Opinión

Día das Letras Galegas 2012: Valentín Paz-Andrade

Camiñando pola rúa podemos ver innumerábeis ofertas de viaxes pola “ponte do Día das Letras  Galegas”. A celebración, para gran parte da sociedade que reside neste antigo e pequeno país, converteuse nun día baleiro de contido.
Día das Letras Galegas 2012: Valentín Paz-Andrade

Camiñando pola rúa podemos ver innumerábeis ofertas de viaxes pola “ponte do Día das Letras  Galegas”. A celebración, para gran parte da sociedade que reside neste antigo e pequeno país, converteuse nun día baleiro de contido. O actual alcalde d’A Coruña, do Partido Popular (PP), Carlos Negreira Souto, pediu que o Día das Letras Galegas fose laborábel, e festivo o día seguinte ao San Xoán. Malos tempos para a lírica, que neste pequeno e antigo país nunca foron bos, e moito menos se era na lingua dos desposuídos, dos pobres, daqueles que sen sabelo nin querelo mantiveron o ben máis prezado que ten Galiza: o seu idioma.
Por iso, o feito de que homes valentes como Valentín Paz Andrade, e tantos outros, perseverasen na lingua como altofalante estrito e académico da nosa situación colonial respecto a Madrid, non deixa de ser exemplarizante. Valentín, a quen Eduardo Blanco Amor describía como “un cacho de pan de centeo, duro por fóra, tenro por dentro”, pertence a esa xeración derrotada en 1939 que xurdiu das cinzas máis cinzas de todas as cinzas. Estes derrotados non fixeron da derrota (indignación) unha bandeira, senón unha arma silente e un exemplo, pois nos momentos máis difíciles, o mellor deste país fixo propia a lingua dos que nunca nada tiveron.
Se somos galegos, dicía Castelao, é polo idioma. O mellor agasallo para este país é que non desapareza, que todos o usemos, que o transmitamos aos nosos fillos como outros fixeron desde hai mil anos. O país máis poderoso do mundo, Estados Unidos, non ten idioma de seu, os galegos si. Sen rías, sen fragas, sen montañas, sen marisco, sen clubs de fútbol podería seguir existindo Galiza, sen idioma non, seríamos unha rexión máis, anónima e orfa. A obra de Valentín, coma a de todos os que o antecederon de distintos xeitos, trata de explicarnos iso.