Opinión

Con Jorge Prelorán en Hollywood

| 26 de noviembre de 2010
Dona Diáspora estivo o domingo 21 no Egyptian Theatre na estrea de ‘Huellas y Memoria de Jorge Prelorán’ para felicitar persoalmente a Mabel, Fermín e Emiliano. O pioneiro do cine etnográfico na Arxentina estivo moi preto da colectividade galega nos tempos da realización do seu documental ‘Castelao’ antes de ir buscar abeiro en California. Non esquece aquelas longas conversas na ‘Perla’ de Álvaro Campos. O empresario galego de Tomiño foi un dos emigrantes xenerosos que puxo cartos do seu peto para que o proxecto saíse adiante. O guionista non podía ser outro que o moi culto médico Antonio Pérez Prado. Segundo contou Antonio se Prelorán aceptou facer o filme foi porque quedou abraiado pola figura do rianxeiro. Hai quen di que foi a simpatía e a sabiduría de Pérez Prado as que espertaron en Prelorán unha fonda admiración pola traxectoria vital de Alfonso Rodríguez Castelao.
Dona Diáspora agradece a cordialidade da viúva sempre disposta para difundir polo mundo adiante a obra do gran creador cinematográfico que ía polo interior arxentino coa súa cámara en tempos nos que só se falaba de Bos Aires esquecendo as realidades humanas de zonas case descoñecidas. A película de Fermín Rivera [Director] e Emiliano Penelas [Fotografía] é o recoñecemento de dous cineastas porteños que manifestan o seu agarimo ao mestre Prelorán. O talentoso traballo realizado recibirá premios porque sae do corazón de dous profesionais agradecidos que presentan sen ningún filtro comercial ao auténtico Jorge Prelorán. Coinciden ambos os co que escribe Graciela Taquini: “Prelorán es un artista integral de formación universitaria que domina todos los saberes del cine, cámara, fotografía, edición, estructura dramática y que tuvo el privilegio de encontrar lo universal en lo particular”.
Mentras van transcorrendo as imaxes non pode deixar de lamentarse da insensibilidade que houbo en Galicia para un proxecto do dúo Prelorán-Penelas. Tratábase dunha etnobiografía de Castelao na que o recoñecido poeta arxentino Carlos Penelas poñíalle os textos ás imaxes de Prelorán. Estiveron un par de anos traballando e contactando con diferentes autoridades galegas sen recibir resposta positiva de ninguén. Poida que moitos dos que oíron falar do proxecto pensasen que era unha segunda parte do anterior documental –por certo escasamente difundido– cando se trataba realmente dunha creación novidosa. A aliaxe do produto artístico co que quería desperdirse Prelorán era da mellor calidade posible xa que unía unha rigorosa investigación documental con toda a experiencia atesourada durante máis de 50 anos de oficio.
O mesmo domingo dona Diáspora tiña un convite de Osvaldo Bayer para asistir no barrio porteño de La Boca ao ‘1º Festival de Tango en la República de La Boca’. Está dándolle voltas ao tema de contratar algunha neta riopratense que a sustitúa porque a verdade é que non dá feito. Cando se achegue por Barcelona pedirálle ao fillo da emigración Silvio Falcón que faga unha convocatoria pública para cubrir a praza de ‘Diáspora Moza’. Aínda que o cargo é honorario sabe que hai milleiros de netos e netas da Emigración Galega que desexan traballar con ánimo sen outra compensación que unha garimosa aperta de irmandade. Unha pena que non poida escoitar a Bayer na charla ‘Tango y anarquismo’ e tampouco aplaudir ao bandoneonista Pablo Bernaba interpretando unha milonga moi especial en recordo do gran loitador social Severino Di Giovanni.
Dona Diáspora ten que volver axiña porque quere coñecer ao novo presidente do Centro Galego de Bos Aires que viaxa ata Compostela para entrevistarse co presidente da Xunta. Quere animar a Carlos Alberto Vello nun momento en que o noso histórico fogar emigrante está sufrindo dificultades. O presidente da Xunta é persoa agradecida e non esquece que cando aquí só tiñamos penurias alí na esquina de Belgrano e Pasco un veciño seu, Rodolfo Prada Chamocín, contribuía coa súa dedicación xenerosa ao esforzo colectivo dunha entidade coa que aínda estamos en débeda. Don Rodolfo comentará moi feliz –en conversa con Eduardo Sánchez Millares e Ramón Berdullas Martínez– que o seu paisano dos Peares é persoa responsable xa que despois das eleccións do pasado 29 de agosto o elixido ten a obriga e o compromiso de traballar na mellora dos servizos ao mesmo tempo que se frea o endebedamento.
Camiño do aeroporto vai cavilando en que deixará para outra vez a visita das fermosas beiras californianas do océano Pacífico. En 1775 navegou por aquela costa o egrexio mariño Francisco Antonio Mourelle de la Rúa [1750-1820] que chegou ata Alaska e fixo a primeira carta de navegación daquelas afastadas terras do norte. O navegante era fillo de pescadores de Corme [Ponteceso-A Coruña] e por iso a súa histórica singradura quedou escurecida. O moi famoso James Cook pasa por ser o “descubridor” de Alaska cando o que realmente fixo foi guiarse polos cadernos de bitácora de Mourelle. Tamén coñeceu o Río da Prata cando en 1806 se lle encomenda o mando dunha frota de 27 navíos para axudar ao virrei Liniers na loita contra dos invasores ingleses de Bos Aires e Montevideo. Aínda que Mourelle non foi un emigrante o certo é que pasou toda a súa vida lonxe da vila do Roncudo e iso só xustifica un sitio de honra no futuro Espazo Emigrante do monte Gaiás.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca