Festa para honrar ao apóstolo Santiago no municipio de A Llagosta
A Llagosta é un municipio situado no extremo sur da comarca do Vallés Oriental (Barcelona), con 13.674 habitantes e unha extensión de 3,03 kilómetros cadrados. Zona eminentemente industrial, froito da ubicación no segundo cinto industrial da cidade de Barcelona –no que o seu pasado agrícola actualmente atópase practicamente extinguido–, entre os seus habitantes atópanse a redor de cincocentas familias de orixe galega, na súa maioría, vencelladas á ‘Agrupación Cultural Galega Alborada’.
Neste intre, ‘Alborada’, que está presidida por Xosé Luís Salgueiro, é unha das principais asociacións das que conta o municipio, e tamén das máis dinámicas dentro do tecido social de A Llagosta. Entre o ronsel de actos que ao longo de cada ano organizan atopamos, a primeiros de xullo, a Festa en Honor ao Apóstolo Santiago que se celebra no Parque Popular, no que durante os tres días de actos, 3, 4 e 5 de xullo, se celebran diversas actividades ás que os cidadáns da vila acoden masivamente cada ano.
‘A Festa Galega’, como a denominan popularmente os llagostenses, este ano celebrou a súa 12ª edición, e para os seus organizadores, a directiva e socios de ‘Alborada’, este ano tivo unha especial satisfación, xa que no pasado mes de outubro inauguraron a súa nova sede que está situada a beira do recinto da festa, así que durante os tres días de festa esta estivo visitada por numeroso público, ademais de gozar da ‘Festa Galega’ coas súas variadas actividades.
As actividades festivas comezaron o venres pola tarde coa izada de bandeira galega na Casa Consistorial do municipio, coa presenza do alcalde da vila, Antonio Risquez, o presidente da entidade galega X. Luís Salgueiro, e diversas autoridades, que durante os tres días formou parte da emblemática oficial da Llagosta.
As 20,00 horas, fíxose o pregón de inicio da festa a cargo do historiador do Concello de Vedra, Xurxo Cerdeira, quen falou, entre outras cousas, da exposición ‘100 anos das entidades de Vedra en América’ e máis concretamente da documentación da ‘Sociedade Mutualista de Vedra’, que o Concello de Verdra recuperou, e hoxe forma parte do seu legado cultural e histórico.
Entre as diversas actuacións musicais e folclóricas que se levaron a cabo destacan as da Banda de Gaitas da ‘A.C.G. Alborada’, a ‘A.C. Toxos e Xestas’, a ‘A.C.G. Rosalía de Castro de Cornellá’, a ‘Irmandade Galega de Mollet’, así como as casas rexionais de A Llagosta, ‘A. Rociera Andaluza’, e ‘Casa de Andalucía de A Llagosta’. E actuación como a de ‘Ball de Gitanes de La Llagosta’ e a exhibición de bailes de salón de diversos colectivos da vila. As orquestras, ‘Krlave’, ‘Show Huracan’ e ‘Clave de Sol’, que, xunto coa actuación do humorista Johnny García, amenizaron a popular festa, na que tamén houbo degustacións dos típicos produtos gastronómicos galegos, así como exposición de libros e abundante información cultural e turística de Galicia.
Os actos litúrxicos tamén formaron parte das actividades, congregando a numerosos veciños da vila, na celebración dunha misa en honor ao Apóstolo no recinto do parque, despois dunha procesión polas rúas centrais da vila, presidida pola imaxe do Apóstolo e arroupados polo Grupo de Gaitas da Agrupación Galega.
Como cartel de presentación hai que destacar unha nova edición da revista ‘Alborada’, un anuario que co gallo desta celebración edita a entidade, na que se recolle un exhaustivo traballo biográfico das actividade máis sobranceiras da entidade levadas a cabo durante o ano, cun esmerado deseño e un contido de calidade. A publicación recolle ademais, as aspiracións de futuro da entidade, así como un bo feixe da traballos de interese cultural sobre Galicia, e reportaxes dedicados a diversos lugares do país.