Nace unha nova asociación para agrupar ás entidades galegas radicadas en Cataluña
Co nome de ‘Asociación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya’ (Aegalcat), a nova entidade galega creada en Cataluña foi presentada de xeito oficial o xoves 21 de maio no Hotel Eurostars Grand Marina de Barcelona. Presidida polo lucense Ernesto Lagarón Vidal, está composta por sete entidades das máis representativas de Cataluña. Asistiron ao acto máis dun centenar de persoas das entidades que votan andar esta nova iniciativa que, segundo o seu presidente, “comeza a camiñar para a creación dunha Fundación, que será a primeira que coordine o ‘feito galego’ de todo o mundo dende Barcelona”.
Os promotores estiveron arroupados por diversas autoridades de diversos ámbitos da vida sociocultural de Cataluña, así como polos representantes de todo o arco parlamentario catalán e dos partidos políticos.
Durante o acto, os dirixentes tamén anunciaron que o luns –polo 25 de maio– íanse reunir na ‘A.C.G. Saudade de Barcelona’ co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a quen finalmente fixeron entrega deste ambicioso proxecto.
As entidades que integran ‘Aegalcat’, a día de hoxe, son a ‘Agrupación Cultural Galega Saudade’ (Barcelona), a ‘Asociación Foro da Terra Galega’ (Barcelona), ‘Airiños da Nosa Galicia’ (Santa Coloma de Gramanet), ‘Irmandade Galega de Rubí’ (Rubí), ‘Centro Galego Nós’ (Sabadell), ‘Irmandade Galega O Noso Lar’ (Terrassa) e ‘Centro Galego de Lleida’ (Lleida).
Por que nace esta nova entidade? Segundo os seus promotores, “o asociacionismo galego en Catalunya leva anos estancado. As entidades que fundaron os emigrantes coa vontade de promocionar o ‘feito galego’ –ese movemento que configura aos galegos, fillos de galegos e tódolos que entraron a formar parte das súas familias e amigos–, a través de manifestacións culturais como a lingua e o folclore, desenvolveron un excelente papel e xa acadaron un alto nivel de representatividade social así como gran poder de convocatoria polo respecto gañado e as simpatías xeradas entre os cidadáns” din, e engaden: “Os galegos fixémonos grandes no exterior”.
“Pero non nos podemos quedar aquí. Superada a etapa migratoria, os galegos do exterior non podemos deixar de avanzar. Xa acabaron os tempos nos que os galegos marchaban a centenares cada día porque Galicia non lles daba as oportunidades de futuro que si ofertaban as grandes cidades, primeiro as latinoamericanas, despois as europeas e, nos anos cincuenta a finais dos setenta, as do Estado español.
Pero o ‘feito galego’ segue a ter moita importancia en sociedades como a catalana, na que os galegos son un colectivo con gran influencia social.
A ‘Asociación de Entidades Galegas de Catalunya’ (Aegalcat) asume o reto de encamiñar esta influencia social que exerce o ‘feito galego’ na sociedade catalana a fundar unha delegación que constitúa a xenuína representación de Galicia en Catalunya, unha misión galega permanente que vele polos intereses dos galegos, xa non só no eido da cultura tradicional, como tamén nos campos legal e económico.
Por iso une ás entidades comprometidas con Galicia e a súa proxección no exterior para ser máis grandes que nunca. Este proxecto común quere que aqueles emprendedores galegos e descendentes de galegos que queiran abrirse camiño no mundo da empresa, os intrépidos que queiran recibir formación en lingua e cultura galegas, os intrépidos que queiran facer o Camiño de Santiago, os que queiran marchar a traballar, estudar ou, en definitiva, a vivir a Galicia, conten cunha delegación en Barcelona que canalizará as súas demandas polas vías pertinentes para dar resposta ás súas necesidades.
E será máis grande aínda. “Aegalcat é un instrumento de transición para converterse nunha institución con aínda máis peso social: a ‘Fundación Galicia-Catalunya. Xuntos, avanzamos. Xuntos, máis grandes que nunca”.
Consideran que a actual representación que ata agora exercía a Federación de Entidades Culturais Galegas, que nestes intres preside o ‘Centro Galego’ de Barcelona, está caduca e non asume o reto de representar os intereses galegos en Cataluña con claridade e independencia, polo que as entidades que compoñen ‘Aegalcat’, xa hai tempo que abandonaron este organismo, así como outras que o farán en próximas datas.
Representación en Cataluña
Por iso, ‘Aegalcat’ “aspira a ser a xenuína representación de Galicia en Cataluña”, do seu potencial, económico e cultural, promovendo todo tipo de actividades entre ámbolos dous países. Tamén aspira a promover unha institución que vele polos intereses dos galegos que queiran manter relación co seu país de orixe, e non só no eido cultural, como fixeron ata agora as entidades actuais, senón tamén no eido legal e económico, así como noutros diversos campos.
‘Aegalcat’ nace coa visión de ser un instrumento de unión de entidades galegas que traballen por un ambicioso obxectivo, como é constituír a primeira Fundación Galega en Cataluña integrada por tódalas entidades comprometidas con Galicia e a súa proxección exterior, destinada a asesorar a todo aqueles cidadáns, sexan galegos ou non, interesados por Galicia.
A xunta directiva inicial de ‘Aegalcat’ está composta por Ernesto Lagarón Vidal, da ‘A.C.G. Saudade’( presidente); Silvia Castañeda Fuente, da ‘Irmandade Galega de Rubí’ (vicepresidenta); Manuel Dobarco Touriño, de ‘Airiños da Nosa Galiza’, Santa Coloma de Gramanet (secretario xeral); Antonio Rodríguez Rodríguez, de o ‘Noso Lar de Terrasa’ (tesoureiro), e Mariano Rodríguez Macía, do ‘Foro de Terra Galega’, como vogal.