Opinión

Deixade xa de ouvear a Valle-Inclán

Chégabanme noticias, xa fai o seu tempo, dende a chamada Galicia territorial, de que seguíanse os prantos, cruxir de dentes e queixumes en contra do inmenso Valle-Inclán. ¿Con cal motivo? O de sempre. Se lle acusaba –só a ele– de non haber escrito en galego.
Deixade xa de ouvear a Valle-Inclán

Chégabanme noticias, xa fai o seu tempo, dende a chamada Galicia territorial, de que seguíanse os prantos, cruxir de dentes e queixumes en contra do inmenso Valle-Inclán. ¿Con cal motivo? O de sempre. Se lle acusaba –só a ele– de non haber escrito en galego.

Mais alá de que un poda sentir, e mesmo fondamente, ou sexa que cecais obrigar a que se fale unha determinada lingua é cáseque o mesmo que prohibila, e mais alá tamén dos argumentos incluso filolóxicos (lingua viva é aquela que xurde espontáneamente dunha comunidade) que poderían engadirse a iso, sinto a obriga moral de dizer, dende a diáspora, algunhas verbas sobor diste asunto.

O feito de que moitos galegos, grandes e humildes, humildes e grandes, non falasen a súa lingua propia, é a resulta dunha inxusticia hestórica, secular, inesqueíivel..., da que non son responsábeis. Sería como botarlle a culpa ao oprimido do que lle obrigou a fazer pola forza o seu opresor. Además, ise feito –ao longo da hestória da Galicia– convírtese nun dato concreto, na evidencia (palpábel) da realidade dunha dor, dunha ferida, que só agora estará comezando a pecharse. Devagariño.

Non darei na inocentada de lembrar que, por exempro, a mesma Rosalía escreveu moita da súa obra en verso, e cáseque toda a súa prosa e maila súa correspondencia, en castelán. E que foi en castelán que, por exempro, Murguía redactou a súa Historia de Galicia. ¿Quén tería a coraxe de increpalos por iso? ¿E a outros tantos como eles? ¿Quén pode, ainda hoxe, acusar ás víctimas do que lles obrigaran a fazer os seus victimarios?

Pola outra banda, e dende un punto de vista mais pragmático, se é que non mais obxectivo, ¿cómo pode alguén –e no nome da Galiza– regalarlle ao que acredita seu enemigo unha peza do calibre de Valle-Inclán? Don Ramón non é somentes unha figura local. A súa influencia, ben lexítima, é por demais europeia, e non acaba alí. Na nosa Latinoamérica, tamén tantas veces asoballada e inxustamente escarnecida, non podemos olvidar que foi ele o primeiro que, co seu ‘Tirano Banderas’, comezou na literatura con isa forte denuncia a que logo sería (de Miguel Ángel Asturias ao Gabriel García Márquez e Augusto Roa Bastos) a espréndida saga novelística dos nosos sinistros dictadores locais.

Non coñezo, até agora, ninguén que sexa mais galeguista do que o irmán Daniel, do inmorrente Castelao. ¿Hai quen poda negalo? Pois ben, o 7 de xaneiro de 1939, na Universidade de La Habana, Castelao pronunciou unha vibrante conferencia en memoria do noso fidalgo arosán, morto pouco antes de comenzar a guerra civil, que titulou precisamente ‘Galicia y Valle-Inclán’. Alí diz unha e outra vez, mais que nidiamente, que ao seu entender “Don Ramón era entrañablemente gallego”. E ainda mais: “Era gallego por la lengua, el estilo y el ritmo de su voz musical”. E fina o seu longo e belo texto afirmando de novo: “Galicia, pues, es un pueblo manco y glorioso; glorioso y manco como Don Ramón del Valle-Inclán, el hijo emigrante que más se le parecía”. ¿Será preciso engadir algo a iso? ¿Ou haberá aínda hoxe na Galicia quen se sinta mais galego que o guieiro? Craro que, todo é posíbel, Castelao elixíu dizer a súa conferencia en castelán, xa que tódolos universitarios da Habana aida non falaban galego. Non sei se lle será perdoado.

Rodolfo Alonso.

Poeta, traductor e ensaista arxentino, de pais galegos e infanzia bilingüe

www.rodolfoalonso02.blogspot.com

Deixade xa de ouvear a Valle-Inclán