A MOSTRA, PROPIEDADE DO HISTORIADOR MANOEL CARRETE, AMOSA A EVOLUCIÓN HISTÓRICA EN TRES SÉCULOS

‘O papel da diáspora galega en Catalunya’ cobra actualidade nas festas de Mollet

Organizada pola ‘Irmandade Galega A Nosa Galiza’, que preside Isabel Ares, tivo lugar a celebración da XXX Festa das Nacionalidades e Comunidades Autónomas en Mollet del Vallès (Barcelona) durante a cal se desenvolveron diversas actividades culturais e actuacións de danza e música galegas, así como de outras comunidades autónomas.
‘O papel da diáspora galega en Catalunya’ cobra actualidade nas festas de Mollet
 Un intre da visita a exposición.
Un intre da visita a exposición.

Organizada pola ‘Irmandade Galega A Nosa Galiza’, que preside Isabel Ares, tivo lugar a celebración da XXX Festa das Nacionalidades e Comunidades Autónomas en Mollet del Vallès (Barcelona) durante a cal se desenvolveron diversas actividades culturais e actuacións de danza e música galegas, así como de outras comunidades autónomas. E coma acto principal desta celebración cabe destacar unha exposición titulada ‘O papel da diáspora galega’, que estará na sala de exposicións da ‘Masia Can Borrel’ da cidade de Mollet ata mediados deste mes de xullo.

 

Durante este tempo, os visitantes poden gozar de diversos traballos inéditos sobre a emigración galega a Cataluña, un legado propiedade do historiador Manoel Carrete, comisario da exposición, e na que se amosa a evolución histórica dos galegos que chegaron a Cataluña nos últimos tres séculos, con personaxes ilustres como Tiberio Ávila, Mercedes Núñez ou Mari Luz Morales.
Á inauguración asistiron, ademais da presidenta da entidade galega, Isabel Ares, as máximas autoridades do Concello de Mollet, unha delegación do Concello de Viana (Ourense) encabezada polo tenente de alcalde, Serafín Sierra Bembibre, e o concelleiro de Medio Ambiente, Licesio González, os cales quixeron agradecer tanto ao historiador Carrete como á entidade galega esta exposición, xa que un dos seus protagonistas, Tiberio Ávila, é fillo de Viana.
Por outra banda, nesta mostra sobre a emigración galega tamén está presente o traballo recolleito polo historiador do Concello de Vedra, Xurxo Cerdeira, co que este concello galego ten composta a exposición ‘100 anos das entidades de Vedra en América’ e máis concretamente coa documentación da Sociedade Mutualista de Vedra. Para presentala trasladouse a Mollet, ademais do historiador, a concelleira de Cultura, Lucía González Louro.
A exposición divídese en dous escenarios: carteis pluma (para contar a historia) e vitrinas con 100 obxectos, mostra da diáspora galega a Cataluña de máis de 150 anos.
Nos 10 carteis pluma cunhas medidas de 1,00 m por 0,60 m, relátase a historia da diáspora galega de Cataluña.
Amósase a historia da colonia galega en Cataluña, centrándose nas diversas entidades galegas existentes a principios de século como de personalidades relevantes da colectividade, facendo relevante fincapé ás figuras de Mercés Núñez (Paquita Colomer que estivo en Ravensburg...), Mari Luz Morales (estivo nos cárceres franquistas e primeira directora dun diario de gran tirada como a ‘La Vanguardia’), o único deputado vivo da primeira república e na segunda Tiberio Ávila, un membro do ateneo barcelonés de principio de século, un membro galego da Llotja de 1900, o avogado galego de Ferrer i Guàrdia, os tenentes alcaldes e concelleiros galegos de Barcelona, o único colexio galego de Cataluña.
Todos estes paneis están acompañados de documentación moi valiosa e nunca exposta en Cataluña en conxunto como único documento coñecido da entidade galega máis antiga de Europa, Congregación do Apóstol Santiago; século XVIII; orixinal, revista inédita para o arquivo da emigración galega como Mocidade de Galicia de 1915; orixinal, Galicia en Cataluña-outubro de 1929; orixinal, discurso da Real Academia de ciencias morais e políticas de Manuel Colmeiro 1891; orixinal, un galo de Luís Suárez Delgado, único membro do partido galeguista que viviu en Barcelona desde antes da república ata a morte do ditador; orixinal, tese doutoral de Homobono González ‘Emigración e reimmigración en Galicia 1919’; orixinal. Así como moita máis documentación e imaxes de importante valor cultural e histórico.
Ademais da devandita exposición, durante os días 19, 20 e 21 de xuño celebráronse no ‘Parque de Can Borrel’ da vila de Mollet diversas actuacións musicais como a do Grupo de Música tradicional de Vedra, a coral da Irmandade Galega ‘A Nosa Galiza’, e os grupos de danza ‘Saudade’ e ‘Cova da Serpe’de Barcelona, ‘Agarimos’ de Badalona e o grupo da entidade organizadora, así como doutras nacionalidades presente en Mollet, como o grupo ‘Azahar’, o Centro Aragonés e o ‘Esbart Dansaire’ de Mollet. Asemade como a calquera festa galega non faltaron os produtos típicos da gastronomía galega, así como abundante información cultural e turística de Galicia.