Opinión

Era moi democrático aquel capador

A Dorinda Labrador e a Osmundo Sánchez [In Memoriam] pola súa defensa da identidade bergantiñá.Non sei se foi así realmente. Cando se teñen poucos anos vemos aos maiores máis altos e intelixentes do que son. Nin que dicir cando un neno emigrante escoita as épicas historias dun home que ía polas aldeas coa súa capadoira na man. Miraba cara el con admiración.
Era moi democrático aquel capador
A Dorinda Labrador e a Osmundo Sánchez [In Memoriam] pola súa defensa da identidade bergantiñá.

Non sei se foi así realmente. Cando se teñen poucos anos vemos aos maiores máis altos e intelixentes do que son. Nin que dicir cando un neno emigrante escoita as épicas historias dun home que ía polas aldeas coa súa capadoira na man. Miraba cara el con admiración. Era forte e tiña unha voz desas que impoñen respecto. Nin berraba nin sorría moito pero era dono dunha elegancia natural que o facía cordial a pesar de ser aforrador en palabras.
Nas partidas de brisca os faladores eran Plácido Porteiro e Jesús Vila. Por iso adoitaba formar parella con Osmundo Sánchez. Detrás do mostrador, o espelido Varela, asexaba os avatares do xogo para no seu remate levar axiña o trofeo á mesa. Case sempre eran catro copas de Espinillar porque Manuel Mancebo –o meu heroe– afirmaba con propiedade que a augardente que elaboraba ANCAP non lle envexaba nadiña a ningún coñac español.
Naqueles anos os debates dentro da asociación non eran nin sobre os últimos días de Franco nin sobre o goberno de Pacheco Areco senón sobre os lindeiros de Bergantiños. Foron unhas vellas paredes montevideanas as primeiras que oíron longas discusións sobre algo chamado comarca. No seo do recén nacido fogar bergantiñán había dúas liñas ben definidas sobre quen tiña dereito a ser membro directivo.
Estaban os defensores da tese reducida pola que só o podían ser os nativos de Carballo. Os da tese ampla pola contra sostiñan que calquera nacido en Bergantiños podía ser directivo. Houbo investigacións e consultas na biblioteca do Patronato da Cultura Galega pero sen acordo porque a comarca ía e viña segundo fose quen a estirase. Un socio de Baio quería ser directivo e tamén outro de Arteixo. Foi daquela cando o Raiano dixo que a comarca non era un chicle e que non chegaba ao río Grande. Intervén Amadeo para sentenzar que os de Arteixo como é ben sabido son coruñeses da Coruña.
Un día de reunión na que se volveu falar da comarca foi Mancebo quen pechou a discusión afirmando que non eran os bergantiñáns os que decidían sobre quen é ou non directivo. Os presentes quedaron sorprendidos. Falaban todos a un tempo coincidindo en que eles escollían quen entraba e quen non. Cando se calmaron puideron oír os seus razoamentos: Tedes que entender, amigos, que quen manda é o goberno uruguaio e ademais case ningún de nós temos a cidadanía legal uruguaia. Eles, os gobernantes deste país que nos acolle, non necesitan de ningún mapa xa que por lei calquera persoa que teña residencia legal no Uruguai pode presentarse como candidato á presidencia do noso C.S.C. Bergantiños.
O meu admirado dirixente, canso de tantas liortas, fora consultar cun avogado especializado e viña ben documentado. Aquela noite os bergantiñáns entenderon que as leis uruguaias fixéronse para promover o ingreso no país de man de obra estranxeira. Mancebo foi quen de facer rir a tódolos presentes logo de que comezasen as queixas no senso de que non ten nin pés nin cabeza que veña un tano malandra a presidir unha institución de emigrantes galegos.
Sen alporizarse nadiña dixo que iso é a democracia. Se un napolitano chega ao sillón de mando será porque houbo un socio de Cances e outro de Sofán que o votaron. Contan algúns dos presentes que rematou a súa lúcida intervención dicindo: Claro que poida ser necesario defender a verdadeira democracia fronte de alguén que se vai do rego para facer unha traizón co seu voto. Neste caso –e en prevención de males maiores– virei ás asembleas coa miña vella capadoira porque... aínda non me trema moito a man.