Oito entidades galegas de Cataluña crean a Fundación Galicia Universal
Barcelona acolleu a celebración do congreso de constitución da Fundación Galicia Universal, presidido pola galeguista Iolanda Díaz, e no que quedou nomeado presidente da mesma Ernesto Lagarón, así como o Patronato que gobernará a fundación e as súas liñas de actuación. Durante dous días, máis de 100 persoas ligadas a oito asociacións galegas das máis significativas fóra de Galicia, discutiron a finalidade, organización e viabilidade deste ambicioso proxecto que comprende tres áreas de xestión das súas actividades, como son o Foro Social, o Foro de Cultura e o Foro de Emprendedores.
Un ambicioso proxecto que o presidente Lagarón definiu como un referente galego do século XXI. “Nós imos ser o referente da Galicia do exterior do século XXI, apostando pola xuventude”. Con ese compromiso, Ernesto Lagarón aceptou o cargo de presidente da Fundación Galicia Universal, que botou a camiñar en Barcelona o día 22 de novembro de 2009.
O Patronato da Fundación nomeado no congreso fundacional está composto por: Ernesto Lagarón, presidente da Asociación Cultural Galego Saudade; Manuel Vázquez Osorio, presidente do Centro Galego Nós de Sabadell; Xosé Terceiro, presidente do Centro Galego de Lleida; Elio Mariano Rodríguez, presidente do Foro da Terra Galega; Antonio Rodríguez, presidente da Irmandade Galega O Noso Lar de Terrassa; Silvia Castañeda, presidenta da Irmandade Galega Rubí; Carlos Ríuo, presidente do Centro Cultural Airiños da Nosa Galicia de Santa Coloma de Gramenet; e Manuel Prados, presidente da Casa Galega de L\'Hospitalet del Llobregat.
Asemade, o congreso aprobou as áreas que se encargarán da organización das actividades da fundación que estarán dirixidas por tres personalidades relevantes da colectividade galega en Cataluña, como son o escritor Xosé Antón Pet Posse, en cultura, o político e promotor cultural Xosé Conde, e o empresario Xulio Rivero.
O Foro da Cultura será un promotor de eventos de tódalas disciplinas artísticas e culturais como pintura, fotografía e exposicións, concursos literarios, concertos, unha escola de galego e moitos outros que vaian sempre ao encontro das preocupacións dos novos valores. O foro está dirixido polo escritor Xosé Antón Pet Posse.
O Foro Social ten o obxectivo claro de facer un club galego co obxectivo de unificar un grupo de persoas con intereses semellantes como a lingua, a música e a cultura de Galicia, e proxectar as iniciativas culturais dos novos talentos. O foro está dirixido por Xosé Conde promotor cultural.
O Foro de Emprendedores será un club de negocios para novos empresarios. Este programa ofrecera aos empresarios conexións con escolas de negocios, a protección de novos proxectos empresariais, a interacción cos empresarios galego do mundo, promovendo a conciencia e comercialización do galego con denominación de orixe. O Foro está dirixido polo empresario Xulio Rivero Prieto.
Na cerimonia de clausura do congreso fundacional compareceron como testemuñas de honra: Josep Lluis Cleries, deputado do Parlamento de Cataluña por Converxencia Democrática de Catalunya; Jordi Cases, membro do Congreso dos Deputados por Unión Democrática de Catalunya; Isabel García, representando ó presidente da Deputación de Barcelona; Katy Carreras-Moys, representando ao alcalde de Barcelona; Andrés Castro, subdirector xeral das Comunidades Galegas no Exterior da Xunta de Galicia; e Ramón Fontdevila, director do Departamento de Cultura popular e tradicional de Catalunya. Todos auguraron grandes éxitos a Fundación, e a cualificaron dunha ferramenta moderna e potente para reforzar e actualizar a imaxe da Galicia do século XXI.
O nacemento da Fundación Galicia Universal ven facer realidade o principal obxectivo que a Asociación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña (AEGALCAT), creada o pasado mes de maio por un grupo de sete entidades galegas as que hoxe se suma a Casa Galega de Hospitalet, e que coa creación da fundación deixa de existir. As súas inquedanzas e os seus obxectivos asúmeos a fundación que, ademais das súas actividades, convertese no paraugas que arroupará ás entidades que a compoñen. Ademais, a fundación nace cunha clara misión que é a de velar polos intereses dos galegos ala onde se atopen, e a coordinación do Feito Galegos en todo o mundo dende Barcelona.