Opinión

Unha filla da emigración chamada Elba

Dona Diáspora ten unha amiga en Bos Aires que coñeceu nos tempos do primeiro mandato do noiés Sánchez Millares no Centro Galego de Bos Aires. A amiga porteña é unha filla de galegos fondamente orgullosa e agradecida aos seus pais ourensáns que a educaron no amor a Galicia.
Unha filla da emigración chamada Elba

Dona Diáspora ten unha amiga en Bos Aires que coñeceu nos tempos do primeiro mandato do noiés Sánchez Millares no Centro Galego de Bos Aires. A amiga porteña é unha filla de galegos fondamente orgullosa e agradecida aos seus pais ourensáns que a educaron no amor a Galicia.

É unha muller moi activa que leva décadas afiliada a un partido político no que tramitou a alta en Santiago de Compostela xa que daquela aínda non se creara ningunha agrupación ou delegación no Río da Prata. A súa longa traxectoria empresarial non a fixo millonaria pero non se queixa xa que está satisfeita de cumprir os seus compromisos e non ter débedas pendentes.

Se hoxe ocupa un cargo importante dentro da agrupación local do seu partido non é por interese nin por ambición persoal senón porque alguén ten que “cinchar y laburar” segundo o manifesta a quen lle pregunte. Nestes momentos está sendo o branco de fortes críticas desde un grupiño de antigos compañeiros que andan en liortas divisionistas porque din foron menosprezados e marxinados polos dirixentes nacionais do partido.

Unha das críticas máis repetidas é curiosamente algo do que antes se aproveitaban os agora escindidos. Nunha nota de prensa contra de Elba ---que así se chama a nosa filla da emigración--- criticaban que estivese sempre gabándose da súa estreita relación de amistade co presidente Núñez Feijóo. Os que antes, cando ela falaba polo móbil co presidente lle decían “mandále saludos míos”, semella que rabechan cal nenos celosos e enfurruñados porque ela ten fío directo co presidente de Galicia.

A envexa non é boa compañeira de ninguén e menos cando envelena aos membros dun grupo político que escolleu libremente ir no mesmo barco. Hai moitos anos que Elba goza da confianza e do agarimo do presidente da Xunta. Os que saben din que é así porque Elba nunca pide nada para ela. Actúa sempre de fronte e sen reviravoltas. O seu estilo non é o de andar agachando ou manobrando por detrás. Dentro dos seus obxectivos non está rexistrada a palabra “pesos”. Coñecéndoa, enténdese que sexa criticada xa que por desgracia na política abondan os que só van detrás dos cartiños.

Dona Diáspora quere aproveitar a súa xenerosidade para pedirlle un favor. Sabemos que o presidente da Xunta estará en Bos Aires dentro duns días nunha viaxe centrada no incentivo das relacións comerciais e empresariais de Arxentina e Galicia. Trátase de aproveitar a viaxe pedíndolle a Elba que teña a ben acompañar ao presidente ata a esquina de Belgrano e Pasco para que coñeza a actual presidenta do Centro Galego de Bos Aires.

Se Elba acepta a petición, ao ir no coche desde o aeroporto de Ezeiza comentará algo así: “Mirá, querido Alberto, ahora en el Centro Gallego tenemos a una mujer en el timón. Es hija de gallegos lucenses y vos sabés que las hijas de los emigrantes somos bravas. Si nos ponemos sacamos adelante lo que sea. Tenés que conocer a Marta. Por favor, charlá un rato con ella. Estoy convencida de que enseguida comprobarás que es una persona muy responsable que merece recibir todo el apoyo posible de la Xunta de Galicia”.

Cando o presidente remate o seu encontro coa presidenta Donsión Vila [o pai era de Silleda e a nai de Pobra do Brollón] ao entrar no coche escoitará unha voz femenina cantando un tango en galego. Sorprendido preguntará quen canta ao que Elba responderá: “¿No la conocés? Es nuestra nieta tanguera de Lalín, Graciela Pereira, en una grabación titulada ‘Nas beiras do Prata’. Es un disco imprescindible en nuestros hogares galaico-rioplatenses que fue editado por Política Lingüística en el año 1999 con un hermoso texto de presentación del doctor Pérez Prado”.

Despois irán pola avenida Belgrano e como xa é a hora de xantar: “Acá en Buenos Aires, mando yo. Dejáme que te invite a almorzar en un lugar muy especial donde sirven unas estupendas pastas frescas hechas por manos gallegas. Te conozco, Alberto. Vos sos de poco morfe, pero te va a encantar el sabor de la masa que elaboran en ‘La Juvenil’. La familia Bermúdez-Lavandeira usa la harina más cara del mercado que es la que sale de moler el más selecto trigo del fértil campo argentino. Además –sin pagar un mango más– disfrutarás de las pinturas murales que pintó Colmeiro en la cúpula central de las Galerías Pacífico en 1946”.

O presidente centra a súa mirada no teito cheo de pinturas ao tempo que escoita: “Mirá, es una belleza y pensar que antes fue una gris estación de ferrocarril. Fijáte en aquellos dos campesinos de la luneta. Yo no entiendo nada de pintura pero me recuerdan el bellísimo mural de la iglesia parroquial de San Pedro de Xurenzás, en Boborás. Allí recibió mi padre el bautizo –Dios lo tenga en la gloria– antes de que lo llevaran a las tierras estradenses. Creo sinceramente, Alberto, que son el mejor homenaje posible a nuestra querida madre Galicia en Buenos Aires”. O presidente da Xunta comenta: “Certamente, prezada Elba, estou convencido de que nesta fermosa terra arxentina os emigrantes galegos nunca foron estranxeiros”.