Opinión

Fío de prodixios musicais de Galicia que Milladoiro mantén vivo

Algo máis que a vontade, o compromiso certo con Galicia, fai que participe no acto de presentación do novo concerto de Milladoiro en Madrid. Teño apetencia de saudar a Moncho García, despois de tantos anos da nosa colaboración nos medios públicos galegos. Eran tempos nos que naceu unha implicación certa de proximidade coa cultura do país e era posible presentarlle a Carlos Núñez a Julio Iglesias, e que este o convidase ao Royal Albert Hall, e que alí coñecese a The Chieftains capitaneados por Paddy Moloney, e comezase un fío de prodixios musicais que se estenderon polo mundo; cando era posible facer cantar a Los Panchos en galego e esgotar ese disco en Francia ou no Xapón; ou... que nacese unha industria, a audiovisual, chamada a dar mil alegrías e a descubrir mil valores como as primaveras.

Fío de prodixios musicais de Galicia que Milladoiro mantén vivo

Todo foi así ata que murcharon as camelias e as rosas e caeron os peóns da ambición desa proximidade e implicación galaica en moitos ámbitos, confundindo o popular e cidadán co político, ou viceversa. E no camiño, difuminouse o Festival de Música Clásica, que referenciou a Compostela no mundo, cal Salzburgo, e por arte de birlibirloque deixáronse de facer aquelas convocatorias de repercusión global nas prazas xacobeas máis belas, que insuflaron de renovada beleza os ecos de tantos: Rostropovich, Royal Philharmonic Orchestra, Serrat, Montserrat Caballé, Pavarotti, Plácido Domingo... mentres Mike Oldfield actuaba ante 250.000 persoas en Santa Cristina, B.B. King deleitaba en Ourense, os Rolling ou Bruce Springsteen ou Gloria Gaynor se achegaban ao Monte do Gozo ou Elton John reaparecía en Pontevedra. Nada é hoxe comparable.

Aquela Galicia Calidade era ambiciosa e chegaba con miles de concertos ata o último recuncho de Galicia, e elevaba ás corais locais, bandas de música ou gaitas, orquestras e ás mozas promesas... Os tempos cambiaron, non se fan mal as cousas, pero tampouco todo o ben ou con todo o tino que se debería, pénsase en curto ou, simplemente, en gozo momentáneo.

O outro día en Madrid, decateime de que Milladoiro pisou por primeira vez a Casa de Galicia, esa embaixada pensada por Fraga á altura dos tempos, e, se se me permite, do Museo do Prado, non para facer magostos senón para levar os Grecos de Monforte, as recuperadas esculturas do Pórtico ou a obra dos grandes pintores galegos. Fai falta ambición, entendemento e algo de orzamento... e non é que non o haxa, pero os vips de andar por casa, parecen pensar coas pantallas, ao son da que se celebra, enrédanse en endogamias de autosatisfacción, e non estiman o asentamento dun futuro ou dunha cultura, mentres esta se codea co mundo por méritos propios: Abraham Cupeiro, o propio Carlos Núñez, Iván Ferreiro, Luz e tantos outros, nunha saga que completan actores, actrices, e personaxes da arte.

Pero desvieime. Milladoiro chega a Madrid da man da Fundación Medinaceli DEARTE con motivo do seu 45 aniversario, un fito que celebra non só a traxectoria dun dos grupos fundamentais da música celta e galega, senón tamén o seu papel como embaixador da cultura e a lingua de Galicia a nivel global. Este evento busca celebrar a importancia e a vixencia do grupo fundado a finais da década de 1970 da unión da formación tradicional Faíscas do Xiabre con Antón Seoane e Rodrigo Romaní.

A música que Milladoiro cultivou enmárcase na rica tradición da música celta. Este concepto engloba estilos de diferentes rexións como Irlanda, Escocia, Bretaña, e, de maneira indiscutible, Galicia e Asturias. Milladoiro non só participa desta tradición, senón que a redefiniu. A presentación oficial celebrouse coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos. Milladoiro soubo fusionar a gaita galega –ese instrumento que Castelao, consideraba que requiría máis alento que unha guitarra, e que Álvaro Cunqueiro chamou “a máis fermosa ave que canta en Galicia”– coa arpa celta, o bodhrán (tambor de marco irlandés) e a zanfona, xunto a outros máis universais. É precisamente este labor de recuperación e reivindicación da tradición musical galega, empregando unha rica instrumentación que se converte na estilográfica da identidade, o que lle valeu o respecto internacional, con fitos como o Premio Goya á mellor música orixinal pola banda sonora da película La mitad del cielo (1986) e a Medalla de Ouro de Galicia (2012). A banda actual, composta por Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García Rei, Harry.c, Manú Conde e Manuel Riveiro, continúa a senda que comezou no outono de 1978. En Galicia creamos un aire vital, que fai soar as gaitas. Este aire vital é o que Milladoiro transporta a Madrid onde fai máis de trinta e cinco anos bailei coma nunca. Eran outros tempos.

Alberto Barciela

Xornalista