A ENTIDADE PERMANECEU 30 ANOS EN FUNCIONAMENTO

O ‘Penedo Fogar Galego’ pecha as portas e intégrase na ‘Agrupación Cultural Saudade’

A Asociación ‘O Penedo Fogar Galego’ de Barcelona, que preside Yolanda Díaz Gallego, decidiu a súa disolución como entidade para integrarse na Agrupación Cultural Galega Saudade, que preside Ernesto Lagarón Vidal.
O ‘Penedo Fogar Galego’ pecha as portas e intégrase na ‘Agrupación Cultural Saudade’
 Un momento da presentación.
Un momento da presentación.
A Asociación ‘O Penedo Fogar Galego’ de Barcelona, que preside Yolanda Díaz Gallego, decidiu a súa disolución como entidade para integrarse na Agrupación Cultural Galega Saudade, que preside Ernesto Lagarón Vidal.
O acto de fusión das dúas entidades celebrouse o pasado sábado 27 de xuño na sede da A.C.G. Saudade, onde os directivos e socios de ámbalas dúas entidades se reuniron para escenificar a fusión, segundo os acordos feitos anteriormente polo presidente de ‘Saudade’, Ernesto Lagarón, e maila presidenta en funcións de ‘O Penedo’, Yolanda Díaz.
Segundo se explicou no acto de fusión, a entidade ‘O Penedo Fogar Galego’, despois de trinta anos de vida, desaparece como entidade e o seu patrimonio, así como os seus socios intégranse en ‘Saudade’, nas mesmas condicións dos propios socios da entidade xa existentes que deste xeito sumou un importante capital social e cultural.
Trátase, segundo informou o presidente Lagarón, “dun acto que suma, e lonxe de que unha entidade que ten dificultades para continuar cos súas actividades, en lugar de pechar as portas e que se perda esa capacidade de crear actividades, se integran noutra entidade e deste xeito sumar esforzos, sempre é de tristeza o feito de que unha entidade galega, e neste caso unha das máis antigas e de moito recoñecemento desapareza, pero deste xeito os seus compoñentes poderán seguir traballando pola nosa cultura e por Galicia desde Saudade como calquera dos socios que xa temos”.
No acto de fusión, o presidente de ‘Saudade’ criticou a actitude que, segundo el tiveron outras entidades galegas en Cataluña coa situación do ‘Penedo Fogar Galego’, xa que na resolución de reparto que aprobaron os seus socios e os directivos, de conforme aos seus estatutos, parte dos seus fondos ían a outras entidades como a Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña, que preside Luís Lamas, e estas rexeitaron a doazón, alegando, segundo Lagarón, que non eran pratos de segunda, isto é un desprezo a colectividade galega, afirmou Lagarón. Tamén, segundo a súa opinión, este é un camiño que comeza hoxe e que seguirá, moitas das entidades que hoxe existen en Cataluña, ou dan un xiro radical ou o seu futuro non augura moitos anos de supervivencia, o camiño correcto é este, fusionarse antes que desaparecer, integrarse a xuntar forzas, sumar e non restar, deste xeito a colectividade galega poderá seguir tendo entidades que fagan patente a súa pegada galega en Cataluña.
No remate do acto, o presidente Lagarón entregoulle a Yolanda Díaz o carné de socia de ‘Saudade’, como símbolo de acollemento de tódolos socios do que xa foi ‘O Penedo Fogar Galego’ de Barcelona, que desde hoxe cada un deles de forma voluntaria pasan a ser socios de ‘Saudade’, sumándose ás súas actividades e creando outras novas como é o caso da grupo de teatro ‘Zarabanda’, que dirixe Yolanda Díaz que seguirá co seu nome, e será dotado por ‘Saudade’ das axudas persoais e económicas necesarias para continuar coas súas representacións.