Opinión

O ensino da lingua galega: Unha paixón de vida

“Que ledo marmurar o destas vocessoterrañas da alma que nos falan…”Xosé María Álvarez BlázquezA Xosé Antón Moure:Todo comezara nunha tarde de marzo, ano 1925, cando o meu pai, canda os seus pais e irmáns, desembarcaran no porto de Bós Aires.
O ensino da lingua galega: Unha paixón de vida
“Que ledo marmurar o destas voces
soterrañas da alma que nos falan…”
Xosé María Álvarez Blázquez


A Xosé Antón Moure:
Todo comezara nunha tarde de marzo, ano 1925, cando o meu pai, canda os seus pais e irmáns, desembarcaran no porto de Bós Aires. Tiña daquela trece anos e traia seu modesto fardel de rapaz campesiño i emigrante, un tesouro cáseque segredo: a súa lingua nai, mamada co leite dos antergos. Ao cabo de nove anos, cruzou a cordilleira para ficar en Chile, casando cunha dona chilena, a nosa nai Fresia, hoxe de noventa e cinco anos. Meu señor pai non deixou cartos nin terras nin cousa algunha, agás a herdanza destas verbas que, se non son as da nosa cultura “oficial”, constitúen o tear dos soños onde imos tecendo as vellas arelas dos devanceiros, co noso gran de area, pequeno, mais teimudo e arroutado. Ao traverso do meu pai, a vida regalounos ista paixón engaiolante.
O noso Programa de Estudos Galegos do Instituto de Estudios Avanzados da Universidad Santiago de Chile, iniciouse no día 29 de xullo de 1998, froito dun Convenio de Colaboración coa Xunta de Galicia que tardou quince anos en se concretar.
Nestes dez anos de ensino da Lingua e da Cultura Galegas (Galego I e Galego II), teñen pasado polas nosas aulas máis de trescentos estudantes, de diversa orixe e procedencia. Por unha banda, temos os alumnos que son estudantes regulares da Universidade de Santiago, quen se inscriben baixo o réxime de “crédito cultural optativo”, para cumprir coa esixencia do currículo académico, sendo eles, na súa maioría, procedentes de carreiras de enxeñería e outras especialidades científico-técnicas. En menor proporción, temos alumnos de Historia, Literatura ou de outras linguas (inglés, portugués, francés e mapudungún), e algúns profesionais.
Por outra banda, acoden aos cursos os alumnos libres, de fóra da universidade, que se interesan pola nosa lingua; entre eles, algúns proveñentes da colectividade galega de Chile.
A composición xeral do alumnado é a seguinte: 30% alumnos da nosa universidade; 50% alumnos libres de orixe chilena, de idades entre os 30 e os 60 anos (tiveramos unha alumna destacadísima, de 85 anos, dona Carme Lorenzo, filla de inmigrante galego, profesora, aposentada xa, de Historia e Xeografía).
Cabe sinalar que a maior parte dos estudantes son de orixe chilena, sen ascendencia galega coñecida, que chegan motivados pola curiosidade, a traverso da difusión que facemos no Centro Cultural de España, nos medios informativos da propia universidade, na Sociedad de Escritores de Chile, no Lar Galego de Chile, no Estadio Español, e noutros vieiros de comunicación de diversa índole.
Nesta década foran a Galicia, aos cursos de verán do ILGA, 28 alumnos, 6 deles de orixe galega. Asimesmo, 9 estudantes que fixeran traballos de investigación no Centro Ramón Piñeiro, mercede a bolsas de estudo.
Preciso é suliñar traballos de investigación en Chile, dirixidos por quen suscribe, como: ‘La Feria del Mundo’, obra xornalística de Ramón Suárez Picallo recollida durante sete anos de pescuda, nas hemerotecas, que axiña saiu do prelo, patrocinada polo Consello da Cultura Galega e co apoio da Concellería de Cultura de Sada (vaise presenta-lo día 29 de maio en Sada, i esperamos estar alí, na pequena patria dos irmáns Suárez Picallo); ‘Galicia y Chiloé, Confines Míticos’, da miña autoría, ensaio comparativo, publicado pola Xunta de Galicia en 1998; ‘La Fundación de la Ciudad del Rey Don Felipe’, traballo de investigación feito por Xesús Veiga Alonso; o documental fílmico ‘La Nueva Galicia Austral’, de Cristíán Parker Serrano.
Baseado na miña experiencia de profesor i escritor, fillo de pai galego –lucense para maior abondamento–, podo afirmar que, concluida a etapa da inmigración galega en Chile (os derradeiros galegos chegaran nos anos 50’, e van sendo velliños cheos de señardade), os descendentes directos non amosan interese pola aprendizaxe da lingua galega, pois aínda viven nunha sorte de illamento da actual realidade galego i española, como se aínda vivira Franco e o castelán fose a “lingua dos cabaleiros e homes ben nacidos”, de costas ao século XXI, a historia das patrias hispanas e, o que resulta máis triste, á recuperación da nosa única herdanza posíbel: o patrimonio cultural galego. Nembargantes, atopamos un notábel interese nos mozos chilenos, e asemade en xente madura ou maior por coñecer ista marabilla que mos legaran os devanceiros e os nosos antergos.
Se escoitan voces pesimistas que falan da “morte inminente” do idioma galego. Non o creemos nin o sentimos así. Ao contrario, pensamos que o grande esforzo de espallamento e difusión da nosa lingua, en recunchos tan alonxados como iste país de Chile que Rodrigo de Quiroga e Camba –lucense, lugartenente do conquistador Pedro de Valdivia, nomeara, en 1541, como ‘Último Reino’– acadará, máis cedo que tarde, a súa venturosa colleita, e serán máis de mil as primaveras para a lingua galega.
Xosé Antón, estamos feitos de palabras, somos fillos das verbas amadas que os nosos avós salferiran pola Rosa dos Ventos... É a nosa paixón de vida, e mentres poidamos escoitar os sons da terra feitos linguaxe, a nosa esperanza non quedará baleira.
Unha aperta na fraternidade galega,

*Centro de Estudos Galegos
Santiago de Chile