Opinión

O noso embaixador honorario en Bos Aires

Dona Diáspora ten un amigo nacido na pequena aldea dos Martores [Valga-Pontevedra] que desembarcou no porto de Bos Aires o 26 de marzo de 1955. Eran os tempos nos que gobernaba na Arxentina o famoso xeneral Perón que fora quen ordeara a confiscación aos alemáns –logo da derrota do réxime nazi– do barco no que ía camiño do sur un mociño de 14 anos.
O noso embaixador honorario en Bos Aires

Dona Diáspora ten un amigo nacido na pequena aldea dos Martores [Valga-Pontevedra] que desembarcou no porto de Bos Aires o 26 de marzo de 1955. Eran os tempos nos que gobernaba na Arxentina o famoso xeneral Perón que fora quen ordeara a confiscación aos alemáns –logo da derrota do réxime nazi– do barco no que ía camiño do sur un mociño de 14 anos. A nave chamábase ‘Córdoba’ [unha fermosa provincia do oeste arxentino] e era propiedade da Flota Mercante del Estado Argentino.

Aquel rapaz non quería deixar a aldea. Nunca esqueceu os agarimos e bicos dos seus avós arredor da lareira familiar. Escoitara ducias de historias de familiares estradenses que vivían moi ben na nova terra do Río da Prata. Non estaba nada ilusionado porque doíalle deixar aos amigos, regatos, camelias e as festas do Casal do Eirigo e de San Antón e Santa Lucía. Cando chega ao peirao, antes de desembarcar, mira con atención aquela enorme concentración de edificios. Queda calado e non responde aos comentarios dos pasaxeiros que afirman que aquela é unha das máis grandes cidades do mundo. No novo país axiña é un porteño máis. A súa fala soa como a de calquera nativo xa que utiliza as mesmas expresións do lunfardo que os seus compañeiros do barrio. O domingo pola tarde vai ata a cancha e os seus berros de alegría polos goles de River Plate son idénticos aos dun seareiro ‘millonario’ de toda a vida. No seu equipo hai xogadores que son fillos da emigración galega e por tanto corresponde que explique o significado dos seus apelidos con orgullo. Se o porteiro Amadeo para un penal nun partido contra Boca pregúntalle aos dous amigos –fillos de italianos– que van con el: A ver... tanos ¿ustedes saben lo que es un carrizo?. Se mete un gol Reinaldo pregunta: Ustedes saben lo que es un merlo. Os dous rapaces amigos quedan convencidos de que en Galicia hai uns paxaros que son grandes voadores xa que despois de facer milleiros de quilómetros aterran na beira sur con forzas de abondo para xogar ao fútbol. O seu esforzo lévao a ser o primeiro da familia en ter estudos universitarios. Coa carreira de dereito recén rematada ingresa como funcionario no gabinete xurídico do ministro de Benestar Social que daquela [1973] era o moi famoso Xosé López Rega [1916-1989]. O alcumado ‘El Brujo’ foi o fundador do grupo para-policial de asesinos da Alianza Arxentina Anticomunista. Se hoxe mesmo lle preguntamos polos recordos do seu paso pola administración aínda lembra con detalle as fortes emocións dun tempo de desfeitas no que a lei era o servilismo máis inmoral. Logo e xa vacinado, comeza o seu labor exercendo a profesión no ámbito privado arxentino e tamén no seo da colectividade dentro do espazo empresarial galego. Aquí triunfou xa que os nosos emigrantes confiaban totalmente nel por ser unha persoa eficaz e seria. Dentro do mundo asociativo galego presidiu durante máis de 20 anos a asociación ‘Centro Cultural del Partido de La Estrada’. O seu activo cáracter e o seu dinamismo contou co apoio incondicional de Fraga Iribarne que tamén fora neno emigrante no municipio cubano de Manatí. Disque don Manuel ría moito cos contos porteños de Castelao Bragaña sobre os “pibes gayegos” que dun día para outro andaban todo o día repetindo: Che, loco...¿viste?. O presidente da Xunta foi sempre un forte empurrador e louvador da súa xestión. Os delegados dos centros españois de todo o mundo elixírono presidente do Consello Xeral da Emigración; ocupou un escaño de deputado no Parlamento de Galicia e dirixiu a Fundación Galicia Emigración. Os que coñecen ben a Xosé Manuel Castelao Bragaña din que na súa vida pública tivo unha moi grande alegría e unha forte decepción. Os sorrisos agromaron cando foi nomeado fillo adoptivo do seu concello natal e as bágoas escorregaron ao ter que pechar unha porta na compostelá rúa do Vilar. Era a da entrada a sede da Fundación Galicia Emigración. Os máis íntimos din que despois do peche, a súa saúde desmellorou e que só sorrí feliz cando vai camiñando ata cancha de River collido da man de Dante, o seu único neto. A súa nobre traxectoria de servizo na defensa dos emigrantes merece que o presidente da Xunta o designe Embaixador ou Valedor Honorario para a emigración galega na Arxentina. Hai unha tarefa que fará moi ben e da que se encargará con ánimo e teimosía: fortalecer a unidade sentimental entre galegos e arxentinos.