Opinión

Unha lareira artiguista en Madrid

Unha lareira artiguista en Madrid

Agora mesmo dona Diáspora está no seu banco da rambla de Pirápolis. Agarda polo seu amigo Rafael para tomar mate ao abeiro do cerro de San Antonio. Quere pedirlle ao fillo maior do egrexio galeguista Manuel Meilán Martínez –director xeral de Obras Públicas en Maldonado– que lle axude a obter o recoñecemento oficial para aqueles emigrantes uruguaios que destacaron na defensa dos ideais democráticos lonxe da terra de don Xosé Artigas. A seguinte conversa tivo lugar o 31 de decembro de 2013 na celebración anual coa súa amiga megalítica Pedra da Arca.

 

 

  • Pedra da Arca: Agradezo de corazón que viñeses ata Baíñas. Síntome moi honrada pola túa visita xa que cambias o sol de Piriápolis para vir mollarte no medio deste forte temporal. Eu ando moi desanimada logo da coitelada recibida nos meus esteos coa sentenza do ‘Desprestige’. As túas historias emigrantes reconfórtanme moito e son a mellor medicina para as miñas prehistóricas doenzas emocionais. Se non fose pola miña saúde de pedra –nunca tan ben dito– estaría privatizada e esnaquizada en toneladas de entullo para os buratos que asulagan a contorna da miña mámoa.

 

  • Diáspora: Non tes nada que agradecer. Sempre fuches –cos teus bos consellos– o meu motor ideolóxico para ir polo mundo adiante cosendo nas morriñas dos emigrantes. Así que non fago nada extraordinario se veño merendar cabo da   máis nobre anta da Costa da Morte. Non penso despedir o ano sen gozar con media ducia das saborosas filloas que supoño tes a quecer na lareira.

 

  • Pedra da Arca: Agora si que falaches ben! As filloas están quentiñas e coido que o moado quedoume no seu punto pero non sei se están pouco feitas porque a pedra filloeira é nova. Hoxe mesmo é cando a estreo. Quero contarche que foi un agasallo do actual alcalde de Vimianzo. Quedei moi sorprendida cando o domingo pola mañá vexo vir polo carreiro un rapaz de Casais cunha laxe de forma elíptica debaixo do brazo. Díxome que viña presentarse e a ofrecer a axuda municipal para poñer en valor aos esquecidos membros da nosa ampla familia megalítica. Estivemos falando e logo de escoitalo pois case que a miña saúde emocional mellorou. Estou ilusionada e comprometín os meus maiores esforzos ata que Antelo Pazos remate o seu mandato.

 

  • Diáspora: Alegróme de que esteas animada. As filloas están boísimas. Ocórreseme que cando volvas falar co alcalde de Vimianzo, se che parece, podes recomendarlle unha visita aos seus veciños residentes en Bos Aires. Se vai, encárgome de que en Vicente López teñan preparado un xantar con ravioles de noz e requeixo. Alí manda moito Carlos Oscar –un porteño moi cordial, fillo de Carmen Miñones de Salto– que o recibirá encantado no fogar social da A.B.C. de Corcubión. Cando Antelo Pazos vexa aquel salón ateigado de xente, sentirá o mesmo que sentiu Castelao con respecto da súa nai Galicia. Aquel espazo físico non é alleo xa que forma parte de Vimianzo. Aínda que comer ravioles sexa máis costume de ‘tanos’ non hai que deixarse enganar pola orixe do produto e preguntar quen os fixo. Os ravioles que comerá o alcalde de Vimianzo levan na súa masa o valor engadido de seren os únicos do mundo elaborados polas nobres mans do matrimonio Lavandeira-Bermúdez.

