A ACTIVIDADE ESTIVO ORGANIZADA POR ‘AGARIMOS’

Os galegos en Badalona fan coincidir a ‘Feira do Polbo’ co ‘magosto’ típico do San Martiño

O pasado día 15 de novembro celebrouse na localidade de Badalona (Barcelona) a tradicional ‘Feira do Polbo’, organizada pola ‘Asociación Cultural Galega Agarimos’, facéndoa coincidir co San Martiño, data na que tamén celebran o ‘Magosto’.
Os galegos en Badalona fan coincidir a ‘Feira do Polbo’ co ‘magosto’ típico do San Martiño
 Un intre da preparación das castañas.
Un intre da preparación das castañas.
O pasado día 15 de novembro celebrouse na localidade de Badalona (Barcelona) a tradicional ‘Feira do Polbo’, organizada pola ‘Asociación Cultural Galega Agarimos’, facéndoa coincidir co San Martiño, data na que tamén celebran o ‘Magosto’.
Tódolos terceiros domingos de cada mes acostuman a ofrecer a tódolos seus socios, veciños e demais asistentes, a degustación exquisita do ‘polbo á feira’ que cocen diante mesmo da entidade. Unha feira que se ven desenvolvendo xa dende fai máis dun ano e está adquirindo un enorme éxito entre tódolos galegos e non galegos que se achegan á súa sede, na rúa París, 45 de Badalona.
Nesta ocasión coincidiu coa celebración da ‘Festa do Magosto’, que segundo algúns dos directivos da Asociación Galega, o fan coincidir coa festividade do San Martiño, xa que en Galicia esta é unha data moi especial e característica dos magostos, concretamente na provincia de Ourense, de onde son moitos dos socias da entidade.
Este ano as castañas viñeron de Riós, lugar de procedencia dalgúns dos seus socios. Precisamente este verán tiveron a súa xuntanza anual en Galicia nesa localidade da provincia de Ourense, á que acudiron unha morea de socios e simpatizantes que disfrutaron dunha fin de semana de reencontro e aproveitaron para degustar os produtos típicos e de calidade da zona.
Despois de asar as castañas nun ‘tixolo’ moi semellante ao que se emprega nas aldeas galegas, e repartilas entre tódolos asistentes, acompañadas de bo viño e refrescos, repartíronse tamén os ‘bolos preñados’ que cada ano nesta festa son produto de tradición para os asistentes ao festexo, preparados e confeccionados nas primeiras horas da mañá no forno de leña.
A xornada de degustación e xuntanza convértese sempre nun motivo de compartición e intercambio de impresións entre tódolos socios e simpatizantes, que rematan a festa coa interpretación de varias pezas musicais e baile animado polos compoñentes do grupo de mozos e mozas da entidade.
É de resaltar a participación desinteresada de moitas persoas no desenvolvemento desta actividade que aínda ten fervenza entre tódolos socios e simpatizantes, xa que algúns dos ‘castañeiros’ disfrázanse a remedo das antigas castañeiras galegas e tentan emborrallar aos rapaces, ou non tan rapaces, cos tizóns do lume, para facer máis amena a espera da degustación deste produto galego de calidade.