Opinión

Un agasallo para dona Maruxa Boga

O pasado luns 26 de xullo falecía en Buenos Aires a actriz Maruxa Boga aos 95 anos de idade. Maruxa, nacida na capital arxentina en 1915, era filla de galegos (seu pai de Lestrove, súa nai de Noia). Seus pais inculcáronlle o amor pola terra nai, que ela tanto defendeu na súa longa vida. Aínda que Maruxa Boga era profesora nacional, a súa gran paixón foi sempre o teatro.
Un agasallo para dona Maruxa Boga
O pasado luns 26 de xullo falecía en Buenos Aires a actriz Maruxa Boga aos 95 anos de idade. Maruxa, nacida na capital arxentina en 1915, era filla de galegos (seu pai de Lestrove, súa nai de Noia). Seus pais inculcáronlle o amor pola terra nai, que ela tanto defendeu na súa longa vida. Aínda que Maruxa Boga era profesora nacional, a súa gran paixón foi sempre o teatro. Estudou na “Academia Nacional de Arte Escénico y Declamación” e axiña vai destacar como actriz na compañía de Maruxa Villanueva, ao lado de Varela Buxán e de Fernando Iglesias “Tacholas”. Con este último había fundar en 1941 a “Compañía de Comedias Galegas Boga-Tacholas”, coa que representará numerosas pezas teatrais, todas elas de tema galego. O seu grande éxito virá coa obra de Castelao ‘Os vellos non deben de namorarse’, que se representou por vez primeira na cidade bonaerense, onde estaba exiliado o rianxeiro. Ela e o seu marido, Alfredo Aróstegui, fixeron grande amizade con Castelao, e foi precisamente este quen tivo a idea de crear unha audición radial para a colectividade galega emigrada. Así vai nacer ‘Recordando a Galicia’, que será apadriñada por Castelao o 5 de agosto de 1945. Este programa emitíase os domingos ao mediodía por Radio Prieto, pero enseguida cambia pola máis importante Radio Rivadavia, que lles deixou unha hora da súa programación os sábados pola mañá. Contaba Maruxa Boga coa colaboración de ‘Tacholas’, de Enrique González e do seu home, e na audición combinaban recitais poéticos, monólogos e diálogos entre os seus actores, ademais de ofreceren información sobre as actividades da colectividade e entrevistas aos persoeiros galegos máis destacados na Arxentina. A audición botou máis de corenta anos en antena, sempre con Maruxa á cabeza, converténdose na voz do galeguismo bonaerense.
Pero o galeguismo de Maruxa Boga viña de moito antes, pois xa de nena falaba e escribía en galego con corrección, o que lle permitiu impartir clases de galego para os membros da colectividade. A un destes cursos concorreu o baiés Pepe Collazo, que por aquel entón xa publicaba os seus poemas en galego na revista ‘Alborada’ da ABC de Corcubión. Pepe, canteiro de profesión, apenas fora uns anos á escola de José Agra Regueiro, mais esa semente que plantara o seu admirado mestre vai medrar unha vez asentado na Arxentina. Alí lerá con paixón todo canto libro da nosa literatura atopaba nas bibliotecas dos centros galegos, con especial predilección por Curros e por Labarta. E así foi como Pepe aprendeu a escribir poesía, pero foron as súas ansias de mellora as que o levaron ás clases de Maruxa Boga, e tales deberon ser as ganas que lle puxo o baiés, que a actriz lle regalará un retrato seu asinado. Cóntanos o amigo Roberto Veloso que o señor Pepe gardou aquel retrato coma ouro en pano toda a súa vida, e que en contraprestación agasallou á súa profesora cun precioso acróstico, que como ben sabemos é aquela composición na que lendo a letra inicial de cada verso obtemos o nome de a quen está dedicada. O acróstico foi publicado en ‘Alborada’ en 1940 e di así: “Maruxiña, Virxe amena, / Azul frol da carrasquiña, / Rosa coma a carqueixiña, / Urania: Reina da Terra. / Xentil estrela galega / Iris: da patria meiguiña / Ñizca, cenefa ou beiriña, / Arumada carballeira. // Bendita sexas María, / Oriunda celta: brisa, / Groria, encanto de Galicia, / Amor doce da campiña.”