Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración
O filme documental ‘Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración’ da autoría de Xan Leira (Memoria Documental de Galicia) estreouse o 16 de outubro no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela. Con anterioridade, o 3 de setembro, en coincidencia coa data de fundación do programa tivo lugar no Consello da Cultura Galega a presentación dun adianto de breve duración para celebrar o cumprimento de 75 anos ininterrompidos dun programa emitido enteiramente en galego na capital uruguaia.
Coido que Xan Leira, fillo da emigración na Arxentina, fixo un bo traballo no que rende unha garimosa homenaxe aos loitadores galeguistas que en 1950 deciden lembrar a Castelao (falecido en Bos Aires no mes de xaneiro) por medio da fundación dun espazo radial. Son tempos nos que o autoritarismo franquista esmagaba a quen non tivese a boca pechada e se falabas era obrigatorio o uso do castelán. Que o programa fose en galego foi unha novidade que sorprendeu a moitos pois descoñecían que o Uruguai, desde os comezos do século vinte, gozaba dunha moi boa saúde democrática.
“O Uruguai, República sensible, acolleunos e protexeu a nosa mensaxe cunhas leis que permitían realizar enteiramente a programación nunha lingua que non era a oficial, cousa que no ocorría na Arxentina” [Decidín desvelar o proceso/Yolanda Díaz Gallego]
Hai máis de 40 anos que repito notas sobre ‘Sempre en Galicia’ e agora vou aproveitar para facer citas que recollo do libro da miña moi prezada amiga Yolanda Díaz Gallego que se titula Decidín desvelar o proceso. Na galeguidade asentouse o compromiso. Acción e evolución no Uruguai, 1954-1978. A moi activa e loitadora emigrante de Sarria foi a miña primeira profesora de lingua galega no local alugado que tiña o Patronato da Cultura Galega no centro de Montevideo (no interior dunhas galerías comerciais chamadas ‘Uruguay’) en 1971. Ao tempo que comezaba os meus estudos universitarios tamén me fixen socio do Patronato, onde os venres pola tarde-noite impartíanse clases de historia (o profesor era Carlos Zubillaga) e de literatura (a profesora era Rosario Losada) e de lingua a cargo de Yolanda.
A emigrante Yolanda chegou a Montevideo en 1953 xunto coa súa irmá Palmira e axiña foron parte activa en toda iniciativa de carácter galeguista. Ámbalas dúas foron compañeiras miñas na Directiva do Patronato e Yolanda, en concreto, estivo participando na audición radial desde 1954 ata 1978. Na páxina 234 do seu libro hai unha foto da despedida de Yolanda no porto de Montevideo (febreiro de 1978) cando retorna para instalarse en Barcelona. Alí estou, collendo unha bandeira galega que levei do Patronato, na compaña de Consuelo Cabo e Fernando Lorenzo. Recomendo a lectura deste libro para coñecer unha etapa da historia da emigración montevideana por medio da autorizada voz dunha protagonista de excepción para a que volvo a pedir a concesión da Medalla Castelao.
O documental de Leira vai relatando con entrevistas a colaboradores e ao seu director, o moi meritorio Toni de Sofán, unha traxectoria de 75 anos de esforzo ininterrompido para informar e formar na defensa dos nosos valores culturais. Hai que ser agradecidos e non esquecer aos seus fundadores (Canabal, Crestar, Couceiro, Leiras, Meilán, Somoza, Pita) porque son merecentes das maiores louvanzas.
“Un dos donos de CX16 Radio Carve de Montevideo, o señor Raúl Fontaina, gran amigo de Manuel Meilán, adicou á audición especial consideración, despexando as dúbidas que tiña a empresa nos primeiros momentos sobre a efectividade da programación. Radio Carve era a emisora máis potente do Uruguai, escoitábase en puntos do sur do Brasil e na Arxentina, o que lles permitía a moitos galegos e galegas radicados nestes territorios seguir as noticias de “Sempre en Galicia” na fala que nos aleitou, coa música coa que nos arrolaban no berce, e felices aprendían do seu o que nunca oíran…” [Decidín desvelar o proceso/Yolanda Díaz Gallego]
Teño a certeza de que o documental de Xan Leira axudará a que moitos cidadáns galegos sexan agradecidos e recoñezan o mérito que teñen os nosos descendentes montevideanos por seguir no rego da galeguidade e sempre cunha paixón que alumea nos corazóns dos que non esquecen onde están as raíces. Os nosos descendentes teñen o privilexio de escoitar en cada mañá de domingo que desde unha radio montevideana sae a voz do pai ou da nai ou dos avós que viñeron de Galicia a ancorar saudades na beira riopratense da Banda Oriental.