Opinión

Mulleres decisorias en Galiza, na UE e no mundo, mulleres decisivas realmente?

A muller pública inspírame máis respeito que o home público (Haykus, Mario Benedetti)Pertenzo a unha xeración de mulleres de menos de 40 anos, que tiveron moitas máis oportunidades que as súas nais, máis formadas e cunha cualificación idéntica ou superior á masculina –non en van as estadísticas suliñan que existe maior suceso femenino na educación
Mulleres decisorias en Galiza, na UE e no mundo, mulleres decisivas realmente?
A muller pública inspírame máis respeito que o home público
(Haykus, Mario Benedetti)


Pertenzo a unha xeración de mulleres de menos de 40 anos, que tiveron moitas máis oportunidades que as súas nais, máis formadas e cunha cualificación idéntica ou superior á masculina –non en van as estadísticas suliñan que existe maior suceso femenino na educación universitaria–, que tropezan cunha barreira invisible para acceder a postos de responsabilidade, e que, a idéntica formación, atopan sutiles obstáculos para liderar, valados que impiden pasar as fronteiras dos lugares de decisión de poder. Esto sucede no mundo empresarial, social, educativo, social, e por suposto, no político. É necesario insistir na idea que o sistema legal que aconsella presenza proporcional ou cuotas, ten que ser ademais acompañado dun voluntarismo, de perda de medos, de prexuizos, como aqueles non, ela non vai ter tempo, que ten fillos, ou ela non ten man dura para tomar esta decisión. Prexuizos acomodados e intencionados herdados doutra época. Non é tanto o feito de ocupar as esferas do poder, senon de ter o dereito de accceder a elas en igualdade, logo xa vai na decisión persoal de cada muller, pero o sistema deberia garantir o dereito, para que un dia, pola sua valia, poidamos, como en Irlanda, e con normalidade, ter unha Presidenta da Xunta, dun clube de fútbol, ou que máis sindicatos, xornales, empresas ou multinacionales galegas sexan dirixidos por mulleres.
Dende o prisma político internacional, aplicado á política galega, existe discriminación, estamos as mulleres da política galega, en porcentaxes inferiores ou superiores de representatividade co resto do mundo?
A Convención Nas Nacións Unidas sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller (CEDAW) de 1979, recolle que os paises asinantes eliminen as formas de discriminación contra as mulleres na vida política en pública. Na política internacional, existe unha escasísima representación de mulleres en política, tanto en Europa, como no resto do mundo. Dende que foi recoñecido o dereito ao sufraxio pasivo en 1788 nos Estados Unidos, seguido de Nova Zelanda, Australia, Finlandia e Noruega, xa no curso do século pasado, ainda en 2006, este dereito foi recoñecido en Kuwait, por exemplo. As cifras son elocuentes: dos 191 Estados Membros da ONU, só hai 7 Xefas de Estado e 8 Xefas de Goberno. No eido parlamentar, de arredor de 44.000 parlamentarios-as en todo o mundo, só 7195 son mulleres, polo tanto, un  16,4% (10% hai unha década). Destacan nas cifras máis altas en representatividade, os paises escandinavos co 40%, seguidos dos paises norte e sudamericanos, co 19,6% e Europa, co 16,9%, seguidos de Africa Subsariana e Asia, cunha porcentaxe equivalente á europea, Oceania cun 12% e na fin, os paises árabes, nos que só hai un 8,3% de mulleres deputadas. No conxunto da media comunitaria, a porcentaxe media non chega ao 24%, polo que tampouco na Unión Europea, chégase á media que se considera “aceitable” para que as mulleres teñamos influencia decisoria e significativa sobre as decisións políticas”.
No actual Parlamento Europeo, a repartición actual de escanos na lexislatura 2004-2009, dun total de 785 MPE, só hai 237 mulleres, o que representa un 30, 2% do total. Hai casos como Chipre ou Malta que nen sequera teñen unha soa eurodeputada. O grupo que máis se aproxima á paridade, é precisamente o grupo ao que pertenceu o BNG na lexislatura 1999-2004, con 20 eurodeputadas e 22 eurodeputados e cunha copresidenta muller, a italiana Monica Frassoni. Curiosidades como que na Comisión de Seguridade e Defensa da Eurocámara, só haxa un 15% de mulleres e na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero esta porcentaxe acade o 91% de mulleres. Das 24 comisións parlamentarias actuais, permanentes e temporarias, só 6 son presididas por mulleres. Estas porcentaxes, son unha clara mostra do rol de poder que é notablemente inferior no caso das mulleres europarlamentarias europeas. Do conxunto dos tres MPE con residencia en Galiza (un do PP e 2 do PSdG, pois non contariamos aos MPE do PP Carmen Fraga e Millán Mon), só unha é muller, Rosa Miguélez.
