Opinión

Un patriótico adeus para dona Dionisia de Cedeira

“Se sonríe, da alegría. No quiere ni quiso nunca protagonismos, no se mueve por intereses. Se considera una enferma de la guerra. Es lúcida, analiza la situación política y social actual con claridad intelectual”.
Un patriótico adeus para dona Dionisia de Cedeira
“Se sonríe, da alegría. No quiere ni quiso nunca protagonismos, no se mueve por intereses. Se considera una enferma de la guerra. Es lúcida, analiza la situación política y social actual con claridad intelectual”.
Carlos Penelas

O sábado 30 de novembro morreu en Bos Aires unha emigrante de Cedeira que merece todos os honores e recoñecementos pola súa longa loita para recuperar a Antonio [o fillo] e a Stella [a nora]. Desde aquel 15 de maio de 1976 en que os milicos os subiron nun camión non quedou chorando na súa casa senón que levou a súa dor á rúa xunto cunha moi forte dose de coraxe. Foi integrante das Nais da Praza de Maio e fundadora da Comisión de Familiares de Desaparecidos Españois e presidenta honoraria da Comisión pola Memoria, a Verdade e a Xustiza da Zona Norte. Participaba e asistía con frecuencia aos actos organizados pola Federación de Sociedades Galegas.
Nunha entrevista que lle fixo Ana Miranda [‘Vieiros’, 23-3-2006] vemos a dona Dionisia tomando mate na súa casa de Tigre [Zona Norte de Bos Aires] e reflexionar con fonda sabedoría sobre a crueldade do golpe militar ao dicir que “non sinto odio porque o odio non deixa pensar, nin razoar nin amar e eu quero dárlles moito amor aos meus netos e á miña bisneta”.
Diante do xuíz Baltasar Garzón foi quen de relatar o acontecido: “Ás once e media da noite chegaran a casa do meu fillo varios camións do exército cheos de soldados. Petaron na porta berrando: ¡Abran, carajo…es la policía! Non lles deron tempo de abrir porque metrallaron a porta e colleron ao meu fillo e a miña nora que estaba en camisón e descalza. Tapáronlles a boca e atáronos con arames para logo subilos nun camión. Leváronos aos cuarteis de Campo de Maio. O meu fillo tiña unha ideoloxía pero non tiña nada que ver coa guerrilla”. O fillo, Antonio Díaz López, nacera en Ferrol en 1952 e levaba na Arxentina desde os cinco meses de vida.
Non sei se foi unha casualidade. O certo é que dona Dionisia morreu despois de que no Parlamento de Galicia e por unanimidade dos tres grupos políticos representados na cámara autonómica se aprobase unha declaración condenatoria do golpe de estado do milico apelidado Videla. Pero os parlamentarios non quedaron freados nas consideracións xerais senón que recoñeceron o dereito á percepción de axudas sociais para todos aqueles galegos e descendentes que sufriron no seu corpo as torturas dun réxime execrable.
Aínda que dona Dionisia sempre conservou a súa língua propia agora mesmo está falando en castelán-porteño por deferencia coa súa nora que descende de italianos. Estálles a comentar o acontecido no Pazo de Hórreo: “No me van a creer, muchachos. De verdad que vengo feliz. Además de poder abrazarlos, les puedo contar que mis paisanos aprobaron en Santiago de Compostela la condena del régimen militar y la ayuda a los masacrados por los milicos después del golpe del 76. ¿Se dan cuenta? Lo que yo no pude ver, lo verán mis nietos. Ahora me siento más tranquila”.
Cando se cumpriron 30 anos da desaparición de Antonio Díaz López a súa nai plantou unha árbore na súa memoria. Agora somos nós os que temos que manter vivo o espírito dos dous heroicos cedeirenses que dignificaron coa súa achega xenerosa ao colectivo emigrante na Arxentina. Ocórreseme propoñer unha homenaxe para eles. Trátase de que os partidos galegos con representación parlamentaria asinen un pacto de boas maneiras para as vindeiras autonómicas. Sería un acordo ético arredor dunhas sinxelas normas de obrigado cumprimento para conseguir que non veña do exterior ningún voto coa etiqueta de lixado: a) non recoller sobres electorais nos domicilios; b) non contratar recadadores; c) non pagar xantares ou ceas.
A nova cita electoral é unha oportunidade para amosar e certificar que en Galicia somos xente honrada e siareiros do xogo limpo. Hai que entender que estamos no mesmo equipo e que o vindeiro lance será gañado se somos capaces de defendermos unidos. Coas liñas ben xuntiñas atrás derrotaremos ao verdadeiro inimigo que non é quen vota diferente a nós senón quen non leva dentro o sentimento de pertenza a unha Terra Nai que sementou solidariedade por todos os currunchos do mundo.