Opinión

Hai que aprender do goberno arxentino!

Hai que aprender do goberno arxentino!

Aquí neste noso verde paraíso atlántico estamos sendo esmagados por unha forte crise que nos está a deixar sen folgos diante dunha serie de acontecementos que parecen saídos da fantasía dun autor de textos de ciencia-ficción. Que no ano 2013 perdamos a milleiros de universitarios que van traballar fóra non pode ser real e tampouco que os mellores mariñeiros do mundo non teñan onde pescar ou que os nosos vizosos prados estean sen vacas. Algo fixemos mal. Non sei eu se toda a culpabilidade é daqueles famosos préstamos hipotecarios dos Estados Unidos que disque afundiron tamén aos cidadáns galegos.

Se somos capaces de espirnos das trapalladas contaminantes do FMI ­–queren convencernos de que somos pouco aforradores– poida que atopemos aló no sur unha saída e un freo aos que moven o seu capital financeiro polo mundo adiante para desfacer os piares do progreso social en liberdade. Estou a falar da miña querida República Arxentina [alí teño enterrados varios familiares] que, desde novembro de 2008, está loitando contra da crise con expansión. Coido que todo o mundo entende que rebaixando os salarios non se vai a ningures. Entón? Antes de falar do proxecto arxentino quero pedirlle aos lectores que non fagan ningunha descalificación de tipo persoal. Quero dicir que non centren a crítica nunha persoa senón que discutan sobre as medidas do programa anti-crise do actual goberno arxentino.

Imos botar unha ollada as medidas que está levando adiante o goberno arxentino para minimizar os efectos dunha crise internacional que peta forte enriba das economías locais. Trátase de que aumente a actividade económica mediante o impulso e o estímulo. O goberno aposta polo crecemento e pola inclusión social mediante unha actuación que teña en conta as variables económicas e as sociais. Os investimentos nun plan de obras públicas [71.000 millóns de pesos] inclúe obras de carácter estructural –unha presa hidroélectrica, un gasoducto– e obras licitadas polos gobernos provinciais e municipais. Outro aspecto para considerar é a disponibilidade de crédito a taxas de interese razoable para a industria. Quérese agrandar o mercado interno ao tempo que se diminúen as importacións.

No referido ao emprego foron creados máis de 400.000 postos de traballo. As obras públicas, os investimentos privados na construcción e as medidas para a penalización do traballo sen afiliación están conseguindo que haxa moi poucos desempregados. Os especialistas Alfredo e Eric Calcagno din que “la Argentina enfrenta la crisis internacional con un programa keynesiano de expansión de la inversión y el empleo. Está en condiciones de hacerlo por su sólida situación económica y fiscal”. O certo é que o goberno arxentino recuperou a súa capacidade para definir a súa política económica. Nós, en cambio, somos unhas insignificantes marionetas dun moi fermoso e afastado espazo na fin dos camiños de Santiago. A República Arxentina amosa que é posible medrar sen depender do financiamento externo.

Un feito que quero destacar é a creación de tres novas universidades nos arrabaldos de Bos Aires. En concreto están situadas nas localidades de Moreno, José C.Paz e Florencio Varela. Aquí nesta avanzada Europa recurtamos as axudas educativas e culturais e soben as taxas universitarias. Alí, os  considerados ‘retrasadiños’ abren camiños para que a mocidade poida chegar aos estudos universitarios. Ninguén negará que erguer tres centros de ensino superior é unha mellora que posibilita o ascenso social para unha poboación de arredor dun millón de habitantes. Na inmensa metrópole de Bos Aires os desprazamentos ocasionan moito gasto e por iso é un avance que se constrúan centros educativos en diferentes zonas do extrarradio bonaerense. A oposición ao goberno actual que preside a neta de don Pascasio Fernández Gómez [emigrante lucense da Fonsagrada] votou en contra da creación das tres novas universidades. O seu patético argumento foi o de que baixaría a calidade educativa. Así se escribe a historia. Poida que os opositores –ao defender intereses elitistas– fagan espelir a milleiros de cidadáns que deixarán de comungar cos seus contiños baratos que só defenden aos que máis teñen.