Os empresarios galegos en Cataluña cítanse na primera ‘Xuntanza de galegos’
O recinto da Farga de Hospitalet (Barcelona) acolleu entre o 8 e o 12 de outubro a primeira ‘Xuntanza de Galegos’ organizada pola Fundación Galicia Universal. Segundo o presidente da institución, Ernesto Lagarón, tratouse dun proxecto posto en marcha cunha nova forma de facer as cousas e de promover Galicia desde o exterior. Durante os cinco días que durou a festa, o Centro de Actividades da Farga converteuse nun lugar de promoción de Galicia con actividades festivas, gastronómicas e culturais para tódolos públicos, desde os cativos ata os máis maiores.
No eido comercial, a xuntanza contou con stands de diversas empresas galegas que ofertaban os seus produtos. Desde a gastronomía, a artesanía, o turismo e ata o sector bancario, exposicións de temática variada, traxes tradicionais galegos, tallas de madeira e cerámica ou ferramentas antigas de carpinteiros, zoqueiros e outros oficios de tradición galega que hoxe están en desuso.
Con esta feira comercial, os organizadores pretenderon pór unha ponte entre Galicia e Cataluña e dar a coñecer o enorme potencial que teñen en Cataluña os produtos galegos.
Como en calquera festa galega, ademais do comercial, tamén se fixeron actividades importantes no eido musical, como os concertos. O 8 de outubro, pola noite, saíu o escenario o gaiteiro galego Anxo Lorenzo e o seu grupo, co que se inaugurou o evento, e de seguido se celebrou a actuación do grupo Berrogüeto, quen tocou sustituíndo a Milladoiro. O grupo suspendeu o seu concerto por culpa dun acidente que sufriu un dos seus compoñentes.
Asistiu o ministro Corbacho
As orquestras Compostela e a Isla, xunto cos grupos das entidades que forma a Fundación Galicia Universal, encargáronse de darlle ás xornadas o contido festivo e cultural. Ademais, o evento contou coa visita de diversos personaxes, tanto cataláns como galegos. Destacou a presencia do ministro de Trabajo e Inmigración, Celestino Corbacho; a alcaldesa de Hospitalet, Nuria Marín; o presidente de CiU, Artur Más, e representantes da Xunta de Galicia, como a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o subdirector xeral das comunidades galegas no exterior, Andrés Castro.
Por outra banda, a secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, impartiu unha conferencia titulada ‘O turismo na economía galega’, donde afirmou que o turismo galego é “unha fonte xeradora de riqueza” para o país, xa que o sector supón un 10,4% do PIB. “Por cada 100 empregos creados na actividade turística, xéranse indirectamente 27,5 postos de traballo adicionais noutros ámbitos da economía galega”.
A responsable de Turismo fixo un repaso pola conxuntura do sector turístico de Galicia, que sitúa a Galicia nunha das comunidades do Estado que máis medrou. Así, informou que, nos oito primeiros meses, o volume de viaxeiros aloxados en establecementos regrados foi de 2.986.741, o que se traduce nunha porcentaxe de aumento do 11,21% respecto do mesmo período do ano pasado. Mentres que as pernoitas tamén aumentaron un 8,1% respecto do ano 2009. “A este volume de viaxeiros, hai que engadir 3.049.668 excursionistas estranxeiros que visitaron Galicia entre xaneiro e agosto deste ano”.
Tamén analizou o factor da rendibilidade empresarial. Nesa liña, sostivo que os prezos hoteleiros teñen subido de maneira continuada en Galicia, fronte ao contexto nacional de caída. “O aumento dos ingresos medios por habitación dispoñible en hoteis de alta categoría foi un 5,7% superior respecto ao ano pasado”.
A celebración do Ano Santo foi un dos puntos básicos analizados tamén na conferencia. Segundo o ‘Barómetro de Rendibilidade dos destinos turísticos españois’ de Exceltur, a cidade de Santiago rexistrou un incremento do 31,5% dos ingresos por habitación dispoñible nos meses de xuño e agosto respecto do mesmo período do 2009, mentres que a nivel nacional a cifra se situou só no 6,5%. “De xaneiro a agosto a capital de Galicia contemplou o maior aumento do conxunto dos destinos urbanos de España, cun 30,7%”. Asemade, destacou que o número de Compostelas entregadas aos peregrinos na Oficina do Peregrino de Santiago aumentou un 30% respecto do Xacobeo 2004.
Tráfico aeroportuario
En relación ao tráfico aeroportuario, Carmen Pardo destacou que ata o mes de agosto contabilizáronse 2.882.867 pasaxeiros nos aeroportos de Galicia, o que supón un 3,23% máis que no mesmo período de 2009. Na comparativa co mesmo período do último Xacobeo o incremento sitúase no 40,10%. A secretaria xeral, que informou que xa se contabilizaron máis de 6 millóns de visitantes, incidiu na previsión do goberno autonómico de superar os 8 millóns durante este ano, “o que suporá un gran dinamización socioeconómica de toda a comunidade”.
Plan de Acción do Turismo
Nese mesmo contexto, Carmen Pardo explicou aos membros da Fundación Galicia Universal o Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013, polo que se está a rexer a política turística galega actual, e que recolle as aportacións e alegacións realizadas por todo o sector. O plan, que se basea en catro políticas fundamentais, –de ordenación do territorio, desenvolvemento sectorial, de marketing e de produto–, ten como obxectivos primordiais, en palabras da secretaria, “seguir incrementando o peso do turismo no PIB, aumentar a estancia e o gasto medio dos turistas así como facer subir tamén a cota de turismo internacional”.
Outono gastronómico en Barcelona
Por último mencionoulles aos membros da Fundación Galicia Universal a importancia clave de paquetes turísticos, como o ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’, lanzado a través de Turgalicia, e que se está difundindo na cidade condal dende o pasado mes de setembro mediante un camión rotulado. Este servizo turístico permite comer e pernoctar en máis de cen casas de turismo rural ata o 15 de decembro a prezos moi asequibles. Os menús, que conteñen viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia, suman un total de 213 propostas gastronómicas diferentes.
Fundación Galicia Universal
A Fundación Galicia Universal naceu no mes de novembro de 2009 e está composta por oito das principais entidades galegas asentadas en Cataluña, así como por importantes empresarios galegos de Cataluña. É unha entidade galega máis que ven a sumarse ao xa amplo tecido sociocultural galego en Cataluña coa finalidade de trascender fronteiras e de organizar actividades no marco de tres áreas diferenciadas: un foro social, un foro de cultura e outro de emprendedores. Despois do seu congreso constituinte, celebrado no mes de decembre do pasado ano, éste foi o seu primeiro evento de importancia.