O Centro Galego de Barcelona acollerá este encontro de investigadores galegos

O II Foro da Investigación Galega no Estranxeiro terá lugar os próximos 15 e 16 de maio en Barcelona

O II Foro da Investigación Galega no Estranxeiro (FIGaE) realizarase na terceira semana de maio en Barcelona. Nos días 15 e 16 de maio o Centro Galego de Barcelona acollerá ao persoal investigador galego que desenvolve o seu labor no estranxeiro.

O II Foro da Investigación Galega no Estranxeiro terá lugar os próximos 15 e 16 de maio en Barcelona

Na cidade atoparase un espazo no que manter o contacto entre a realidade investigadora galega, co obxectivo de fortalecer lazos, partillar coñecemento e ser un punto de encontro de experiencias.

Organizado polo Grupo de Traballo de Mobilidade Internacional, o FIGaE nace como un marco para a diáspora investigadora galega e persegue tres obxectivos principais: tecer rede entre investigadores, visibilizar o traballo científico galego que se realiza no estranxeiro e non perder a conexión con Galicia e co que se está a facer no ámbito da investigación no país.

Ao longo de dúas xornadas, o programa inclúe espazo para que os participantes presenten a súa investigación, así como foros de debate e actividades orientadas ao fomento da colaboración e intercambio de experiencias entre participantes de distintas áreas de coñecemento.

A asistencia ao foro require inscrición previa, tanto para a asistencia como para a presentación de comunicacións, a través do formulario habilitado para tal fin. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de marzo ás 23:59 horas, con aforo limitado. A organización anuncia tamén que haberá axudas para mobilidade, que serán difundidas proximamente.

O II FIGaE busca consolidarse así como unha data chave para a comunidade investigadora galega no estranxeiro, reforzando a cooperación científica e o vínculo permanente con Galicia.