A Comisión Europea recoñece nun informe que sae hoxe a luz, que ainda que hai progresos con mudanzas lexislativas en favor da paridade en diversos Estados membros, as mulleres europeas non estamos non altos postos decisorios en política ou no mundo económico e estamos subrrespresentadas nas esferas do poder. Os Parlamentos dos Estados membros, só contan cun 24% de parlamentarias, frente a un 16% de fai unha década, e só un 24% de Ministras. Os Consellos de Administración da maioria das empresas están tinxidos de masculinidade, cun 90% de membros homes. As mulleres representan en Europa o 44% do conxunto de traballadores, máis só un 32% como directivas ou altos cadros técnicos.
En cifras salariales, as mulleres europeas gañan un 15% menos que seus colegas masculinos. Esta discriminación varia de pais a pais, destacando Grecia e Chipre, cunha diferencia dun 25% e estando nas diferencias menores Bélxica cun 7% e Malta cun 4%, e constátase segundo as estadísticas realizadas por Eurostat, que afecta en especial a mulleres novas, e que vai disminuíndose cos anos.
Son os partidos políticos, os que deben garantir a presenza da paridade. No caso do BNG, varios avances foron dándose nos últimos tempos, máis compre seguir tendo mais presenza femenina a todos os niveis decisorios. Ainda que no Parlamento galego, o BNG ten a porcentaxe máis achegada á media de parlamentarias no resto da UE, cun 38,46% (5 de 13) e no Parlamento galego, de 75 membros, só 26 son parlamentarias, polo que estariamos na media comunitaria recoñecida pola Comisión Europea, pero non nos estándares máis altos que deben ser referencia. Malia a paridade do Goberno galega, malia o aumento de deputadas e presidenta e vicepresidenta da cámara galega, hai un abismo de mulleres políticas en postos decisorios de cabeza, e destaca o feito que si haxa moitas nos segundos postos de decisión política. O caso das eleccións municipais foi a última mostra, só unha de cada dez candidatos aos Concellos, era muller, 102 mullleres encabezando dun total de 945 candidaturas, encabezando o BNG cun total de 46 candidatas frente ás 29 do PP ou as 27 do Psdg. Temos 25 Alcaldesas de 315 Concellos, ou sexa, un 8% da porcentaxe total. A mostra do dito anteriormente, evidencia este feito do segundo nivel de decisión, cun número de Concelleiras que chega ao 30%. Veremos os resultados das eleccións xerais do Parlamento español, en canto á paridade. E tamén o esforzo de paridade que se faga nas eleccións autonómicas e europeas de 2009.
No dia Internacional da Muller 2008, quero adicarlle este artigo, ás heroinas do anonimato que corren cada dia, moitas soas, para atender a seus fillos saindo de traballos frecuentemente precarios, ás aboas e mulleres galegas que ficaron e fican cos netos das fillas e fillos emigrados no mundo, e ás mulleres inmigrantes, dobremente discriminadas. A palabra política é femenina, mais compre feminizala máis, e por eso debemos pedir publicamente igualdade real, na vida, na convivencia, no acceso ao traballo, nas condicións salarias, e no acceso aos postos de decisión todos os dias do ano e de forma incansable.
Ogallá que a miña filla Xulia, de catro anos, ou calquera outra filla, escriba en 2038: Pertenzo a unha xeración de mulleres de menos de 40 anos, que tiveron moitas máis oportunidades que as súas nais, que cobran iguales salarios, e que xa non tropezan cunha barreira invisible para acceder a postos de responsabilidade con idéntica formación.

Ana Miranda
Voceira BNG-Galeuscat
Parlamento Europeo

Mulleres decisorias en Galiza, na UE e no mundo, mulleres decisivas realmente?