Organizada pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro

A Festa Galega de Cornellá volveu a encher de xente o máis fermoso parque da cidade

Un ano máis, a popular Festa Galega que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, polo Corpus, ‘Festa Major’ de Cornellà, volveu a recoller éxitos espectaculares.

A Festa Galega de Cornellá volveu a encher de xente o máis fermoso parque da cidade
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Un momento de la ofrenda floral.

Un ano máis, a popular Festa Galega que organiza a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro, polo Corpus, ‘Festa Major’ de Cornellà, volveu a recoller éxitos espectaculares. Tanto no tocante á participación cidadá que lle deu vida, coa súa masiva presenza, no mítico Parque de Can Mercader,como no apoio institucional por parte do Concello de Cornellà. Agas as ausencias dos representantes dos gobernos, tanto da “Generalitat de Catalunya como da Xunta de Galicia.

O Parque de Can Mercader volveu a lucir o seu esplendor e cumpriu con tódalas expectativas, durante os días 5, 6 e 7 de xuño de 2015, milleiros de galegos e non galegos asistiron aos diferentes actos, facendo que esta Festa Galega siga sendo unha cita destacada dentro dos actos programados en Cornellà, co gallo das súas festas patronais, e tamén como acontecemento no que se dan cita unha grande maioría de galegos residentes en Barcelona.

Homenaxe aos socios

Os actos festivos comezaron o venres pola tardiña coa homenaxe aos socios da entidade mediante a celebración, no recinto da festa, dunha Cea de Irmandade á que asistiron numerosos socios e amigos da entidade, así como representantes municipais como Antonio Martínez, teniente de alcalde de Cornellá; a regidora del Barri onde ten a sede social a entidade, Aurora Mendo; Rocío García, teniente de alcalde e delegada de área de Políticas de Ciudadanía, entre outras autoridades e representantes doutros estamentos socioculturais de Cornellà, e na que se lles homenaxeaba coa Insignia de Prata da entidade aos socios: Emilio Luís López Arias, Dolores García Aguión, José Álvarez Gómez, Estrella Rouco Rodríguez, Gil Fernández Martínez, Manuel Ángel Rivela López e Constantino Carballido Vega, que este ano cumpriron 25 anos de antigüidade de militancia na asociación. Este acto foi seguido da tradicional verbena amenizada pola orquestra Cocktail Elegant. E rematou o primeiro día de festa pola madrugada co concerto de musical para a xuventude a cargo do grupos ‘Soulkillers’.

Ofrenda floral a Rosalía de Castro

O sábado pola mañá, ao redor dun milleiro de persoas asistiron á ‘Ofrenda Floral’, un acontecer de identidade galega, nun emotivo acto no que o alcalde de Cornellà, Antonio Balmón Arévalo, xunto co presidente da Asociación, Alfonso Rico García, presidiron o acto depositando o tapiz de flores representando a Galicia e Catalunya.

Acto ao que asistiron outras autoridades como os portavoces do grupos municipais de Cornellà, ademais da corporación municipal, e diversas entidades socioculturais de Cornellá, os partidos políticos con presenza na cidade, depositando cada un deles o seu correspondente ramallo de flores no monólito á Rosalía de Castro, que convive con nós desde o ano 1990 nos xardíns do devandito parque.

Asemade, socios e amigos, entidades e institucións públicas renderon unha sentida homenaxe á musa das nosas letras, ó son dos himnos catalán e galego, interpretados pola Banda de Gaitas Rosalía de Castro, xunto cos grupos: Castellers de Cornellà,  A.C.G. Agarimos de Badalona e a Casa Galega de Hospitalet, que participaron no acto coas súas correspondentes actuacións. 

Xa pola tarde, despois do tradicional xantar campestre ao que asistiron unhas duascentas persoas, socios e amigos da entidade, representantes municipais e da vida asociativa de Cornellà, e o presidente de honra de entidade organizadora, José Montilla i Aguilera,  así como representantes de entidades galegas de Catalunya, o recinto da festa adornouse coas actuacións dos seguintes grupos: Centro Asturiano de Barcelona, A.C.G. Agarimos de Badalona, Centro Castellano y Leonés de Barcelona e o da A.C.G. Rosalía de Castro nas súas diversas modalidades. Seguido da gran festa rachada tarde e noite coas orquestras galegas ‘Marimba’ e a ‘Tropicana’.

O domingo pola mañá comezaron as actuacións dos grupos da Irmandade Galega de Rubí e do nCentro Cultural Blas Infante de Cornellà. Despois dun xantar campestre, máis actuacións cos grupos: ‘Esbart Dansaire’ de Molíns de Rei, Asociación ‘Cornellà per las Donas’ e da entidade organizadora, Rosalía de Castro.

Ás 20.30 horas deu comezo a festa rachada coa orquestra ‘Marimba’, rematando a festa cos tradicionais fogos artificiais e fin de festa coa popular queimada galega.

Ademais de tódalas actuacións que estiveron á altura que a festa merece, no eido gastronómico, numerosas familias se deron cita á sombra das centenarias árbores de Can Mercader, para degustar xantares campestres e compartir unha fin de semana gozosa con amigos e familiares, unha xuntanza gastronómica e festiva na que se citan cada ano amigos e familiares da colectividade galega de Catalunya, que compartiron con socios e amigos da entidade organizadora unha gran festa galega nun dos máis fermosos parques de Catalunya como é Can Mercader de Cornellà.

Asemade os asistentes tamén puideron ollar exposicións de libros, pinturas, música, etcétera, así como información sobre turismo de Galicia e o Camiño de Santiago, e todo tipo de produtos da gastronomía galega servidos con exquisitez por Exclusivas Casa Díaz de Lugo.