A entidade ‘Rosalía de Castro’ de Cornellá celebra o 20º aniversario de ‘Can Mercader’
Vinte anos cúmprense xa da popular ‘Festa Galega de Can Mercader’, que organiza a ‘Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro’ de Cornellá (Barcelona), presidida por Ana Belén Martínez Avelleira. A celebración, que cada ano se convoca polo Corpus, festa maior da cidade de Cornellá, tivo este ano un interese especial, xa que se conmemora o 30º aniversario da entidade organizadora. Durante estes anos, a Asociación Cultural levou a termo innumerables actividades, entre elas a ‘Festa Galega de Can Mercader’, que se iniciou no ano 1990.
O evento deste ano volveu lucir con todo o seu esplendor e cumpriu con tódalas expectativas: xuntar en Can Mercader, os días 4, 5 e 6 de xuño, a milleiros de galegos, facendo que esta festa siga sendo unha cita ineludible dentro dos actos programados en Cornellá co gallo das súas festas patronais, e tamén como acontecemento no que se dan cita unha grande maioría de galegos residentes en Barcelona.
Os actos festivos comezaron o venres pola tarde coa homenaxe aos socios da entidade, coa celebración, no recinto da festa, dunha Cea de Irmandade, á que asistiron arredor de 300 persoas, socios de Rosalía de Castro, así como amigos doutras entidades. Tamén se rendeu homenaxe a rexedora do Barrio da Gabarra, onde ten a sede social a A.C.G. Rosalía de Castro, Aurora Mendo, e representantes doutros estamentos socioculturais de Cornellá, e na que se lles concedía a ‘Insignia de Prata’ da entidade aos socios Francisco Daza Ojea, Ramiro Arca Rodríguez e Xesús García Aguión, que este ano cumpren 25 anos de antigüidade na Asociación.
O acto seguiu coa verbena a cargo da orquestra ‘Banda Sonora’. A festa ten o seu máximo esplendor cando se rende homenaxe á poetisa que lle dá nome a entidade, coa celebración da ‘Ofrenda Floral’, un acontecer de identidade galega que se levou a cabo o sábado pola mañá, nun emotivo acto no que o alcalde de Cornellá, Antonio Balmón, xunto coa presidenta da Asociación, Ana Belén Martínez Avelleira, e o representante da Xunta, Ramón Brigos Fernández (subdirector xeral de Programas Sociais), presidiron o acto depositando o tapiz de flores representando as bandeiras de Galicia e Cataluña.
Asemade, socios e amigos, entidades e institucións públicas renderon unha sentida homenaxe de Cataluña e Galicia á musa das ‘letras galegas’, depositando o seu correspondente ramallo de flores a beira do monolito de Rosalía de Castro, ao son dos himnos catalán e galego, interpretados pola banda de gaitas da A.C.G. Rosalía de Castro. Asistiron representantes dos diferentes estamentos políticos e socioculturais de Cataluña, os representantes da corporación municipal de Cornellá en pleno, e as diferentes entidades galegas de Cataluña.
Coa ofrenda floral iniciouse o ronsel de actuacións dos grupos galegos e cataláns de música e danza que durante os dous días lle deron contido á festa, coas súas espectaculares actuacións, desenvolvéndose ao xeito das grandes festas galegas nas que non faltan, ademais das gaitas, os diferentes produtos da gastronomía galega: Polbo, empanada, lacón, pementos, etc., ademais dos ricos viños do país, xunto coas orquestras: ‘Banda Sonora’, ‘Oem’ e ‘Costa Dorada’ de Ourense, que se encargaron de amenizar as verbenas.
Ademais de tódalas actuacións que estiveron á altura que o evento merece, no eido gastronómico, numerosas familias se deron cita á sombra das centenarias árbores de Can Mercader para degustar de xantares campestres e compartir unha fin de semana gozosa con amigos e familiares.
Asemade os asistentes tamén puideron ollar exposicións de libros, pinturas, música, etc., a cargo da produtora Serxiofolk, así como abundante información sobre turismo de Galicia e o Camiño de Santiago, con visións multimedia da proxección do Camiño Catalán, que ofreceu a asociación Amigos do Camiño de Barcelona, que preside Ramiro Arca. No eido musical sinalar a presentación do último traballo discográfico, que conten o himno da A.C.G. Rosalía de Castro, do cantautor galego afincado en Cataluña, Alfredo González.
Aproveitando esta popular festa, o domingo día 6, no escenario principal, realizouse o sorteo do programa de radio ‘Sempre en Galiza’ –da A.C.G. Rosalía de Castro, que se emite todos os sábados en Radio Cornellá, baixo a dirección do profesor Xulio Couxil Vázquez–, con motivo do 24º aniversario da posta en marcha do programa. O xogo consistiu en que todos os interesados tiñan que enviar un correo electrónico e facer un comentario no blog, ou ben chamar por teléfono a Radio Cornellá solicitando un número.