A pegada de Pereiro na literatura galega, tema da conferencia en Lleida
Como cada ano, o Centro Galego de Lleida, que preside Xosé Terceiro Folgar, conmemorou o ‘Día das Letras Galegas’ coa coorganización dunha conferencia a cargo do historiador Manoel Carrete, celebrada no ‘Institut d’Estudis Ilerdencs’ da cidade de Lleida. Na súa oratoria, Manoel Carrete Rivera versou sobre a figura do poeta homenaxeado este ano, Lois Pereiro, a súa obra e súa vida, e a pegada que deixou na literatura galega.
O acto foi arroupado coa actuación da Coral Cengallei que deleitou aos asistentes cun recital poético-musical baseado en temas da cultura galega. No devandito acto, que rematou coa interpretación do Himno Galego, estivo presente, ademais do numeroso público asistente, o rexidor do Concello de Lleida, Jesús Castillo Cervell; e o presidente da Federación de Casas e Centros Rexionais de Lleida, Cosme García i Mir, entre outras autoridades.
Asemade, durante o mes de maio, o Centro Galego de Lleida organizou un programa con diversas actividades, co gallo da celebración da Festa Maior da cidade que se celebrou na primeira quincena de maio, e na que os lleidanos poideron deleitarse de actos como a festa de ‘Sant Anastasi’, na que montaron unha caseta os días 7 e 8, e na que se divulgaron e degustaron productos típicos de Galicia. O evento foi un rotundo éxito, xa que foron moitas as familias que visitaron a ‘caseta’, para degustar os exquisitos productos traídos de Galicia.
O mércores 11 de maio tivo lugar a ofrenda de flores ao Patrón San Anastasio, na que, como xa é habitual, participou o Centro Galego, coa presenza de compoñentes do Centro, ataviados co traxe típico de Galicia, e os que acompañaron os membros da Xunta Directiva e outros socios e amigos.
A Batalla de Mouros e Cristiáns, que cada ano a cidade de Lleida conmemora, o domingo día 12, tamén tivo representación galega coa partiocipación da Vocalía da Muller do Centro Galego, que participou na festa de Mouros e Cristiáns cun pasarrúas polo Centro Comercial ata a Praza de ‘Sant Joan’, onde houbo audición musical a cargo das bandas de música, que interpretaron marxas mouras e cristianas.
Ás 18,00 horas houbo desfile de comparsas de Mouros e Cristiáns dende a Porta do León da ‘Seu Vella’, pasando polas rúas, Caballeros, Blondel, ata a Praza de ‘Sant Joan’ e, de seguido, a loita na praza da Sardana da ‘Seu Vella’.