A ‘Irmandade Galega’ de Rubí traslada a súa ‘Festa’ á Rambla do Ferrocarril
Organizado pola Irmandade Galega, a localidade de Rubí (Barcelona) acolleu durante os pasados días 27, 28 e 29 de maio a festa de celebración do seu 30º aniversario, así como a conmemoración do ‘Día das Letras Galegas’. Un relato en lembranza ao agasallado coas ‘Letras Galega 2011’, Lois Pereiro, abría os actos conmemorativos, organizados pola Irmandade Galega, que, nesta ocasión, decidiuse a cambiar de lugar de celebración, coa finalidade de acercar aos cidadáns unha das principais actividades que organiza ao longo do ano.
A popular Festa Galega, que se leva celebrando desde os seus comezos no Parque de Can Oriol, trasladouse este ano ao centro da cidade, na Rambla do Ferrocarril, onde tivo unha acollida espectacular por parte dos veciños de Rubí. O cambio de lugar fíxose coa finalidade, segundo a presidenta da Irmandade, Silvia Castañeda, de acercar aos cidadáns unha das principais actividades que a entidade galega organiza, xa que, segundo ela, facer visible a festa e mantela aberta a todos os cidadans, é a mellor maneira de compartir coa cidadanía as cousas de Galicia e asegurarse así o futuro da celebración.
Non faltou o tradicional pasarrúas pola cidade, a cargo de varios grupos de gaitas, tambores e pandeiretas, cunha visita homenaxe ó símbolo da galeguidade en Rubí como é a Praza dedicada ó ilustre poeta galego Celso Emilio Ferreiro. Alí tivo lugar unha ofrenda floral perante o seu monolito, para logo seguir o camiño a modo de romaría ata chegar á Rambla do Ferrocarril, onde se celebraron os actos festivos durante o fin de semana.
A Festa Galega foi unha festa ao máis enxebre estilo galego, que contou coa participación de numerosos grupos de danza e música galega das principais entidades galegas de Cataluña, así como grupos doutras entidades representativas de diversas comunidades autonómicas en Rubí, que, xunto coa orquestra ‘Os Trobadores’ e o grupo de música celta ‘Abraira’, de Valladolid, lle deron vida musical á festa.
Exposición de libros e ampla información turística e cultural de Galicia, sen faltar os típicos produtos gastronómicos como polbo, empanada, lacón, etc., e os viños da terra, servidos exquisitamente pola empresa gastronómica ‘Pulpalia’, de Lugo, adornaron o recinto da festa para goce dos numerosos visitantes.
Cabe destacar a presenza de membros dos diferentes entes de goberno de Cataluña, especialmente do Concello de Rubí que cada ano participan activamente nesta conmemoración da entidade galega coa que teñen excelentes relacións.
‘O Pardao’
A edición especial da súa revista ‘O Pardao’, que veñen editando asiduamente desde hai máis de dous lustros, dedica nesta edición un percorrido pola historia da entidade durante os seus 30 anos de andadura, con reportaxes dos feitos máis sobranceiros que durante o ano en curso deixaron pegada galega en Rubí.
Tamén se inclúen diversos traballos de diferentes autores, sobre a vida e a obra do agasallado coas Letras Galegas, entre outros traballos de interese cultural galego e de actualidade.
A Irmandade Galega de Rubí é unha entidade cultural galega con fonda raizame nesta vila da periferia de Barcelona. Neste momentos está presidida por unha das mozas máis dinámicas nos asuntos socioculturais da colectividade galega en Cataluña, e mesmo da vida asociativa da Cidade de Rubí, como é Silvia Castañeda, quen leva moitos anos espallando a cultura e a danza galega a través do grupo da Irmandade, actividade que hoxe compaxina coa presidencia da entidade.