O Centro Galego de Lleida presenta un novo número da súa revista ‘Xurdimento’
O Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, fixo neste mes de febreiro a presentación do número 23 da revista ‘Xurdimento’, dentro dos actos conmemorativos da Semana Cultural, un anuario que o Centro Galego ven editando desde hai 23 anos, e no que se fai un pormenorizado balance das actividades realizadas durante o ano en curso; todas elas cunha moi boa acollida, así como outros traballos de interese. O acto celebrouse o pasado venres 12 de febreiro, cun cheo total do local social da entidade asociativa.
A presentación do anuario correu a cargo de Josep Giné Badia, ‘Sindic de Greuges’ do Concello de Lleida, e no que o presidente do Centro Galego, Xosé Terceiro, deu a benvida a todos os presentes, socios, amigos e simpatizantes que os acompañaban, e moi especialmente ás distintas autoridades locais, entre outros, o deputado do Parlament de Catalunya Francesc Pané; o concelleiro de Participación Cidadá, Joan Gómez; os concelleiros Ramón Camats e Ismael Zapater; a directora de Política Lingüística da ‘Generalitat de Catalunya’, Paquita Sanvicens; o presidente da Federación de Casas Rexionais de Lleida, Cosme García Mir; o presidente da Casa de Aragón, Jesus Monter; o presidente do Centro de Castela e León, Oscar Sánchez; e o presidente da Casa de Andalucía, Jordi Solana, así como o profesor Xulio Couxil, coordinador da revista, xunto coa poeta e directora da Coral Gengallei Rosa González Mahía, entre outras personalidades.
Nas 120 páxinas que conten a revista pódense ler diversos traballos xornalísticos, escritos tanto en galego como en catalán ou castelán, asinados por escritores como: Rexina R. Vega, Pura Salceda, Noelia Rodríguez, Federico Pumar de la Iglesia, Julián Melero, ou o catedrático Ismael Zapater, o historiador Manoel Carrete, o xornalista Jordi Curcó, así como outros amigos e socios do Centro que fan as súas colaboracións escribindo de temas culturais e sociais de moito interese, e reportaxes de temática galega como o Xacobeo, os viños galegos ou a reserva da biosfera do Xurés etc…
Asemade durante a Semana Cultural, Lleida acolleu outras actividades como o día da inauguración, 8 de febreiro, coa exposición de manualidades que preparou a vocalía da Muller do Centro, na que amosaron os traballos realizados durante o curso. Acto no que a súa coordinadora, María Alba Gil, explicou con detalle cada unha das pezas expostas, todas elas feitas con esmero, polas mulleres da vocalía.
Ademáis do numeroso público asistente, estiveron acompañados pola ‘rexedora’ do Concello de Lleida Neus Brocal Mañas, responsable de Política de Igualdade, e tamén pola concelleira Bea Obis Aguilar.
Ao final ofrecéuselles a tódolos asistentes un ágape regado con viño do Ribeiro.
O mércores día 10 de febreiro, celebrouse unha conferencia a cargo da sicóloga María Mesalles Villanueva, baixo o título ‘Violencia de xénero’. O acto foi dun gran interese para todos os asistentes. No acto tamén estiveron a ‘rexedora’ Neus Brocal Mañas e tamén o conconcelleiro Alex Guallar Tasies. Ao finalizar, deu comezo unha quenda de intervencións dos asistentes, finalizando coa entrega polo presidente da entidade, Xosé Terceiro, dun agasallo ao conferenciante.
O xoves día 11, levouse a cabo unha demostración culinaria de diferentes pratos salgados e doces que os socios e simpatizantes do Centro fixeron para degustalos logo, entre tódolos asistentes a xornada gastronómica.
O domingo día 14, fixeron o peche da Semana da Cultura Galega en Lleida, coa celebración dunha misa, na igrexa parroquial de Sant Jaume, na que Coral Cengallei, do Centro, interpretou a parte musicada e cantada de mesma.
Polo mediodía, no local social da entidade, tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria dos socios na que, seguindo a orde do día, procedeuse a ler a acta da asemblea anterior que foi aprobada por unanimidade, así como o estado das contas da entidade, e mailos orzamentos para ao ano 2010.
Como último punto do día, procedeuse a elixir a nova xunta directiva, quedando constituída por Xosé Terceiro Folgar (presidente); Carlos Alonso Bellmunt (vicepresidente 1º); Xosé Luís Raposo Toja (vicepresidente 2º); Eligio Suevos Otero (secretario); Daniel Vila López (vicesecretario); Luís Trigo Domínguez (tesorero), y los vocales Dolores Blanco Roo, Xosé Domínguez Rodríguez, Marta Roige Mostany, María Alba Gil Bardanca y Antonio Sanmartín Sanmartín.