 

  • Pedra da Arca: Ten por seguro que lle comentarei ao alcalde que debería achegarse pola beira riopratense. Aínda que non sei eu se será posible. A estreita maioría que posúe en Vimianzo non lle deixa sosego ningún diante dun sector da oposición que vive ensarillando para facerse co poder mediante un tripartito unido pola ambición e o interese particular. Aproveito para pedirche que cando volvas –o 31 de decembro de 2014– traias unha caixiña dos famosos ravioles que tanto che gustan. Nunca comín tal cousa e coido vai sendo hora de novas experiencias.

 

  • Diáspora: Polos ravioles non te preocupes pero non sei se volverei pola túa casa. Lembras que estou fóra do SEG [Servizo Exterior Galego] por vontade propia despois de comprobar o meu fracaso educativo. Loitei sempre para que a mocidade tivese traballo na súa parroquia e non o conseguín. Así que agora colaboro coa administración uruguaia no relativo ao voto e ao retorno dos emigrantes. O meu prezado Uruguai avanzou moito nestes últimos dez anos. Os sucesivos gobernos do Frente Amplio están consolidando un país de futuro no que a inclusión social é unha forte aposta. O avance e innegable pero hai un aspecto na acción de goberno que vai retrasada. Estoume referindo aos dereitos dos emigrantes uruguaios.

 

  • Pedra da Arca: Paréceme que non debes cargar ti soa coa responsabilidade habendo unha crise que nos esmaga e expulsa do noso verde paraíso. Faime caso e non sexas parviña. Se queres liberarte da enerxía negativa terás que seguir a receita de berrar forte contra do FMI e dos seus covardes socios internacionais que atacan agachados detrás das perigosas sociedades de investimento. Se abandonas, eles serán máis fortes. A miña recomendación é que te protexas da peste dos voitres financeiros coa vacina de Fisterra. Unha horiña de vento do cabo na cara será suficiente para evitar a contaminación dos especuladores que nos queren escravizar. Se ti o dís, acepto que no Uruguai necesiten da túa axuda pero o feito non deixa de sorprenderme. O presidente Mujica é o meu ídolo. Un home sabio que impulsou a legalización da producción e o consumo de marihuana.

 

  • Diáspora: Ti es unha recoñecida menciñeira. Fareite caso porque non quero recibir máis peteiradas dos voitres. Sobre o presidente Mujica estamos de acordo en que é un ser humano excepcional pero non pode estar en todo. O seu goberno está cheo de éxitos [recuperación económica e social] pero eu atopo un punto negativo na xestión relativa aos dereitos dos emigrantes. Non hai excusas. Non se fixo nada para posibilitar o voto do colectivo emigrante. Agora ben, tamén fago fincapé en que a oposición [‘blancolorados’] non aproveitou para presentar no Palacio Lexislativo un proxecto de lei xeral de Migración que regulamentase o dereito dos residentes no exterior a participar nas eleccións nacionais.

 

  • Pedra da Arca: Poida ser que sendo un país afeito a recibir emigrantes, as autoridades non se deteñan na análise sociolóxica dos que buscaron fóra un lugar para vivir. Quizais o presidente Mujica e o seu canciller Almagro consideren que a política migratoria debe centrarse en incentivar o retorno. A min non me cadra que esquezan aos emigrantes cando ao mesmo tempo avanzan en conquistas sociais como a aprobación do matrimonio igualitario ou a pioneira iniciativa da marihuana que deixará aos narcos sen a súa fonte de ingresos.

 

  • Diáspora: Coincido contigo en que hai un punto negativo na xestión do partido de goberno [Frente Amplio] en relación aos dereitos dos emigrantes uruguaios. Non hai excusa posible diante do feito de que non poidan votar os cidadáns residentes no exterior. O que non considero xusto é cargarlle ao presidente Mujica toda a responsabilidade. O seu partido conta con maioría parlamentaria para aprobar unha lei que iguale en dereitos aos que saíron cos que quedaron. Non sei a razón do retraso en arranxar un asunto que discrimina aos uruguaios polo simple feito de non estar pisando terra da Banda Oriental.

