Opinión

Con Roxelio de Cesantes no ‘Derby’

| 16 de junio de 2010
Os meses do verán son para Dona Diáspora moi enriquecedores. Se por unha banda goza co seu labor de informadora turística pola outra sufre facendo de ‘Libro de Queixas’ dos milleiros de amigos do exterior que cada ano volven polas orixes. Son as dúas caras da Emigración Galega que esmorece afastada do manancial parroquial. A viaxe ás raíces é motivo de alegría porque non hai mellor sombra que a dos nosos rexos carballos. As queixas son case sempre as mesmas: o escaso coñecemento e a pouca sensibilidade sobre a familia emigrante.
Hai uns días estivo no ‘Derby’ escoitando ao seu vello amigo Roxelio Martínez Barreiro [Cesantes-Redondela] que é o derradeiro loitador residente en Montevideo  daquel famoso grupo galeguista integrado polos irmáns Canabal, Crestar, Couceiro e Meilán. O encontro fíxolle lembrar aquelas tertulias montevideanas do ‘Sorocabana’ nas que coñeceu a Rafael Alberti e Lorenzo Varela. Está feito un mozo aínda que en outubro cumprirá 87 anos. Di que a súa boa saúde baséase na dieta de ameixas e berberechos do areal de Cesantes e no agarimo de Tucha [a esposa coruñesa] que o foron mantendo activo xunto co engadido da saborosa carne de vacún dos campos uruguaios.
O emigrante Roxelio está convencido de que os galegos somos unha peza básica na cultura democrática do Uruguai. Leva máis de 25 anos investigando e pagando do seu peto as edicións onde recupera a historia do exilio no Río da Prata. Hoxe é sen dúbida o maior especialista no exilio republicano ás terras arxentinas e uruguaias. Recibe invitacións de universidades españolas e británicas para falar de José Bergamín, de Mercedes Pinto e de Margarita Xirgú. Os tres tomos do seu libro ‘Los exiliados españoles en el Uruguay’ [Ediciones Endymion] é de obrigada consulta polos especialistas. A profesión do autor é a de maquinista naval que era tamén a profesión do seu pai que foi un dos primeiros mariñeiros redondeláns que impartiu cursos de pesca en Bos Aires aló polo ano 1937.
Recompilou centos de documentos e cartas dos persoeiros republicanos e ademais das publicacións tamén é o protagonista nun documental sobre a escritora canaria Mercedes Pinto. Na película que foi recentemente estreada no Festival de Málaga [‘Ella, Mercedes Pinto’] fala desde un café montevideano –que intenta evocar ao famoso ‘Sorocabana’ das tertulias literarias– sobre os anos que pasou a exiliada Pinto na capital uruguaia. A documentación que posúe Roxelio é moi ampla e importante. Quere doar o seu material ao futuro Museo da Emigración Galega pero ten dúbidas sobre a concreción do proxecto e non comparte o optimismo de dona Diáspora sobre que antes ou despois no monte Gaiás haberá un Espazo Emigrante.
Está rematando unha investigación sobre o escritor e diplomático granadino Mora Guarnido e ademais, un día por semana, ten reunión co profesor de literatura Walter Rela xa que están a traballar nunha obra teatral sobre Rafael del Riego. O texto histórico é de Roxelio e a dramaturxia de Rela que é fillo de emigrantes lucenses. A idea é que no ano 2012 se poida representar na cidade de Cádiz dentro da serie de actos conmemorativos da Constitución de 1812. Roxelio pensa que o Bicentenario da ‘Pepa’ é a efeméride xusta para lembrar a figura do xeneral asturiano que se ergueu contra Fernando VII.
Logo de moito falar sobre vellos amigos montevideanos pregunteille se non botaba de menos algún recoñecemento. A contestación do meu amigo foi inmediata e sincera: nunca reparou niso porque necesita todo o tempo para centrarse nos milleiros de folios que ten enriba da súa mesa montevideana. Díxenlle que dona Diáspora é moi agradecida e que pedirá un recoñecemento oficial para o seu esforzado labor. Por certo que dona Diáspora lamenta fondamente que o vindeiro 28 de xuño en Santiago de Compostela non estea presente a Emigración Galega na cerimonia de entrega das Medallas Castelao e quere aproveitar para lembrar que temos pendente unha débeda con dúas mulleres emigrantes residentes en terras americanas: Maruxa Boga [Bos Aires] e Rosario Albán [Salvador de Baía]. Ambas as dúas, fose no rego arxentino ou brasileiro, merecen todos os aplausos por seren xenerosas sementadoras da identidade que levan no seu corazón.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca