Opinión

As ‘jabas’ da solidariedade galega

| 21 de diciembre de 2009
Cando pensamos na emigración cubana estamos lembrando un pasado. Certamente que é recente pero non deixa de ser pasado. Non sucede o mesmo no Río da Prata onde aínda hai forte sentimento galego nos milleiros de herdeiros-netos desta fermosa terra chamada Galicia. Se falo así é porque a política de emigración que se faga non pode ser uniforme senón adaptada a cada realidade. O mundo da emigración galega, coma ben dicía o poeta arxentino Vítor Luís Molinari “non ten límites”. A variedade das experiencias migratorias irá de acordo coas diferentes paisaxes e sensibilidades dos países de acollida.
Da illa de Cuba podemos falar moito e sempre ben porque axudou moito ao noso presente. Arredor de 1870 comeza a viaxe caribeña que foi nos primeiros anos do século pasado un manancial de identidade cultural. Alí viviron e traballaron destacados persoeiros da nosa cultura: Curros Enríquez, Lugrís Freire, Villar Ponte, Cabanillas, Blanco Torres. O Centro Galego da Habana fundado en 1880 era daquela o edificio máis grande do mundo destinado exclusivamente aos servizos aos emigrantes. Antes, en 1871, nacera a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia que é a decana das entidades galegas da diáspora. Alí ninguén quedaba ao pairo cando chegaba ao novo mundo.
Se lemos a Neira Vilas entendemos axiña que non podemos ser desagradecidos nin esquecer que antes de Bos Aires e Montevideo foi na fermosa Habana onde os nosos irmáns atoparon agarimo para a súa antiga friaxe. O creador de Balbino escribía en 1995 no seu ensaio A lingua galega en Cuba: Finalizou esta emigración masiva hai sesenta anos, de xeito que os galegos nativos que hai en Cuba [poida que uns catro mil] son de avanzada idade. Pois hoxe don Xosé, por desgracia, os galegos nativos son exactamente 626 que se reparten polo país do seguinte xeito: A Habana capital [447]; A Habana provincia [12]; Pinar del Río [1]; Matanzas [14]; Cienfuegos [10]; Holguín [5]; Santiago de Cuba [22]; Guantánamo [10]; Granma [4]; Las Tunas [4]; Sancti Espiritus [7], Villa Clara [24], Ciego de ávila [18]; Camagüey [38], Residencias de maiores [10].
Na Fundación Galicia Emigración queren devolver un pouquiño do moito que eles nos deron e para o vindeiro nadal entregarán en man de cada un destes 626 compatriotas unha ‘jaba’ [cesta, cesto] que inclúe: aceite de xirasol e de oliva; aceitunas; atún; fabas; chocolate; chourizo; crema de queixo; espaguetis; estoxo de bombóns; galletas; garavanzos; fariña lacteada; leite en po; sidra. Tamén produtos de limpeza coma deterxente, xabón de lavar e de tocador. A listaxe pode variar, non diminuír, de acordo coas existencias de mercadoría no mercado cubano. Nestas ‘jabas’ vai un recordo de todos nós xa que a Fundación Galicia Emigración recibe achegas económicas do sector privado galego. Trátase dun aguinaldo para 626 fillos de Galicia. O seu sorriso ao coller a ‘jaba’ non ten prezo pero será a expresión que lles fará sentir que están presentes no noso corazón.
Cando fale con Castelao Bragaña, responsable da Fundación, pedireille que na súa viaxe a illa caribeña me faga o favor de preguntar por don Manuel Galán Marcos. Se vive andaría polos 95 anos. O emigrante ourensán foi o fundador xunto cun curmán –xa falecido– dunha pioneira plantación cafeteira en Oro de Guisa. Aló enriba no alto da oriental Sierra Maestra foi onde aclimatou un recoñecido cafeal que tivo o primeiro secadoiro da illa para o gran con teito corredío. Aquel afastado lugar non tiña nome pero desde hai máis de 40 anos chámase oficialmente Galicia. Un café de autor galego producido na tropical Galicia de Cuba.
Más acciones:

Crónicas de la Emigración en la red

Boletín de noticias

Si quiere recibir información actualizada de Crónicas de la Emigración, envíenos su correo electrónico.
Suscribirse al boletín

Hemeroteca