Opinión

Contrición interrogativa

“Acaso así sería verdade a miña vidavir da profundidade e erguerme no infinitoenraigado no colo da terra tendo a frentecomo único astro no epicentro das tebras”.Antón A. de TaramancosCousa rara, compañeiros, e mais abraiante ista de ter que xustificarmos por seren fillos da emigración… Parez unha mácula.
Contrición interrogativa

“Acaso así sería verdade a miña vida
vir da profundidade e erguerme no infinito
enraigado no colo da terra tendo a frente
como único astro no epicentro das tebras”.


Antón A. de Taramancos

Cousa rara, compañeiros, e mais abraiante ista de ter que xustificarmos por seren fillos da emigración… Parez unha mácula. Como se un fora nazi (que non digo “feichista”, porque estes andan máis vivos e sandos ca nós e soen ocupar postos i encárregos na primeira liña do poder…) Que diría o meu señor Pai, galego emigrante –a moita honra para el– quen amosábase case fachendoso da súa orixe campesiña na Galiza profunda e do que tiña obtido despois de cincuenta anos de traballo ininterrompido: oito fillos, trinta e cinco netos e corenta bisnetos, sen falar dunha biblioteca de cinco millares de volumes, moitos dos cales terei aínda que ler… –Son o máis rico da familia–, dicía, pese a que morrerei sen cartos nin facenda…
Hoxe, se vivira (aínda que vive –quen sería de negalo– no Paraíso Galego dos bós e xenerosos) tería que xuntar papeis e amañar documentos para que un burócrata ágrafo lle puxera os selos e fixera as “xestións” e os “trámites” de rigor cara a obter un subsidio de esmoleiro e seren “recoñecido” como “español” e mais galego “oficial e cumprido”. El, que dicía: “Se eu non fora español, sería galego, e se non fora galego, non sería nada...”.
Eu, pola miña conta, fago contas e paso a conta a Administración Castelá de Madrid, con copia aos pro-homes de San Caetano, sexa cal sexa a parte que lles corresponde... Os números son sinxelos e nidios –ai Calvino, como che amamos os contables e financistas do capitalismo salvaxe, carano!–: foron seis millóns de españois chegados á América nosa, dende finais do século XIX ata os anos 40’ do recén pasado século (entre eles, meu señor Pai, meus avós Cándido i Elena, e os meus tíos Manuel, Antonio, Naulina, Alicia, Elena e Xosé María). A cada un, segundo a nova normativa da Inmigración Española, vixente en Barajas, tíñanlle correspondido un mínimo de mil euros por cachola; é dicir, seis mil millóns de euros en billetes bancarios de hoxendía… Se tomamos como data “pick” o ano 1920, temos, ata agora, oitenta e oito anos de intereses (juros, que din os nosos irmáns portugueses), e considerando un interese composto de só un catro por cento anual (ata Bush asinaría a comenencia da oferta), chegamos a unha cifra de “juros” ascendente a cento oitenta i nove mil millóns de euros, que tiñamos que adicionar aos devanditos seis mil millóns de “capital base”… Xa poderían os señores de San Caetano e da Moncloa ir facendo as maletas cara a Australia, ou Nova Zelanda –poño por caso– que en África i en América xa terían que cruzar a fronteira con identidades falsas; quizaves coma polacos ou croatas ou albaneses ou kurdos; ata coma irlandeses, se pintasen de loiro os cabelos…
Pregunto, compañeiros, a quen teño que lle pasar a conta?... E non falo dos galeóns carregados de ouro, outros minerais, produtos agrícolas, especias i outras regalías e agasallos sen conto; nin sequera lles boto en cara o ouro pálido das patacas que mataran a fame de Europa, dende fins do século dezasete ata o mesmo vinteún, cachelos incluídos... Foi cando arribaran a Baiona de Galiza, dende a outra Galiza finisterrá, Chiloé (país de gaivotas), Nova Galiza, no Sur de Sures, onde aínda medran os Andrade, Bahamonde, Varela, Suárez e Gómez, Veiga, Souto, Soutomaior…; nin falar quero dos aportes culturais dos exiliados en Bós Aires ou en Santiago de Chile, entre os anos 1940 e 1975, cando o máis novo que se publicaba en Madrid era Azorín ou Maeztu, porque para iso tivera eu que escribir unha enciclopedia das arroutadas galegas i españolas nos confíns, e moito duvido de que as entenderan os actuais medradores no poder…
Fai falta moita retranca para coller o ordenador i encetar algunhas ideas da xigantesca fogaza que amasaran os nosos antergos, con auga da Galiza e fariña da América, con maínzo do Perú e sal do Pacífico chileno… Pero temos dabondo a herdanza do humor dos devanceiros, agromado no fisterre austral, sen envexa nin mesquindade, porque ninguén dos nosos pais e avós tiña que amosar un pasaporte, á medida dos burgueses fartos da Unión Europea, para atopar eiquí leito, pan, viño, traballo e mais acougo.
A istas alturas, a quen teño que lle pedir perdón? Coido que non llo pedirei a ninguén. Pregunto, en troques: quen son estes que se roubaran as campás da Parroquia e tocan a rebato para facer o censo dos nosos vivos e o catastro dos nosos mortos? Quen?