmandades da Fala, a Xeración Nós ou o Seminario de Estudos Galegos e daba importancia á figura de Castelao con, entre outras obras, unha edición especial ‘d’Un ollo de vidro: memorias dun esquelete’ (Ferrol, 1922), asinada polo autor, e mais á figura do poeta Ramón Cabanillas con ‘No desterro’ (A Habana, 1913) ou ‘Vento mareiro’ (A Habana, 1915). Había tamén unha sección dedicada aos libros editados en América, que daban conta da actividade cultural da Galicia emigrada, e outra dedicada á lingua e literatura galegas, con obras como ‘Gramática gallega’, de Juan A. Saco y Arce (Lugo, 1868), ‘Diccionario gallego’, de Juan Cuveiro Piñol (Barcelona, 1876) ou ‘Sobre lingua e literatura galega’, de Ricardo Carballo Calero (Vigo, 1971). Incluíanse ademais, un conxunto de obras traducidas ao galego, así como bibliografía de escritores foráneos na nosa lingua. Así mesmo estaban representados noutra sección os libros escolares de ensino da lingua galega, a literatura galega infantil e algúns libros litúrxicos en galego. Tampouco faltaba unha representación da literatura popular e libros sobre folclore, ademais dunha sección de libros sobre a arte galega.

Entre as obras da RAG, presentes na exposición, figuraba unha das xoias da súa Biblioteca, a ‘Descrición del Reyno de Galizia y de las cosas notables del’ do Licenciado Molina (Mondoñedo, 1551), primeira gran descrición do antigo Reino de Galicia. Esta obra, impresa por Agustín de Paz, consta de escasísimos exemplares na actualidade. Tamén se mostraban facsímiles do popular ‘Catecismo do Labrego’, unha obra literaria en prosa escrita por Valentín Lamas Carvajal, en colaboración con Arturo Vázquez Núñez, publicada en 1889 baixo o pseudónimo de Frei Marcos da Portela, esta obra foi un referente no mundo labrego, eu podo dar fé dilo, pois de neno na miña casa era un dos poucos libros que había.

Asemade durante o mes que durou a mostra tiveron lugar, no mesmo local a Feira do Libro Galego, presentacións de obras dos escritores do momento, así como a celebración doutras actividades, conferencias e coloquios protagonizados por intelectuais como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Xosé Luís Méndez Ferrín, Basilio Losada e o propio Isaac Díaz Pardo. Fonte de datos Real Academia Galega.