Opinión

O mes de Castelao en Montevideo

Os amigos montevideanos de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao quedaron fondamente entristecidos polo falecemento en Bos Aires do exiliado rianxeiro que trouxera ao Río da Prata o lume aceso da identidade no seu corazón. En setembro de 1950 deciden fundar un programa de radio en lembranza de quen os enchera de forza para defender un estatuto de autonomía para Galicia. Así nace ‘Sempre en Galicia’ que o vindeiro 3 de setembro celebrará a festa do seu 73 aniversario. Hai que informar que o programa emítese enteiramente en lingua galega o cal fai que sexa merecente dos maiores recoñecementos.

O mes de Castelao en Montevideo

En 1964 ten lugar a fundación do ‘Patronato da Cultura Galega’ por parte do mesmo pequeno grupo de galeguistas que estiveran na creación do programa e coa incorporación de sangue novo como o de Fernando Pereira Caamaño e o das irmás Díaz Gallego. A partir de 1965 comeza a celebración do nacemento de Castelao que durante moito tempo foi o 30 e logo xa o 29 de xaneiro. Ata hai ben pouco era o único acto que lembraba a Castelao en Montevideo xa que a maioría da colectividade emigrante era allea as actividades culturais. Agora, mellorou un pouco, debido a necesidade de xustificar as subvencións autonómicas.

En 1975 temos que lembrar a histórica doazón do bronce do escultor Xosé Escudero que fai o ‘Patronato’ para ser instalado no rianxeiro paseo da Ribeira. O que lembro como moi emotivo foi a campaña do bronce desde a radio. Cada domingo, pola mañá, as voces de Couceiro ou de Meilán pedían a doazón de pezas de bronce para a fundición do busto a Castelao que será enviado a Rianxo. Eu levei ata o local social da rúa Río Branco 1443 varios quilos de bronce que meu pai xuntou para axudar no custe da fundición e estiven presente cando o pontevedrés Manuel Rodiño trouxo unha ducia de quilos.

Hai que recordar que en 1975 aínda as autoridades franquistas non eran moi amigas de autorizar actos públicos que non fosen para louvar a persoas do réxime. O traslado e instalación do busto foi posible pola moi axeitada xestión do doutor Sixto Seco que coa súa man de traumatólogo foi quen de abrir a pechadura para que en Rianxo se puidese homenaxear a un dos seus máis ilustres fillos. Tamén debemos de recoñecer o labor de Monterroso Devesa na Coruña e de Dourado Deira en Rianxo. O 27 de setembro de 1975 permanece gravado na historia da nosa emigración e o ‘Patronato da Cultura Galega’ ocupa un lugar de honra pola súa esforzada e meritoria traxectoria de defensa da nosa cultura propia. 

Quixera que este 2023 non pase sen que en Montevideo se celebren cunha festa maior os 73 anos do programa de radio en galego máis antigo do mundo. Agardo que a capital uruguaia se encha de actividades en azul e branco nun país onde nos acubillaron arredor dunha lareira de irmandade solidaria. Adiante con ‘Sempre en Galicia’ de Montevideo!