Opinión

Aquel ferreiro de Tines en Montevideo

Aos tres días de chegar foi traballar no seu oficio de ferreiro. Era o mes de febreiro de 1955. O sol quentaba con forza no peirao montevideano. O meu pai, Xesús Suárez García, desembarcou do ‘Castel Bianco’ para recibir unha forte apreta de Ramón de Alberte. O seu amigo de Castromil viñera un ano antes cando pecharon o obradoiro que tiñan en sociedade en Torelo, na parroquia de Salto, en Vimianzo.
Aquel ferreiro de Tines en Montevideo
Aos tres días de chegar foi traballar no seu oficio de ferreiro. Era o mes de febreiro de 1955. O sol quentaba con forza no peirao montevideano. O meu pai, Xesús Suárez García, desembarcou do ‘Castel Bianco’ para recibir unha forte apreta de Ramón de Alberte. O seu amigo de Castromil viñera un ano antes cando pecharon o obradoiro que tiñan en sociedade en Torelo, na parroquia de Salto, en Vimianzo. Na súa aldea de Tines quedaban a muller e o fillo. A idea era volver axiña. Quizais fose o mate e o asado os que retrasaron o retorno que non sucedeu ata 35 anos despois.
A primeira vivenda foi unha pensión da rúa Yaguarón a poucos pasos do Palacio Lexislativo. O dono, Paco Esperón, cordial pontevedrés vai falar en ‘Casa Ponti’ para ver se contratan ao ferreiro recén chegado. Paco di que é a fábrica de toldos e artigos de praia máis importante do país e que os emigrantes son sempre ben recibidos porque teñen fama de traballadores. Hai pouco tempo que morreu o dono, Alberto Gorina, que era un peronista cheo de cartos. A viúva vive en Bos Aires e nomeou coma xerente a Juan Hyland un antigo administrativo fillo de ingleses.
Cando se presenta o único que lle preguntan é se sabe traballar no ferro. Di que si e que poden facerlle unha proba. A contestación é “Venga usted mañana para comenzar. Está contratado. El sueldo es el del laudo que está fijado en 8 pesos por día. Se cobra por quincena”. O que o entrevistou foi o capataz xeral, Dante, a quen alcumaban ‘O Palomo’ e que tiña longa experiencia na contratación de persoal. Anos despois e sen ninguén diante fíxolle o seguinte comentario: “Mirá, Suárez, la verdad te digo. Si pudiera los despedía a todos. Me quedaba namás con los gayegos. Son buenos laburadores y sobre todo no andan rompiendo las bolas con los vales. Pero...vamos a ver...si cobran cada 15 días y nunca tienen un mango en el bolsillo”.
Na pensión comentou con Urbano (un familiar lonxano de Ramón de Alberte que viñera de Rivera no norte uruguaio) que nunca escoitara iso de cobrar cada 15 días. Urbano cóntalle que o sistema quincenal é na industria porque os empregados públicos cobran de xeito mensual. O ferreiro quixo saber algo sobre os empregados públicos e foi tamén o riverense quen o puxo ao día informándoo de que non admiten estranxeiros. Hai que ser cidadán e ter algún político coñecido (deputado ou senador) no partido que estea no goberno porque entre “brancos” e “colorados” anda o xogo pero os da cor vermella van gañando por goleada.
O primeiro domingo na capital uruguaia foi unha festa. Ía camiñando feliz na compaña de Ramón e Urbano pola feira de Tristán Narvaja. Se antes a súa feira de referencia era a de Baio agora na América estaba gozando dun espectacular mosaico da idiosincracia uruguaia. Miraba sorprendido. Aquel era o país da abundancia. Había alí máis chafallada xunta que en todas as feiras da provincia da Coruña. Nunha rúa eran os ferros os que ateigaban o espazo. Noutra había mesas cheas de discos, libros e revistas. Pensou en que o seu único fillo ía ser dentro dun tempiño quen o acompañase pola feira.
Na pensión de Paco había cociña. Ao mediodía xantaba sempre carne de vacún. Unha costela de cuadril na prancha con patacas fritidas eran para el o máis claro signo de que emigrara para unha terra de oportunidades. En roupa pouco gastaba. Cando tivo uns pesos aforrados alugou unha pequena vivenda preto de onde vivía o seu amigo Ramón e mercou mobles e un quentador ‘Primus’ para cociñar. Chegaba a familia. Comezaba a aventura emigrante dunha familia da Terra de Soneira en Montevideo. Era o ano 1958. Un ano singular na historia política uruguaia porque os ‘brancos’ contra de todo prognóstico venceron nas urnas aos seus tradicionais rivais.
Ninguén lle esixiu a meu pai un contrato de integración. Ninguén lle obrigou á asinar un documento comprometéndose a respectar a identidade uruguaia. Agora é a desnortada Unión Europea a que fala de “políticas ambiciosas” para o reagrupamento familiar. Deben pensar que somos un grupiño de pasmóns desinformados ao falar de algo vello coma se fose unha innovación. Por favor, pido un pouquiño de responsabilidade. Hai máis de 50 anos que ‘Acción Católica’ levou adiante un programa de reagrupamento familiar. Podo acreditar que funcionaba ben aínda que se queredes, amigos lectores, podedes acceder por Internet ás fichas do arquivo correspondente e comprobaredes que Valentina Suárez Lema, a miña nai, embarcou na Coruña para Montevideo no ‘Cabo de Hornos’. Con ela e ben collido da man ía eu.