ARREDOR DE MIL PERSOAS ASISTIRON A ACTIVIDADE ORGANIZADA POR ‘SAUDADE’

Os galegos residentes en Barcelona celebran a tradicional festa do ‘Entroido’

Organizada pola Agrupación Cultural Galega Saudade, que preside Senén López Fernández, arredor dunhas mil persoas asistiron o pasado sábado 14 de febreiro á popular ‘Cea do Entroido’ celebrada nun dos principais hoteis de Barcelona, á que asistiron representantes das principais institucións de Barcelona, como o alcalde da cidade, Jordi Hereu
Os galegos residentes en Barcelona celebran a tradicional festa do ‘Entroido’
 Os convidados á festa encheron o salón onde tivo lugar a ‘Cea do Entroido’.
Os convidados á festa encheron o salón onde tivo lugar a ‘Cea do Entroido’.
Organizada pola Agrupación Cultural Galega Saudade, que preside Senén López Fernández, arredor dunhas mil persoas asistiron o pasado sábado 14 de febreiro á popular ‘Cea do Entroido’ celebrada nun dos principais hoteis de Barcelona, á que asistiron representantes das principais institucións de Barcelona, como o alcalde da cidade, Jordi Hereu. Con especial mención aos representantes do Concello e de Navia de Suarna (Lugo), Xosé Barreiros, tenente de alcalde, xa que deste concello procedían os principais produtos degustados na cea.
Un multitudinario encontro gastronómico de galegos no que un ano máis, desde que ‘Saudade’ instituíu o evento, hai dez anos, os socios e amigos da entidade acudiron masivamente para degustar os manxares máis prezados do mar e a terra de Galicia, e todo elo por un prezo popular –se temos en conta outros eventos parecidos, que se celebran en Barcelona–, para festexar como se merece o xuntoiro de don Entroido e dona Coáresma. Ademais, nesta celebración a ACG Saudade condecoraron coa Insignia de Ouro da entidade a unha persoa que, segundo Ernesto Lagarón (secretario xeral de Saudade), foi un dos primeiros impulsores das actividades da colectividade galega en Cataluña, como é Xosé Souto, o primeiro presidente da Irmandade Galega de Mollet.
Un evento que ademais se aproveita para dar a coñecer en Cataluña as elaboracións artesanais dos produtos típicos destas datas en diferentes lugares de Galicia: botelo, chourizos, empanada, cachola, lacón, grelos, etc., nesta décima edición elaborados polos artesáns do Concello de Navia de Suarna (Lugo), despois dunha suculenta mariscada, xa que os produtos do mar galego tampouco poden faltar en calquera xuntanza gastronómica que se prece. Todos estes ingredientes, regados cos mellores viños galegos, fixeron que a velada que rematou cunha gran queimada galega, e a tradicional romaría, fora do agrado dos asistentes, que ademais da degustación dos produtos, asistiron a unha perfecta posta en escena da Cea do Entroido, cunha espléndida organización que un ano máis converteu a este evento nun referente da gastronomía galega en Barcelona.
O evento ao que a entidade organizadora lle dá o carácter de encontro de galegos xa que a asistencia é aberta a tódolos galegos que queiran asistir, contou ademais dos socios de Saudade, con socios e directivos da práctica totalidade das entidades galegas en Barcelona e no que este ano asistimos á presentación dunha nova entidade galega en Cataluña como é a ‘Asociación de Centros Galegos de Cataluña’ que está presidida por Ernesto Lagarón Vidal e a configuran as entidades que hai pouco abandonaron a Federación por desacordo coa súa dirección.