Opinión

Había unha vez un lugar moi fermoso

Había unha vez un lugar moi fermoso aló nas beiras atlánticas do norte. Naquel espazo os verdes prados e os  mananciais de auga fresca reciben a aperta garimosa das ondas do mar en harmonía e ao abeiro dos vellos penedos protectores.
Había unha vez un lugar moi fermoso
Había unha vez un lugar moi fermoso aló nas beiras atlánticas do norte. Naquel espazo os verdes prados e os  mananciais de auga fresca reciben a aperta garimosa das ondas do mar en harmonía e ao abeiro dos vellos penedos protectores.  
Aínda que os meus ollos os tiña sempre ateigados de paisaxe as poucas leiriñas da miña propiedade non abondaban para que as miñas dúas fillas puidesen progresar na vida mediante unha mellor formación que a que eu tiven. Na lareira o caldo quente nunca faltou pero somos xente xenerosa que fai calquera sacrificio para que a familia teña un mellor benestar. O noso sangue será de utilidade se os nosos descendentes se comprometen na loita identitaria que non é outra cousa que ser seareiro de Rosalía de Castro.
Así foi que primeiro América e logo Europa saíron polo mundo adiante. A maior axiña espallou a súa forza pola avenida de Maio, aquí en Bos Aires, sementando ánimo e vitalidade nun país que comezaba a andaina da urbanización. A miña filla nunca foi quen de rexeitar un traballo. Sempre se lle deron ben os traballos manuais e así foi que se multiplicou en diversos oficios ata entón descoñecidos.
Quen lle ía dicir que conduciría un “colectivo” polas rúas porteñas sostendo o volante coa man esquerda ao mesmo tempo que coa dereita entrega o volto e mira polo espello interior xa que pola porta traseira están a baixar pasaxeiros.
Quen lle ía dicir que enchería as mans coa branca fariña do trigo arxentino. Ela que só coñecía o centeo e o millo agora gozaba con aquela masa nas mans das que logo saían unhas saborosas e máxicas pastas de nome estranxeiro: añolotis, ravioles, ñoquis, sorrentinos.  
Coido que non hai maior satisfacción para unha nai que ver aos seus descendentes loitando felices para o erguemento dunha sociedade máis solidaria. Eu vou moi vella pero aínda teño forzas para berrar contra das inxustizas. A min non me ofenden pero négome a que o esforzo das miñas fillas quede escurecido pola insensibilidade de media ducia de novos inquisidores.
Non quero que os meus netos arxentinos sexan estranxeiros porque son do meu sangue e levan o meu apelido. Non quero que as miñas netas arxentinas sexan esquecidas porque son da miña parroquia e saben onde están as raíces. Non quero que ningunha fronteira artificial estrague a unidade familiar que é unha característica que nos fai fortes en todos os currunchos do mundo.  
Non lle permito a ninguén por moi deputado que sexa que veña dicindo que perdín aos meus netos e netas porque non están censados na parroquia. Poida que axiña haxa que modificar este enredo burocrático do Censo de Residentes Ausentes pois... menuda parvada! Os meus descendentes, todos, estean aquí en Bos Aires ou en Córdoba ou en Rosario son Residentes Presentes xa que están dentro do meu corazón.
Coido que ata o máis pasmón entende que no meu corazón e nos meus sentimentos mando eu. Son unha vella pero coñezo ben aos chafalleiros. O que non sei definir é aos señores deputados membros da Seita Localista que pretende cortar unha sólida unión sentimental entre a Galicia interior e a exterior. Esquecen que o voto non é ningunha  ferramenta coa que se poida discriminar aos emigrantes. O voto é un dereito e tamén un xeito de homenaxe aos devanceiros.
Estou moi agradecida pola vosa asistencia. Vexo que arredor deste monumento hai rapaces e rapazas de Boca, River e Independiente e tamén algúns peñarolenses que viñeron de Montevideo. Sei que tedes diferencias entre peronistas e non peronistas pero a hoxe aquí estades sendo partícipes dun sentimento de irmandade que latexa no voso interior. Sodes moi fortes porque a vosa mobilización sae dunha afronta persoal e familiar xa que non permitiredes que ninguén alleo diga unha soa palabra contra da memoria daqueles avós que embarcaron con bágoas no norte e desembarcaron con sorrisos no sur.  Graciñas e que viva Galicia na Arxentina!