Opinión

Fagamos que o 2009 sexa o ano da emigración galega

Quizais sexa a miña formación en terras uruguaias o que me afirma nas miñas louvanzas para Francia, un país do que todos herdamos algo despois daquel histórico mes de xullo de 1789. Se dicimos que a historia da emigración é longa non podemos dicir o mesmo da vida en democracia. Os gobernos que se suceden en Madrid e nas diferentes comunidades autónomas seguen abaneando sen establecer unha política social para a diáspora.
Fagamos que o 2009 sexa o ano da emigración galega
Quizais sexa a miña formación en terras uruguaias o que me afirma nas miñas louvanzas para Francia, un país do que todos herdamos algo despois daquel histórico mes de xullo de 1789. Se dicimos que a historia da emigración é longa non podemos dicir o mesmo da vida en democracia. Os gobernos que se suceden en Madrid e nas diferentes comunidades autónomas seguen abaneando sen establecer unha política social para a diáspora. Certo é que se aprobou o Estatuto da Cidadanía Española no Exterior. É un paso positivo e progresista para que os de fóra teñan os mesmos dereitos que os de dentro. Pero hai moito sen facer coma ser a urxente implantación do voto en urna. Case se pode afirmar que só se move algo cando hai eleccións ou máis ben cando se comproba que o censo do exterior –o antes chamado CERA– sobe moitísimo. 
Se falei de Francia é porque alí as propostas dun goberno son logo cumpridas polo seguinte sen que haxa ningunha discontinuidade. Aquí aínda non temos esa madurez e andamos sempre nas verzas intentando innovar e ser orixinais. Os anos pasan e aínda os emigrantes non votan na urna nin hai circunscrición electoral propia e tampouco unha mostra itinerante de calidade que amose a realidade daqueles que deixaron a súa terra. Existen boas iniciativas de carácter privado como a que recolle a traxedia dos nenos da guerra pero fallamos no conxunto e tamén na síntese. Non sei cal e o razoamento que sostén a insensatez de que non temos nin Museo nin Centro sobre a emigración galega. Hai anos cando en Francia era primeiro ministro Lionel Jospin propuxo a creación dun Centro da Memoria Histórica da Inmigración para agradecer a achega dos inmigrantes que se instalaron en Francia. 
Aló por 1992 escribía sobre a necesidade patriótica dun museo da emigración galega tomando como modelo o norteamericano da illa de Ellis [New York]. Se queremos un exemplo máis próximo podemos viaxar ata París para coñecer a Cidade Nacional da Historia da Inmigración. O seu nome está indicando que o goberno francés outórgalle a máxima xerarquía en semellanza coas xa existentes cidades das ciencias e da música. As obras de mellora do antigo edificio de 10.000 metros cadrados do ano 1920 no que estaban as coleccións museísticas de África e Oceanía custaron 20 millóns de euros. Están deseñadas as liñas básicas para que o centro non sexa algo estático, só para mirar, senón aberto e dinámico. Por unha banda será un centro de conservación e salvagarda da memoria e polo outro un centro de produción e reflexión. Haberá unha exposición permanente (cronolóxica, desde a Revolución ata hoxe), exposicións temporais (a primeira sobre o proceso de colonización e descolonización e seguirá con outra sobre os estranxeiros na loita contra a ocupación nazi) e un espazo para as artes plásticas. Haberá un centro de documentación e conservación de arquivos e un departamento de eventos científicos. Quizáis un dos aspectos máis importantes para nós sexa o de que a Cidade Nacional parisina xogará o papel de cabeceira dunha rede que valorizará e apoiará aqueles proxectos que noutros lugares de Francia son testemuña da memoria da inmigración. Non se pretende a centralización na capital senón que desde alí vaian recursos para outras cidades como por exemplo para Lyon que está construíndo o seu Museo da Inmigración a medias entre o concello e a rexión de Ródano-Alpes. 
En Galicia aínda non hai nada encamiñado para que a emigración teña na Cidade da Emigración Galega o seu lugar físico e sentimental de referencia. O noso país vive nos nosos descendentes e debemos ser quen de posibilitarlle a visita a un edificio no que atopen dixitalizadas as fichas coa saída dos seus avós e tamén as imaxes que recollan as ricas e variadas experiencias migratorias en Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai ou Venezuela. Axiña entraremos en campaña electoral. Son da opinión de presionar, na medida do posible, para que os partidos políticos introduzan no seu programa a creación dun centro ou museo da Emigración. As obras no compostelán monte Gaiás serán en parte rendibles se apostamos con convicción pola instalación dun Espazo Emigrante. Teño a absoluta certeza de que aquel goberno que o leve adiante o proxecto recibirá o recoñecemento dos milleiros de herdeiros que temos espallados polo mundo. A diáspora deixará de estar na orfandade xa que na capital galega a Xunta de Galicia terá sempre aceso o lume para quecer o espírito do nobre compromiso identitario coa loita dos devanceiros.