“O partido goza de apoio afectivo entre a colectividade e iso nos serve para moito”

“O partido goza de apoio afectivo entre a colectividade e iso nos serve para moito”
    Pregunta. O BNG non se caracteriza por acadar moito apoio do exterior nas convocatorias electorais, pode cambiar algo nestas europeas?
    Resposta. O BNG ten moito apoio afectivo, que nos serve para moito. O BNG non basea a súa política de emigración só en relación co voto, senón en falar dos problemas e dereitos da diáspora. Pero é máis, nestas autonómicas non baixamos, seguimos ao redor dos 3.000 votantes, os mesmos que nas xerais, e penso que nestas europeas imos ter un aumento proporcional.
    P. Iso a pesares da situación pola que atravesa o partido nestes momentos?
    R. O BNG está nun momento de cambio, de redefinición de estratexias, de cambio de liderado, de portavocía, pero dende a última asamblea, amósase con moi boas previsións, con moi boa intención, con gañas de facer unha política directa, humilde, participativa. E nesta campaña imos percorrer o país, con actos en Sarria, Xinzo, O Barco, Teo, A Coruña ,Vilagarcía, Ourense, Vigo, etc. E porque non me deixan ir a diáspora..., porque non hai tempo. Pero alí temos moitas persoas que poden facer campaña.
    P. E con esta redefinición do partido van variar en algo as políticas do BNG cara a emigración?
    R. Vanse intensificar, porque dende o Parlamento Europeo vamos ter vínculos máis estreitos para que se poida establecer contacto con América Latina. Bos Aires, Montevideo e Caracas son cidades coas que se vai ter relación estreita. Eu farei como Feijóo, se logro o escano, o primeiro que vou facer é ir celebralo a Bos Aires e Montevideo co noso grupo local do BNG.
    O Parlamento europeo vai ser unha caixa de resonancia para a emigración. Ademais, hai que contar coa implicación política e persoal que eu teño coa emigración, que non me vou apear dela, e cando haxa informes en materia de inmigración, terei unha posición progresista.
    P. O BNG aposta por una cara nova para levar os asuntos de emigración, a ex conselleira Teresa Táboas, que valoración fai dela?
    R. Ela sería a responsable no Parlamento galego. Táboas é unha persoa que naceu na diáspora. As mulleres temos unha sensibilidade especial cara a outras mulleres emigrantes e a todo o que fai referencia a emigración. Ten absoluta predisposición a traballar e o feito de que nacera na diáspora, é un punto de inflexión.