 

  • Pedra da Arca: Non penses que estou a criticar ao gran presidente Mujica a quen considero un líder ético no que deberían mirarse milleiros de políticos do mundo. O que quero dicir é que semella extraño que se lle escapase o tema do voto dos emigrantes cando os seus apelidos indican que as raíces paternas están no País Vasco e as maternas en Italia.

 

  • Diáspora: Quixera volver a falar da oposición –que quede claro que non lle quito responsabilidade ao Frente Amplio– porque tiveron aberto un campo para criticar con firmeza ao goberno por non presentar unha lei de Migración. Unha proba máis de que andan perdidos no medio das verzas ou dos ‘choclos’ ou tamén un sinal de que non queren perder cota de embaixadores. Quizais aquí estea o cerne da ausencia de críticas. Un exemplo témolo en Madrid onde a praza de embaixador é ‘branca’ desde hai varios anos, o anterior representante e o actual son do Partido Nacional.

 

  • Pedra da Arca: A min non me parece mal que haxa embaixadores políticos e que a oposición parlamentaria uruguaia teña tamén os seus representantes no exterior. Aquí é algo impensable. O feito amosa que o presidente Mujica considera que o servizo exterior mellora cando outras sensibilidades representan ao seu país no exterior. Eu non entendo nada de política uruguaia pero desde lonxe vexo positivo que non todos os embaixadores políticos sexan do Frente Amplio.

 

  • Diáspora: Non estou de acordo. As eleccións son o resultado dunha vontade popular maioritaria que escolleu unha opción política determinada. No Uruguai os ‘blancolorados’ afundiron o país na miseria ata poñelo nas mans do desgraciado Pacheco Areco. Non se trata de esquecer nada. Os votantes teñen claro que foi a loita popular a que puxo no poder a uns gobernos serios e comprometidos co futuro. Non acepto que ocupen prazas de embaixador ou de embaixadora certos elementos –que a nivel persoal poden ser grandes persoas– dunha cor política que afastou calquera posibilidade de benestar social no Uruguai. Férveme o sangue cando penso en que nin Eduardo Galeano nin Ruben Rada nin Cristina Fernández son embaixadores da República Oriental do Uruguai.

 

  • Pedra da Arca: Vale, miña amiga, non te quentes. Non coñecía eu a túa vea leninista xa que sempre fuches unha muller de diálogo e consenso. Perdoa se opino dun país que non coñezo nada máis que de ler algúns poemas da filla de Vicente Fernández de Vilanova de Lourenzá. O que creo é que se o presidente Mujica nomea en Madrid un embaixador que non é amigo seu e tampouco militante do MPP; as súas razóns terá, digo eu?

 

  • Diáspora: Non teño nada que perdoar, as túas opinións saen do corazón.  Cóntoche que mañá estarei tomando mate na rambla de Piriápolis co meu amigo Rafael Meilán Bello. Teño que conseguir que no ministerio de Relacións Exteriores reflexionen sobre a necesidade de crear un premio ao Emigrante de Honra. Coido que corresponde agradecer o esforzo dos que loitaron polo Uruguai no exilio. Despois do golpe fuxiron do país moitos cidadáns que fixeron patria alí onde se asentaron. Estou falando de xente que puxo a súa casa para recibir aos recén chegados que non tiñan un sitio onde durmir. Estou lembrando aos fundadores de asociacións onde se mantivo a identidade. Vou propoñer como primeiro premiado ao xeneroso Juan Sotelo de Brun [Juancito de Aires Puros] que con 37 anos de residencia en Madrid é o impulsor de múltiples iniciativas que fixeron da capital española un lugar onde acubillarse da friaxe de verse empurrado a un espazo descoñecido. Para documentar a miña petición conto coa sinatura de tres funcionarios diplomáticos uruguaios –Álvaro, Marta e Gustavo– que consideran de xustiza que a meritoria traxectoria de Juan reciba un recoñecemento oficial pola súa achega solidaria para facer de Madrid un fogón artiguista.

Manuel Suárez Suárez

MEMORIAS RIOPRATENSES