Opinión

O presidente fai unha aposta pola Unidade Emigrante

Non me cae ningún anel en recoñecer que o presidente Núñez Feijóo foi claro e valente en Montevideo ao propoñer que os centros galegos espallados polo mundo se unan. Non debemos de tomar á lixeira as súas palabras porque é o primeiro presidente de Galicia que fala da necesidade de unión en público e diante dos micrófonos.
O presidente fai unha aposta pola Unidade Emigrante
Non me cae ningún anel en recoñecer que o presidente Núñez Feijóo foi claro e valente en Montevideo ao propoñer que os centros galegos espallados polo mundo se unan. Non debemos de tomar á lixeira as súas palabras porque é o primeiro presidente de Galicia que fala da necesidade de unión en público e diante dos micrófonos. O asunto foi sempre unha especie de tabú xa que estaban por medio as eleccións e o voto exterior e non se quería ferir sensibilidades. Levo anos escribindo sobre a necesidade de unidade e hai un mes que fixen unha nota para a histórica revista ‘Alborada’ do centro porteño que acubilla aos fillos do partido xudicial de Corcubión. O seu presidente é unha persoa moi preocupada polo futuro e sobre todo pola falla de reflexión sobre o esmorecemento da nosa presencia en terras americanas.
Hai máis de 30 anos que participei en nome do Patronato da Cultura Galega de Montevideo no xermolo do que hoxe é a Unión de Sociedades Galegas. Xa daquela varios directivos eran conscientes de que había que prepararse para deixar nas mans dos herdeiros os nosos fogares sociais. En Santiago de Compostela teño comentado sobre o tema con Amarelo de Castro e con algún que outro deputado autonómico. Os meus interlocutores entendían a problemática pero dicían que había temas máis urxentes coma por exemplo o da saúde. Na miña opinión non hai nada máis urxente que o de evitar que no futuro a presencia galega no exterior sexa un recordo. Nós, somos quen somos e temos o que temos porque houbo máis dun millón de irmáns que buscaron o seu abeiro fóra da terra de Rosalía de Castro.
Hai que felicitarse de que sexa o propio presidente o que marque a folla de ruta. O feito é positivo porque confirma que o novo goberno reflexiona sobre a diáspora e non fuxe dos problemas. Agora que falou o presidente ninguén pode desmarcarse e aquel que o faga terá que navegar en solitario. Non hai outra, señores, ou nos unimos ou morremos collidos a un selo social nun local frío e baldeiro. Penso sinceramente que xa pasou o tempo das aventuras e non falemos de ir “facer a América”. As entidades que ergueron os nosos avós teñen dono ou sexa lexítimos propietarios: os netos da emigración.
Os que se queixan de que non hai política de emigración terán que aceptar que o presidente da Xunta comeza a facer política para a diáspora en Montevideo. Antes foi o que foi pero hoxe temos que apoiar a UNIDADE porque é un tema suprapartidario. Se somos observadores axiña nos decatamos que non hai ningunha rendibilidade política directa nesta liña política de actuación que amosou o presidente na capital uruguaia. Aquí non hai cores políticas. A palabra “unidade” xungue en irmandade ou federación ou confederación aos que herdaron o sentimento de pertenza a unha terra que está moi lonxe do seu berce arxentino, brasileiro ou uruguaio.
Estamos a falar de algo novo no que pouco ou nada interesa se o avó era da parroquia de arriba ou da de abaixo. Os netos son partícipes do esforzo dos devanceiros só con manter en pé os edificios sociais. Pero, atención, non hai que equivocarse. Aquí o aspecto económico non ten significado. Ningún herdeiro moverá un dedo se no seu corazón non leva os recordos e o agradecemento para coa súa póla orixinaria sementadora de solidariedade nunha nova terra. O futuro será gañado polos nosos herdeiros despois que asuman o control das sociedades pois irán facéndoas ao seu xeito. Hai unha moi boa base para traballar e avanzar. Os nosos netos non parten de cero xa que son posuídores de dous patrimonios: un material e outro inmaterial. Teñen unha dobre herdanza, un dobre legado. Por unha banda reciben un inmoble e pola outra unha cultura.
Desde Galicia non hai que ter motivo para o desalento porque os centros galegos teñen asegurada a súa pervivencia durante un século máis. A nosa riqueza en América e en Europa pódese contabilizar en metros cadrados, en sentimento galego ou na suma de todo. Haberá quen diga que isto é mesturar o touciño coa velocidade pero resulta que o edificio que acolle un centro emigrante é tamén o seu fogar. O fogar en Galicia é a lareira na que as antigas tradicións fixeron quecer os corazóns.
A cada neto da emigración correspóndelle un, dous ou tres metros cadrados da institución que ergueu o seu avó. Quere decir que cada neto noso en Arxentina, Brasil, Uruguai ou Venezuela ten tamén un anaco de Galicia e por iso non se pode actuar ao estilo nunha ONG como se fosen estranxeiros. Se somos capaces de que eles sexan os protagonistas, as subvencións serán exclusivamente para actividades culturais. O futuro da emigración non se arranxa só co envío de axudas senón coa unidade que non é outra cousa que un aproveitamento racional dos recursos.
Os metros cadrados propiedade da emigración poden seren valorados con diferentes escalas e índices. Se establecemos un índice de utilización anual do espazo físico dos centros galegos aqueles que teñan ata tres actividades anuais ingresan na UVI e os que mensualmente manteñan actividade serán dados de alta na Unión-Federación-Confederación. Se os centros galegos naceron hai máis dun século haberá que decatarse –antes que sexa tarde– que necesitan dunha adaptación urxente á realidade de cada país no que se ubican. A Xunta de Galicia cumprirá un patriótico labor asesorando e empurrando aos que se decidan pola unidade.