Opinión

A Nosa Terra

Prégolle, lector, que me deixe hoxe escribirlle neste idioma botado a perder ante o imperialismo lingüístico e o esnobismo. Quero lembrar ó histórico semanario A Nosa Terra, que vén de pechar (agora en papel e moi cedo farao na Internet) despois de máis de cen anos escribindo a nosa historia, moitas veces coa imprescindible participación dos nosos emigrantes, moitos exiliados.
Prégolle, lector, que me deixe hoxe escribirlle neste idioma botado a perder ante o imperialismo lingüístico e o esnobismo. Quero lembrar ó histórico semanario A Nosa Terra, que vén de pechar (agora en papel e moi cedo farao na Internet) despois de máis de cen anos escribindo a nosa historia, moitas veces coa imprescindible participación dos nosos emigrantes, moitos exiliados. Isto coincide no tempo coa extinción de outras publicacións feitas en galego, por iso non vou afondar nos graves erros empresariais e editoriais de ANT (entregada nos últimos tempos ó capricho inversor dun magnate inmobiliario) senón na debacle do idioma. O que non puido extinguir a represión franquista si que o está conseguindo esta democracia formal que temos agora, formal pero de sutiles mordazas e presións. Onde non chegou a policía secreta franquista si chega, sen embargo, o bloqueo económico das institucións a determinadas publicacións en galego. Ningún gran medio galego, ningún, sobreviviría sen as axudas públicas, por moito que estes hipócritas editorialicen sobre liberalismo económico. Velaí a trampa cando a estes medios lles din que teñen que ser autosuficientes. Eu teño unha teoría doble: por unha banda, vexo o afundimento do galego provocado pola presión económica (nin axudas do poder político nin axudas publicitarias do poder económico, que é antigalego) pero seméllame moi interesante analizar o idioma galego como referencia ideolóxica. Mentres o idioma simbolizou unha maneira de resistencia ante outras inxustizas políticas e sociais, existía un sentimento aglutinador, militante, que unía a moita xente. Cando o idioma converteuse nun fin en si mesmo, empezou perder militancia.