O CENTRO DA CIDADE FOI O ESCENARIO DAS ACTIVIDADES PROGRAMADAS POR ESTA IRMANDADE GALEGA

‘O Noso Lar’ de Terrassa festexa os seus 27 anos traballando a prol da cultura galega

A Irmandade Galega ‘O Noso Lar\' de Terrasa cumpre 27 anos de vida e o celebrou con unas xornadas de cultura e gastronomía galega.
‘O Noso Lar’ de Terrassa festexa os seus 27 anos traballando a prol da cultura galega
 Un momento da celebración.
Un momento da celebración.

Coñecida tradicionalmente como a cidade do jazz, como a capital do hockey herba, como unha importante cidade castellera, como o segundo campus universitario de Catalunya, e situada a 28 kilómetros de Barcelona, a cidade de Terrasa conta na actualidade cunha poboación de preto de 204.000 habitantes, entre os cales aínda hoxe atopanse un importante número de galegos chegados durante a expansión industrial dos anos sesenta, que teñen como referente a Irmandade Galega ‘O Noso Lar’, que este ano cumpre 27 anos de vida. A Irmandade Galega ‘O Noso Lar,’ que preside Antonio Rodríguez, natural da Comarca do Bolo, inaugurouse o 23 de outubro de 1982 coa presenza de Xosé Filgueira, sendo conselleiro de Cultura da Xunta. 

 

Entre as súas sinais de identidade pódese recoñecer na colectividade galega en Cataluña polo seu anagrama, a popular Palloza. Á presentación oficial do anagrama gañador asistiu o entón presidente da Xunta de Galicia Xerardo Fernández Albor.
Para conmemorar a efeméride, organizaronse unhas xornadas de cultura e gastronomía galega. Instalaron unha carpa no centro da cidade, na que se levaron a termo, durante os días 23, 24, e 25 de outubro, unha morea de actos que comezaron o venres 23 pola tardiña coa celebración dun evento simbólico, o casamento do Pulpo Galego e a Botifarra Catalana, escenificando así a comunión entre ámbalas dúas gastronomías na cidade de Terrassa.
Asemade, no recinto tiveron lugar outros eventos, como actuacións de música tradicional de Galicia e Catalunya, presentación de novos escritores en galego e catalán, exposición de libros e información sobre o Xacobeo 2010.
Ademais, o día 25 celebrouse un xantar de aniversario ao que asistiron representantes do resto de entidades galegas de Catalunya, representantes da corporación municipal e diversas autoridades de Catalunya, entre os numerosos socios e amigos de entidades galega en Terrassa. Aos postres o cantautor galego residente en Catalunya Alfredo González deleitou aos asistentes cun recital no que interpretou pezas típicas da súa autoría, en galego e catalán.
A exposición cultural amosada no interior da carpa contou cunha abundante afluencia de público que puido ollar as últimas publicacións en galego, así como os libros de referencia da literatura galega. Tamén se podía ver unha retrospectiva histórica da ‘pegada galega’ que a Irmandade Galega ‘O Noso Lar’ deixou en Terrassa nos seus 27 anos de andadura, a través das referencias de hemeroteca, das actividades feitas, e a súa participación na vida sociocultural da cidade. Cabe significar tamén neste evento o espazo dedicado á promoción do Xacobeo 2010, con abundante información pola que se interesou numeroso público.
Nos seus 27 anos de andadura, a Irmandade Galega conseguiu ser un referente cultural galego na cidade de Terrassa e asentarse como unha das asociacións máis activas. Son moitas as actividades levadas a cabo: exposicións, cursos de formación e recitais musicais, entre outros. Un dos actos de máis arraigo entre os habitantes de Terrassa seguramente sexa a popular ‘Festa Galega’, que celebran cada ano o segundo fin de semana de maio, coincidindo coas Letras Galegas, onde participan unhas 6.000 persoas. Entre as actividades desta festa, cabe destacar o ‘pasacalle’ desde a sede da entidade ata o Concello onde, ao son das gaitas, adornan a Rambla de Terrassa co colorido dos traxes rexionais de Galicia.
A Xunta Directiva da entidade está actualmente composta por: Antonio Rodríguez, presidente; Olga Fernández, vicepresidenta; Sonia Martínez, secretaria; Carmen Fernández, vocal de Cultura; Miguel Ares, vocal de Xuventude; Eladio Fernández, vocal de Festexos; Miguel González, vocal de Mantenimento; Lisardo Espín, vocal de Organización Interior, Prensa e Correspondencia; e Adriana Álvarez, xestión de biblioteca.
A sede de ‘O Noso Lar’, entre outras instalacións, dispón dunha biblioteca duns 2.000 exemplares a disposición de toda persoa interesada na cultura galega en Terrassa, gratuitamente, situada na Rúa Conde Borrell, 34. Ademais, dispón da web, onde se poden seguir as súas actividades: http://igonosolar.galeon.com.