Os actos remataron coa Asemblea Xeral Ordinaria dos socios e un xantar de irmandade

O Centro Galego de Lleida organizou a súa Semana Cultural 2018, cunha morea de actividades

Como cada ano por estas datas, o Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, organizou a Semana da Cultura Galega en Lleida, cunha morea de actividades encamiñadas a amosar aos cidadáns lleidanos as súas actividades, así como un anaco da súa promoción da cultura galega en tódalas súas facetas.

O Centro Galego de Lleida organizou a súa Semana Cultural 2018, cunha morea de actividades

Como cada ano por estas datas, o Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, organizou a Semana da Cultura Galega en Lleida, cunha morea de actividades encamiñadas a amosar aos cidadáns lleidanos as súas actividades, así como un anaco da súa promoción da cultura galega en tódalas súas facetas.

Inauguraron esta mostra, o luns día 5 de febreiro, na que as compoñentes da Vocalía da Muller, reuníronse no local social do Centro Galego, para preparar a exposición dos traballos manuais realizados durante o curso, e celebrar tamén, cun xantar de irmandade, a festividade de Santa Águeda, no restaurante do Centro.

E pola tarde, o presidente da entidade, Xosé Terceiro Folgar; a presidenta da Vocalía da Muller, Marta Roigé Mostany; e a profesora de patchwork, María Alba Gil Bardanca, inauguraron a Semana Cultural, contando coa presenza dos concelleiros do ‘Ajuntament’ de Lleida, Antoni Postius Terrado, Francesc Josep Cerdà Esteve e Dolors López Aguilar, á vez que lle foi entregada a cada unha das compoñentes da vocalía, un detalle pola súa participación durante o curso.

Conferencia

O día 6, no local social, Rosa Mari Pérez Pérez, doutora en Medicina Legal Forense, pronunciou unha conferencia baixo o título ‘A violencia na Sociedade do Século XXI’. A conferenciante fixo unha disertación moi detallada dos diferentes tipos de violencia que existen na sociedade actual, resaltando as formas emerxentes de violencia, sobre todo polo uso das novas tecnoloxías. Asistiu Juan Vilella Jounou, concelleiro do ‘Ajuntament’ de Lleida. Unha vez rematado o acto, todos os asistentes degustaron un refrixerio regado con viño do Ribeiro.

Debuxos dos nenos e chocolatada

O mércores 7, no local social da entidade, os nenos, fillos e netos dos socios, fixeron uns divertidos debuxos; ó mesmo tempo celebráronse interesantes e disputadas partidas de cartas e parchís. Unha vez rematados os actos, todos foron obsequiados cun saboroso e rico chocolate acompañado dunha exquisita coca doce.

Demostración culinaria

O xoves día 8, levouse a cabo unha demostración culinaria de diferentes pratos da gastronomía galega, salgados e doces, que os socios e simpatizantes achegaron. O acto finalizou coa degustación, por tódolos presentes, dos múltiples e exquisitos pratos.

Presentación da revista ‘Xurdimento’

O venres día 9, e cun cheo total do local social da entidade, procedeuse á presentación do número 31 da revista ‘Xurdimento’, a cargo de José Luís Osorio Fernández, concelleiro do ‘Ajuntament’ de Lleida. O presidente do Centro, Xosé Terceiro Folgar, deu a benvida a todos os presentes, socios, amigos e simpatizantes, e moi especialmente ás distintas autoridades locais que os acompañaban, entre elas os ‘rexedores’ do concello de Lleida; Joan Gómez López, Dolors López Aguilar e José Maria Lorenzo Córdoba, o presidente da Federación de Casas Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir; e o presidente ‘dels Armats de Lleida’, José Ángel Comes i Serret, ademais dos presidentes das casas rexionais que pertencen á Federación de Lleida. Ao finalizar, tódolos presentes foron obsequiados cun viño galego e un ágape. Foi todo un grande éxito.

Asamblea e xantar de Irmandade

E xa para rematar as actividades desta Semana Cultural, o domingo 11 asistiron á celebración dunha misa na igrexa parroquial de Sant Jaume. Para despois, no local social da entidade, tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria dos socios na que, seguindo a orde do día, procedeuse a lectura do estado das contas da entidade mailos orzamentos para o ano 2018, que foron aprobados por unanimidade. O vicesecretario leu un resumo das actividades levadas a cabo no ano 2017 e un anticipo das que se teñen que celebrar no ano 2018.

De seguido procedeuse a confirmar a Xunta Directiva, por outro ano máis, quedando da seguinte forma: Presidente, Xosé Terceiro Folgar; vicepresidenta primeira, María Alba Gil Bardanca; secretario, Eligio Suevos Otero; vicesecretario, Daniel Vila López; tesoreiro, Antonio Sanmartín Sanmartín; vogal Organización actos, Xosé Domínguez Rodríguez; Pta. Vocalía da Muller, Marta Roigé Mostany; vogal Relaciones Públicas, Dolores Blanco Roo; e vogales, Carlos Alonso Bellmunt e Victoriano Camilo Rocha González. Despois tódolos asistentes degustaron un bo viño procedente de Galicia e máis un apetitoso aperitivo.

Acto seguido, tódolos asistentes remataron a xornada cun bo xantar de irmandade con queimada incluída, e sendo todo ilo amenizado polo conxunto musical ‘The Golden Saxo’, que  deu un extraordinario recital de música. Tamén os acompañaron os concelleiros do ‘Ajuntament’ de Lleida Francesc Josep Cerdà Esteve, Rafael Perís Martín e José Luis Osorio Fernández, ademais do presidente da Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir. Todo rematou con grande éxito.