Opinión

25 anos do certame de poesía en lingua galega ‘Rosalía de Castro’

A principios do ano 1987 convocase a primeira edición deste certame coa idea de promove-la poesía galega e os novos poetas que saíran do noso país, e tamén como homenaxe á insigne poetisa que dá nome a esta asociación galega. Cumprindo esta tarefa desde os seus comezos ata hoxe, participaron neste certame o máis salientable dos escritores que cultivan a primeira das artes da nosa lingua, a poesía.
25 anos do certame de poesía en lingua galega ‘Rosalía de Castro’
A principios do ano 1987 convocase a primeira edición deste certame coa idea de promove-la poesía galega e os novos poetas que saíran do noso país, e tamén como homenaxe á insigne poetisa que dá nome a esta asociación galega. Cumprindo esta tarefa desde os seus comezos ata hoxe, participaron neste certame o máis salientable dos escritores que cultivan a primeira das artes da nosa lingua, a poesía. Poetas noveis, e mesmo consagrados participaron cos seus traballos ó longo da historia do Certame que acaba de cumprir 25 anos de andadura.
Un cuarto de século, 25 anos consecutivos da edición deste certame, certame que na actualidade conta cunha inmensa simpatía dentro dos aconteceres poéticos do país e na emigración galega, no que levan participado poetas de tódolos lugares do mundo, alí onde os galegos e os seus descendentes se atopan e cultivan esta arte literaria na nosa lingua: desde calquera punto de América ata os fixos poetas que tódolos anos participan desde Australia ou Nova Zelanda. Figuras da nosa literatura como o escritor Méndez Ferrín cualificaba este certame xa no ano 1992 no limiar do primeiro libro editado do concurso, Certame ‘Rosalía de Castro’ de Poesía en Lingua Galega, que recolle a recopilación dos gañadores das primeiras cinco edicións do concurso, con estas verbas: “No intre da presentación deste vizoso florilexio de versos galegos colleitos en Barcelona cabería salientar en primeiro lugar o empeño cultural e patriótico dos emigrados nosos que, en Cornellá, convocan ao abeiro da asociación ‘Rosalía de Castro’ un concurso que, á vista dos resultados que tedes agora na mao, sería xusto calificar como un dos máis relevantes de cantos se dan no ámbito da nosa lingua”. Eu coido que se non é o máis importante editado en lingua galega hoxe, sen lugar a dúbidas, si é o máis importante que se deu na Galicia Exterior ó longo da súa historia, e os mesmos participantes  dannos a razón, dado o seu interese ano tras ano por participar no Certame, e segundo as valoracións dos diferentes xurados que se encargaron nestas edicións de dar a coñecer os gañadores, non só o número de participantes é altamente positivo senón que a calidade dos traballos presentados ó Certame, xeralmente e salvo contadas excepcións, é dunha calidade excelente.
O catedrático Dr. Basilio Losada Castro prologaba o segundo libro publicado no ano 2000 ‘Certame de Poesía Rosalía de Castro’ (1992-1996), despois dunha fermosa análise da emigración galega ó longo da historia e dos centros galegos, remata o seu limiar con estas verbas: “...A Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro leva xa moitos anos en vangarda deste esforzo cultural. É unha andaina fecunda e nobre que xustifica a súa existencia fronte á atonía e ineficacia de tantas outras asociacións. Fermoso sería que algúns destes rapaces e rapazas que fan nestas páxinas as súas primeiras armas no terreo da creación literaria, chegue un día a ser un gran escritor, unha figura das nosas letras. Se algún día fose realidade este desexo, a A.C.G. Rosalía de Castro tería xustificada cabalmente a súa existencia e merecería, aínda máis fondamente, a gratitude de tódolos galegos. E esta antoloxía supoñería un fito histórico que xustificaría o sacrificio de tentos directivos e de tantos socios como, ó longo de anos, veñen sostendo esta actividade. Sería un honor para eles, para todos nós e para o noso país”.
Pola calidade dos traballos e polos personaxes gañadores do certame, fai que o Certame neste intre goce dunha inmellorable saúde e as expectativas de futuro son engaiolantes para todos nós que estamos ó redor deste importante evento cultural galego feito en Cornellà, e o que é máis importante para a Cultura Galega e para o noso País.