Manoliño, que vén o lobo!
O paso do tempo lévame a pensar que a miña historia de neno emigrante en Montevideo foi a mellor medicina para sandar das feridas psicolóxicas do desafortunado encontro cun lobo (disque era unha loba con responsabilidades familiares) no mes de xullo de 1958. Ata o mes de novembro que foi cando embarquei na Coruña puiden cicatrizar das dentelladas pero din que o peor é cando quedas con medo dentro que frea o teu normal desenvolvemento. Estaba moi ilusionado coa viaxe pois desexaba atoparme con meu pai aló nese lugar chamado Montevideo (eu dicía Montemineo) e ningunha loba ou lobo ía impedilo.
Lembro e gardo na memoria unha imaxe que nunca esquecerei. Ía correndo pero antes de que puidese apoiar o pé nunha lucente pedra escura fun arrastrado ata un lugar no que había un noiro que permitía agachar o meu corpo. Recordo que protexín a cara coas mans durante todo o ataque pero non lembro que sentise dor pois estaba nunha nube e non aterrei ata as nove da noite en Santiago de Compostela. Atopan o meu corpo e meu tío cólleme en brazos e lévame ata a casa na que está a miña nai. Recoñecín a súa voz pero logo estiven inconsciente ata que espertei no Sanatorio Baltar. O meu tío (e tamén padriño) lévame na besta (a galope total) ao médico da familia que tiña a súa consulta na Piroga, a uns pasos da ponte de Baio que comunica os concellos de Vimianzo e Zas. O médico, don Braulio, di que deben levarme a Santiago xa que necesito unha transfusión de sangue.
En Baio hai un único coche de alugueiro que é propiedade do señor Mira. Alá imos camiño de Santiago pero aquela carreteiriña era o que era e pouco antes da ponte Faílde (Santa Comba) pincha unha roda. En 1969 fun visitar, con meus pais, ao señor Mira que era unha persoa de máxima cordialidade e lembraba con detalle aquela histórica viaxe xa que cos nervios tremíanlle as mans cando ten que cambiar a roda e apertar os parafusos. Arredor das sete da tarde (o ataque foi máis ou menos as catro da tarde) ingreso no sanatorio do doutor Baltar no mesmo momento en que don Ramón sae para atender unha urxencia. O seu comentario foi algo así: este neno está moi frío...hai que facerlle unha transfusión... a ver se se salva. A cousa foi ben porque as nove da noite espertei e falei coa miña nai para dicirlle que tiña moita sede.
Estiven dous días no sanatorio e a véspera do Apóstolo volvemos para a aldea. A prensa recolle a miña aventura e son coñecido como O Neno do Lobo. Coa cabeza vendada ía pola Alameda da man da miña nai e achegaban persoas que querían escoitar da miña voz o relato do acontecido e tamén facerme o sinal da cruz da cabeza. Aquelo non me gustaba nadiña. Non abría a boca e a miña nai fixo de coiraza protectora para que os lareteiros non andivesen a remexer con preguntas trapalleiras. O do vir a fuchicar volve a repetirse na feira de Baio pero xa a miña nai estaba preparada e non deixaba que me tocasen na cabeza pedindo sorte e mantíñase firme dicindo que “o neno non quere falar do lobo”. Tampouco na casa houbo quen preguntase xa que entendían que non era bo para a miña saúde que revivise aquel triste episodio de sufrimento. Coido que axiña borrei o suceso porque estaba co pensamento no outro lado do mar e decidido a ir a Montevideo.