ERA UN DOS PROGRAMAS EN GALEGO CON MáIS SIGNIFICADO NA COLECTIVIDADE GALEGA EN CATALUñA

O programa de radio en galego ‘Lonxe da Terra’ pecha a súa emisión despois de máis de tres décadas no aire

O pasado sábado, preto das 12 da noite, cando estaba a piques de rematar o programa de radio en galego ‘Lonxe da Terra’, que se emitiu durante máis de tres décadas baixo a dirección de Manolo Valdés nas ondas de Radio Teletaxi, o mesmo director e presentador despedíase dos oíntes anunciando que ese era o último programa e pechaba a súa edición, ante a sorpresa dos radioíntes que quedaban orfos dun dos programas de radio en galego con máis significado na colectividade galega en Cataluña.

O programa de radio en galego ‘Lonxe da Terra’ pecha a súa emisión despois de máis de tres décadas no aire
2015030913460077597
Polo programa pasado diferentes persoeiros da vida galega.

O pasado sábado, preto das 12 da noite, cando estaba a piques de rematar o programa de radio en galego ‘Lonxe da Terra’, que se emitiu durante máis de tres décadas baixo a dirección de Manolo Valdés nas ondas de Radio Teletaxi, o mesmo director e presentador despedíase dos oíntes anunciando que ese era o último programa e pechaba a súa edición, ante a sorpresa dos radioíntes que quedaban orfos dun dos programas de radio en galego con máis significado na colectividade galega en Cataluña.

No ano 1980 comezaba a súa andadura da man de Manolo Valdés Fernández e durante este 33 anos ‘Lonxe da Terra’ foi o estandarte da divulgación das actividades das entidades galegas en Cataluña. Hoxe co peche da emisión perden a mellor fiestra para amosar a súa realidade, as súas actividades, de tal xeito que algúns directivos, aínda incrédulos, non deixan de manifestar que “isto é unha catástrofe, que nos deixa sen a principal ferramenta para que se saiba da nosa existencia”.

A verdade é que coa desaparición de ‘Lonxe da Terra’, tanto ás entidades como a colectividade galega en xeral residente en Cataluña perden un espazo de divulgación, no que sempre tivo acollida calquera acontecer relacionado con Galicia e cos galegos residente en Cataluña. O seu fundador e director, nos 33 anos de andadura, sempre estivo ao carón de calquera acto no que se lle requiría. A súa colaboración para o desenvolvemento da colectividade foi decisiva e imprescindible, seguramente moitas veces con dificultades dado que desde unha empresa privada levou a cabo unha tarefa persoal e profesional da que algún día, non moi lonxano, se botará a faltar.

Entre os programas de radio feitos en galego, que se emitiron e se emiten, a través de diferentes emisoras de radio da provincia de Barcelona, ‘Lonxe da Terra’, que se emitía tódolos sábados de 8 a 12 da noite, é o decano de todos eles, así coma o que chega ao maior número de oíntes, dado que a súa cobertura, a través das ondas de radio Tele-Taxi e RMR, abrangue á práctica totalidade do territorio catalán, ó baixo Aragón, País Valenciano e parte das Illas Baleares, así como Andorra.

Manolo Valdés, un clásico da radiofonía galega en Cataluña, foi, ao longo das máis de tres décadas de programa, un grande impulsor da programación, e tamén da consolidación, de ‘Radio Tele-Taxi’ como unha das emisoras de maior asentamento popular, entre os radiooíntes de Cataluña. A súa presenza, o seu traballo, amosa a pegada galega, a calquera hora que se sintonice a devandita emisora, coa súa diversidade de programación, e cunha sementeira de valiosos profesionais, auténticas figuras da radiofonía. Velaí pois, de súpeto algo soa a Galicia, en calquera dos programas, unha cantiga galega, unha nova de Galicia ou o anuncio dalgún acto que algunha das entidades galegas vai a celebrar etc. Isto, que non se dá noutros medios de comunicación, sen dubida é froito da presenza dun galego impulsor da súa terra, da súa cultura etc., e sobre todo un grande comunicador e divulgador das actividades da comunidade galega en Cataluña.

‘Lonxe da Terra’, baixo a dirección de Manolo Valdés, foi un programa en galego no que  sempre tivo cabida calquera galego que tivera algo interesante que dicir, aberto á participación dos seus oíntes que aportaban ao programa a vitalidade, o enraizamento e as peculiaridades daqueles galegos que, procedentes maioritariamente do mundo rural ou mariñeiro galego, que coinciden co segmento da poboación galega emigrada en Cataluña, atoparon no programa a súa maneira de sentirse galegos, de que alguén escoite o seu sentimento á terra.

Se tiveramos que facer unha carta de presentación de Manolo Valdés e do seu programa, chéganos unha ou dúas frases: “trinta e tres anos… ‘Lonxe da Terra”, pero, preto de Galicia, e dos galegos residentes en Cataluña, servindo e divulgando a súa cultura o seu labor, a presenza galega en terras cataláns.

A súa filosofía, baseada nunha liña de pluralidade comunicativa, cunha fórmula consistente en manter vivas as inquietudes dos galegos e as súa tradicións, herdadas dos seus devanceiros, enraizadas en cada un dos seus lugares de orixe, xunto coa vitalidade da súa liña musical na que cada semana aparecían as novas gravacións, facía que ‘Lonxe da Terra’ tivera engaiolada á maioría da emigración galega no leste español.

A través do seu programa, Manolo Valdés divulga intensamente cada unha das actividades que organizan a vintena de entidades galegas de diverso matiz, que existen en Cataluña, pero o seu labor non só abrangue ás actividades das entidades; calquera iniciativa ou feito de interese relacionado con Galicia, sempre tivo un oco no programa, así como a mellor información do acontecer semanal na Galicia territorial, a través do percorrido que cada semana facía polas novas de interese da prensa, radio e TV de Galicia, desde as movidas políticas, sindicais, culturais e as falcatruadas dalgún alcalde ou personaxe público, sempre cun tratamento informativo rigoroso, obxectivo e pluralista.

O deporte galego dentro do programa foi un espazo especialmente aloumiñado. Cada semana, este espazo divulgaba a problemática xerada a redor do fútbol, especialmente dos equipos modestos, cun especial tratamento á canteira futbolística, así como nos demais deportes de tradición galega, no que tampouco faltou a entrevista habitual cos dirixentes ou deportistas de elite.

O programa de radio en galego ‘Lonxe da Terra’ pecha a súa emisión despois de máis de tres décadas no aire