Opinión

A romería de Olivos une en irmandade aos nosos emigrantes

Dona Diáspora, sempre que pode, achégase polas beiras riopratenses xa sexa para dar unha volta pola dominical feira montevideana de Tristán Narvaja ou para cear unha saborosa pizza porteña en ‘El Cuartito’. Nesta oportunidade a viaxe fíxose porque a neta Graciela insistiu no convite para a Gran Romería que en Olivos [Campo de Deportes do Centro Galicia] organiza o Centro Galego de Bos Aires.
A romería de Olivos une en irmandade aos nosos emigrantes
Dona Diáspora, sempre que pode, achégase polas beiras riopratenses xa sexa para dar unha volta pola dominical feira montevideana de Tristán Narvaja ou para cear unha saborosa pizza porteña en ‘El Cuartito’. Nesta oportunidade a viaxe fíxose porque a neta Graciela insistiu no convite para a Gran Romería que en Olivos [Campo de Deportes do Centro Galicia] organiza o Centro Galego de Bos Aires. Haberá ducias de actuacións dos grupos de baile, gaiteiros e pandereteiras das diferentes entidades e tamén os pratos máis coñecidos da rica e variada gastronomía galega.
Van camiñando pola rúa Santiago del Estero camiño da avenida do Libertador comentando que o país está mellorando e que iso axudará moito na recuperación do Centro Galego. Graciela está convencida de que despois do domingo 10 de abril os emigrantes empurrarán xuntos para que o motor sanitario da avenida Belgrano funcione con harmonía solidaria. Di que quedaron atrás as rivalidades entre entidades porque agora é tempo de aproveitar o esforzo colectivo. Ela non esquece que naceu na maternidade do Centro Galego e que o seu avó de Lalín foi socio durante toda a súa vida.
Van falando da política arxentina e dona Diáspora pregúntalle sobre unha información publicada en Europa referente aos glaciares dos Andes que axiña vai estragar a multinacional mineira canadense Barrick Gold Corporation. A neta está alporizada xa que os glaciares son auga e por tanto sagrados. Non se poden tocar. A actividade da empresa coimera [din que Menem asinou o Tratado de Integración Mineira porque os da Barrick puxeron moitos dólares no seu peto] deixará en territorio arxentino e chileno varios ríos contaminados con cianuro de sodio e ácido sulfúrico. Levarán ouro, prata e cobre e quedará a miseria ofensiva do roubo consentido polos intermediarios que non son outros que os gobernos democráticos de Arxentina e Chile.
A neta encende e berra, ela que sempre fala baixiño, dicindo que os arxentinos de ben teñen que opoñerse ao proxecto Pascua Lama que xa comezou en Chile pero que os campesiños da provincia de Huasco están a loitar para que non vaia adiante. Hai unha canción de Patricio Manns que está sendo o emblema da defensa da auga dos glaciares andinos porque “nadie vive si el agua termina herida” pero deste lado da fronteira pouco se fala do asunto e para maior decepción a presidenta vetou a lei de Glaciares. Non entende que se volva tropezar coa mesma pedra como se volvesen os tempos coloniais agora mediante gobernantes saídos das urnas. Se o afane vai adiante a ferida ecolóxica estará situada a uns 300 kms. da cidade de San Juan que posiblemente deixará dentro de poucos anos de producir as súas boas e saborosas froitas. Ninguén mercará unha mazá da variedade “cianuro” ou “sulfúrico”.
En Olivos a cara da neta énchese de identidade cando recibe os bicos fisterráns, lalinenses e betanceiros das tres primeiras familias coas que coincidimos ao ingresar no campo de deportes dos anfitrións do Centro Galicia. Dona Diáspora colle a súa libreta para escribir o comentario que Graciela lle fai a un grupo de periodistas: “El Centro Gallego en estos momentos goza de buena salud pero las enfermedades contraídas, desde casi una década, minaron algunos órganos de su cuerpo. Si hace más de un siglo que viene cuidando a gallegos, españoles y a varias generaciones de su descendencia creo que es hora de demostrar que en este resurgimiento, todos unidos, somos capaces –por lo menos– de cambiarle los pañales”. Pola noite os sons da gaita do mestre Daniel Pazos reciben os fortes aplausos dunha comunidade que se une en irmandade para defender un patrimonio común chamado Centro Galego. As envexas parroquiais son auga pasada. Os muíños do futuro só moerán se todas as mans empurran xuntas ao mesmo ritmo para que a loita dos avós non se escureza con pequenas trapalladiñas entre herdeiros da liñaxe de Rosalía de Castro.