Tódolos Santos... o magosto

A noite de tódolos Santos, o pasado 31 de octubre, celebrouse entre a colectividade galega en Cataluña en torno á tradicional castañada que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá’, que ven avalada por diversas lendas ou historias que recolle a tradición oral catalana. Unha delas ben podía ser esta da que lle damos conta, e á que estes días fan referencia diversos medios de comunicación que dedican espazos a este tema.
Trasladámonos á Idade Media cando se utilizou este evento para lembrar a tódolos veciños dos pobos cataláns a necesidade de rezar polos defuntos. Durante a noite de tódolos santos tocábanse as campás de todas as parroquias e conventos, de tal sorte que o campaneiro necesitaba dun gran achegue de enerxía para recuperarse do esforzo.
Ao ser a castaña o froito máis abundante do outono, recuperábanse do cansazo con castañas e pequenos grolos de viño branco, para facelas máis pasadeiras. Como o número de campanarios era moi elevado naqueles tempos e ao campaneiro íanse engadindo as persoas e familiares máis achegados, nun afán de querer compartir con el as súas penas e tamén os seus gozos, finalmente todos acababan comendo castañas e bebendo viño.
Mais adiante, nos pobos, pola tarde tódolos homes dedicábanse a recoller castañas, ‘boniatos’ e leña. As mulleres facían pasteliños parecidos aos actuais ‘panellets’ (feitos a base de améndoa moída e azucrada) e ao chegar a noite reuníanse todos ao redor do lume coméndose as castañas e os ‘boniatos’ asados á leña e os pasteliños que traían as mulleres e así celebraban o final da colleita e rezaban polos defuntos.
A finais do século XVIII, o costume estendeuse de tal maneira que a castaña pasa a ser un elemento de comercio e é entón cando fai a súa aparición a figura das ‘castañeras’, mulleres que asan as castañas ao lume e véndenas en postos nas rúas.
Hoxe a esta celebración tamén se unen as entidades galegas afincadas aquí en Catalunya, e por estas datas celebran a tradicional ‘Festa do Magosto’ ou ‘Castañada’, xuntando aos seus socios e amigos para celebrar a colleita do froito da arbore máis emblemática de Galicia.
Así ese fin de semana estivemos en Cornellá (Barcelona) na ‘Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro’ onde se celebrou o seu ‘Magosto’, xuntando a redor del aos socios e amigos da entidade. Máis de trescentas persoas degustaron na tarde do sábado día 31 de outubro as castañas que viñeron de Galicia para celebrar a festa, mollándoas cos viños galegos, e rematando a xornada festiva coa tradicional verbena que nesta entidade galega que hoxe preside o ourensán Ricardo Pérez Anta, cada ano se celebra como un acto de moito agarimo por parte da masa social da entidade.
Ademais este acto abriu as portas das XXIV ‘Xornadas Culturais’ que a entidade organiza polo outono desde hai 24 anos, cun importante programa de actividades como: unha excursión ao nacemento do Río LLobregat, unha exposición de pintura na que o pintor galego residente en Barcelona, Anxo Baranga, amosará parte da súa obra, un festival artístico no ‘Patronato de Cultura de Cornellá’, no que, entre outras actuacións, poderemos ver ao ‘Grupo Agarimos de Badalona’, co seu espectáculo ‘Agarimad@s’, e como acto cerne o fallo do ‘Certame Literario Rosalía de Castro’ que se fallará o día 21 de novembro. E para rematar o ano, o ‘Festival de Nadal’ no que os máis novos da entidade porán sobre o escenario unha gran variedade de actividades artísticas.